Entrevista | Maria Solar Escritora

“A literatura vampírica naceu feminina"

María Solar volve abraiarnos coa súa capacidade de achegarse aos xéneros literarios máis diversos con 'Adeline' (Xerais), novela que quedou finalista do premio Jules Verne e na cal aborda o tema do vampirismo ao tempo que nos fai partícipes dun descubrimento moi particular: o antecedente de Drácula foi unha muller vampira.

A escritora e xornalista María Solar.     | FOTO:  JAIME PÉREZ

A escritora e xornalista María Solar. | FOTO: JAIME PÉREZ / Lourdes Varela

– Adeline é unha homenaxe a Carmilla, personaxe considerada a primeira vampira literaria, nunha obra escrita vinte e cinco anos antes que Drácula. Gustaríame comezar falando, precisamente, dela, do seu creador, da obra na que aparece…

–Ademais do nome da personaxe, Carmilla é tamén o título dunha novela curta do escritor irlandés Joseph Thomas Sheridan Le Fanu, publicada en 1872, na que se conta a historia dunha adolescente vampira que seduce outra rapaza da súa idade. Algo impresionante, se temos en conta no ano en que se editou! E xa non o digo só pola modernidade da historia de seu, senón tamén porque demostra que a literatura vampírica naceu feminina, algo que curiosamente acabou por ser esquecido.

–Que foi o que máis a animou a “levar” a Carmilla á súa novela e, polo tanto, incorporala ás súas criaturas literarias?

–Pois o ter feito este “descubrimento” levoume a tomar o reto de inspirarme en Carmilla para escribir unha das miñas novelas, co obxectivo de homenaxear esta personaxe e, ao tempo, facer dela unha vampira actual, transportala aos nosos tempos, e trela a Galicia, porque a trama se desenvolve entre Madrid e Verín. E abofé que foi un desafío marabilloso, paseino moi ben escribindoa!

Por que a temática do vampirismo está a chamar tanto a atención nos últimos anos (véxase o éxito da saga Crepúsculo)?

–As temáticas vampíricas espertan filias e fobias, pero eu penso que aos que non lles gustan é porque non as coñecen. Adeline, por exemplo, é unha novela que fala de amor, da manipulación dentro do amor, das decisións importantes que se toman consciente ou inconscientemente, de saúde mental, de marxinación social… Por iso non ten só unha única lectura, porque eu, cando rematei o libro, quixen deixar que cada lectora ou lector tirase as súas propias conclusións. Sobre o que me preguntas, a verdade é que eu non sei se agora mesmo o vampirismo está de moda; a min, máis alá das modas, o que me fascinou foi a historia de Carmilla.

–E por que, os vampiros, de “malos da película” agora resulta que pasaron a ser “os bos”?

–Eu creo que tanto na literatura coma no cine modernos e, en xeral, nas novas historias de vampiros abórdase moito a dualidade. É dicir, o Ben e o Mal. A miña non é unha vampira boa, pero tamén é certo que inclúo unha critica á sociedade que rexeita inxustamente esa vampira. Daquela, hai un dobre xogo, e debúxase un mundo máis aberto do que o que nós vemos, e diante do que adoitamos pecharnos. Non hai unha soa realidade, hai moitas!

O vampirismo ten, intrinsicamente, un forte compoñente sexual?

–Coido que si que o ten. A Carmilla na que eu me inspirei foi, precisamente, a que abriu ese camiño da seducción. Daquela, a sensualidade e a sexualidade están moi marcadas nos libros vampíricos. Eu, cando descubrín que nesa historia unha muller seducía outra muller, quedei fascinada, nomeadamente porque sucede con toda normalidade, coa normalidade da que te podes namorar dun home ou dunha muller.

A todo isto, a protagonista de Adeline é unha moza chamada Laura. Inspirouse Vde. nalgunha rapaza real? Hai algo de María Solar nesta Laura?

–Laura é unha personaxe totalmente inventada. Para construíla como personaxe, partín de Carmilla e, dende aí para adiante, todo é creación miña. E iso é todo que hai de min en Laura.

Sen saírmos da fantasía, os vampiros prometen a inmortalidade. Se a Vde. lle desen a oportunidade de elixir, ou se se atopase na tesitura, deixaríase “vampirizar” para acadar esa inmortalizade que prometen?

–Eu son dese tipo de persoas que non serían quen de ser inmortais se non fosen inmortais ao mesmo tempo os meus seres queridos. Non soportaría vivir coa ausencia deles. De maneira que non, non me deixaría vampirizar.

–Así como o lobishome é un clásico da literatura fantástica (e non fantástica) galega, por que (agas nos estudos de Vicente Risco) os vampiros cáseque non están presentes na historia da literatura de noso?

–Cando decidín trasladar a historia a Verín, o que quixen facer é unha homenaxe a algunha xente da vila (risos). Por exemplo, nas historias de vampirismo sempre hai unha relación entre os homes lobo e mais os vampiros. Daquela, os vampiros son, digamos que os aristócratas. E si, é certo: na historia da literatura galega non temos historias de vampirismo como tal pero, vaia, que mellor que comezar por esta! Hai que decatarse de que nos estamos a mover dentro do xénero fantástico no que do que se trata é de facer críbel e posíbel aquilo que é incríbel e imposíbel. En Galicia, neste senso, temos ao noso favor o feito de estar acostumados a ter relacións co “máis alá”, cos seres doutros mundos, coas meigas, cos mortos…

Unha das características da súa traxectoria é a versatilidade de xéneros nos que escribe, aínda que os seus inicios escribiu literatura infantil/xuvenil.

--Para min, o desafío real como autora é capturar os adolescentes, porque son os lectores máis difíciles, por iso lle teño moito noxo a iso dos “libros de lectura obrigatoria” que se instauran nos colexios e institutos de ensino; son un atentado contra os novos lectores, porque os rapaces poderán ler eses libros, que ao mellor son moi bos, pero como son “obrigatorios” de certo que non os van disfrutar. Este libro escribino pensando moitísimo neles, pero sendo consciente de que Adeline é tamén unha novela que lle pode interesar ao público adulto. E, dende logo, o que si rexeito é escribir novelas sobre determinado tema ou dirixido a determinado circuíto de público simplemente polo feito de que estea de “moda”.

–Se estivese dando un cursiño. aos autores e autoras que están a iniciaren as súas carreiras e dubidan, recomendaíralles Ves. que comezasen primeiro pola literatura infantil/xuvenil? En calquera caso, cal sería o seu primeiro consello para un/unha aspirante a escritor/a?

–Eu creo que cada escritor e escritora ten que encontrar o seu propio espazo. Pero é que ademais acontece quecada historia che pide, ela mesma, para que clase de lectores está escrita, ou alomenos iso é o que me pasa a min.

Suscríbete para seguir leyendo