Galicia en naipes, cando as barallas falan da cultura dun país

Repaso a deseños de cartas en chave galega

Baralla galega, de Alejandro Mosquera.

Baralla galega, de Alejandro Mosquera. / A.M.

Judith R. Iglesias

As posibilidades inmersas nos momentos de xogo son infinitas: imaxinar, crear, pensar arredor da nosa propia realidade. Cos ollos ben abertos para non perdernos no devir de cada partida e coas ideas en movemento agardando a seguinte quenda, é o momento perfecto para aprender cousas novas máis alá dos libros de texto. Por iso, tal vez, son cada vez máis frecuentes as diversas iniciativas que converten actividades lúdicas en medios de difusión e concienciación da sociedade. Neste sentido, o colectivo Unha Burla Negra presentou no 2023 O Ghaiteiro Petroleiro, un xogo de 125 cartas situado no contexto da catástrofe do Prestige e os problemas ecolóxicos de Galicia. Unha mestura entre diversión e choque de realidades que non é, desde logo, a única proposta que mergulla na complexa identidade galega. E é que existen, de feito, numerosas barallas de naipes que recollen a nosa historia, tradicións e costumes, debuxando no seu conxunto unha elocuente cartografía cultural. A Muralla de Lugo, a Praza de Pontevedra e outros característicos recunchos de Galicia así como personaxes reais e mitolóxicos, a fauna, a flora e mais a gastronomía -e mesmo políticos e sucesos actuais- vense reflexados nestes xogos que expoñen sobra a mesa unha realidade cargada de matices.

O Ghaiteiro Petroleiro, que foi presentado na mostra Las cartas sobre la mesa. La memoria del Nunca Máis y las barajas políticas do Museo Reina Sofía, chega vinte anos despois da Baralla do Prestige (2003), un xogo promovido pola mesma plataforma. Naquela entrega primixenia mantíñanse os paus tradicionais da baralla española, ao tempo que se incorporaban os rostros de figuras públicas do momento. Ademais, e como forma de ilustrar a dura realidade, as espadas estaban dobradas, os ouros amosaban a cara do Presidente Aznar, os bastos tiñan mexillóns adheridos e as copas, chapapote. Agora, O Ghaiteiro Petroleiro é unha baralla artística que de forma satírica combina a memoria do movemento do Nunca Máis co imaxinario popular galego, propondo un arquivo visual ao servizo da conmemoración crítica deste vixésimo aniversario. Organizados en “criaturas”, “alimentos”, “trebellos”, “meigallos” e “tesouros”, podémonos atopar referencias tan dispares que van desde o cocido de Lalín ata o Dinoseto, Manuel Fraga, San Ero ou a Vella dos tempos dos mouros.

Ademais das opcións que nos ofrece Unha Burla Negra, hai outras propostas onde as artes gráficas alumean o devir cultural galego. Neste sentido, non son poucos os ilustradores que deixaron a súa pegada no mundo do xogo, como o pintor Xosé Cobas. Cunha imaxe máis artesá, o artista traballou arredor da baralla publicada pola Imprenta Comercial da Coruña en 1983, onde as vieiras ocupan o lugar dos ouros e as cruces de Santiago son as espadas. Ademais, Cobas representou os traxes populares femininos nas sotas, e os dos homes, nos reis. Así como a particular vestimenta do Peliqueiro de Laza está representada noutros traballos, por exemplo, na Baralla Galega de Heraclio Fourner. Tamén o ilustrador David Pintor, metade do dúo Pinto e Chinto, fixo no 2002 a súa propia aproximación, na que vieiras, paraugas, gaitas e percebes conforman os diferentes paus e, dun xeito caricaturesco, podemos descubrir a personaxes característicos de Galicia, como Rosalía, Breogán ou Prisciliano.

Se profundamos neste panorama lúdico, axiña veremos posibilidades máis concretas como o Baralho Suevo, xogo publicado pola asociación A Gentalha do Pichel no 2013, para dar a coñecer o período do Reino Suevo; ou a Baralla do Camiño (de Santiago, por suposto). Neste traballo deseñado por Alberto Guitián, e que está á venda desde o 2018 na web de Ideas Peregrinas, coñeceremos personaxes vencellados á Ruta Xacobea, como Francisco de Asís e o propio Apóstolo.

Hai alternativas canto máis curiosas, como aquela na que, en lugar de bastos temos pementos de padrón, obra do coruñés Alejandro Mosquera (2019) ou os varios exemplos de tarots, onde a mitoloxía galega é a clara protagonista. Desde a concienciación histórica e social, ata a sinxela curiosidade por descubrir un reino, as barallas convértense nunha canle que, lonxe de cesar a súa produción, continúan a apostar por innovadoras formas de transmitir a cultura galega. Iso si, en forma de xogo.

Xogando á mitoloxía

A mitoloxía está intimamente vencellada á historia de Galicia e o seu descubrimento a través do xogo chega tamén da man dos naipes e mesmo dos tarots. Este é o caso do Tarot de Kéltiga, unha proposta autoeditada en 2022 pola artista Katova. As 108 cartas que recolle esta baralla amosan tempos cíclicos, plantas sagradas, obxectos de poder, razas míticas e híbridas ou lugares sagrados; todo iso “vencellado a personaxes centrais da historia mítica galega”. Este tipo de aproximacións arredor de temas do ocultismo non é algo novo. De feito, en 1992, Edicións do Castro publicou o Tarot Vizoso – Aneiros de 52 cartas, con personaxes como o Lobishome–. No mesmo ano en que se publicou o Tarot de Kéltiga, viu tamén a luz o Gatipedro, producido por Brazolinda Xogos. Co obxectivo de emparellar mitos e lendas a partir de elementos comúns, atopámonos polo camiño a meigas, mouras e sereas, á Santa Compaña, aos Biosbardos e ao animal mitolóxico que lle dá nome, o Gatipedro. Descrito por Álvaro Cunqueiro, este gato branco cun corno escuro na cabeza polo que bota auga, ten a súa propia escultura na Praza do Humor, na Coruña. Con todo, son cada vez máis numerosos os xogos que, como Mitogali ou o xogo de cartas do Apalpador, propoñen unha achega ao folclore mitolóxico de Galicia. É dicir, ao enigmático misticismo que se oculta na nosa xeografía.

Suscríbete para seguir leyendo