Arte: exposicións

Tres imaxes máis no mundo

Francisco Remiseiro en Espazo Diver-Gente

Tres imaxes máis no mundo Francisco Remiseiro en Espazo Diver-Gente

Elías Regueira

O Espazo Diver-Gente de Vigo mostra unha exposición do escultor Francisco Remiseiro (Barro, 1975) que permite enxergar tres relevantes pezas que conforman unha escolma representativa da súa práctica escultórica reunidas so o título de Tres imaxes máis no mundo. A exposición focaliza os variados intereses do artista: un primeiro, notabilísimo, arredor da figura humana (El caballero de la mano en el pecho, 2016); un segundo centrado na natureza (Templo vexetal, 2020) e un terceiro co obxecto cargado de sentido cultural (Barca de pedra, 2021). Cómpre subliñar que roda a obra de Remiseiro afunde as raíces na tradición da imaxinaría, coa forza da talla directa da madeira e o traballo de cantaría como referentes indiscutíbeis, ao servizo de contidos que se achegan frecuentemente ao alegórico.

O escultor transmite, en especial no seu tratamento do corpo, a evocación de que este representa un papel central na mudanza histórica na que vivimos, e aquí a súa actitude conectaría cos moi diferentes tratamentos cos que a arte máis recente se achega á corporeidade, á fisicidade, entendida como instrumento de protesta contra diferentes aspectos da realidade social como o control político, a visión da sexualidade, a doenza ou a morte e como vehículo para a manifestación das fracturas ideolóxicas do noso mundo.Neste sentido, as esculturas do galego son polisémicas -unha auténtica necesidade para calquera imaxe do noso presente- nunha altura na que as imaxes do corpo –e do horror- adquiren unha hexemonía absoluta no vídeo, na televisión, etc. En contraste con estes medios, a fisicidade da súa escultura quizais sexa un dos mellores antídotos fronte o perigo de que a imaxe se torne en improdutiva polo seu desgaste, feito este evidente no mundo audiovisual.

Tres imaxes
 máis no mundo

Diferentes momentos da mostra de Francisco Remiseiro que se presenta en Espazo Diver-Gente / @ELIREGUEIRA

Remiseiro traballaba a madeira e a pedra desde un coñecemento fondo da técnica histórica de ambos os medios, o que dota as obras dun ar de evocacións clásicas mais que tamén conecta coa imaxinería popular ou certa tradición retabular barroca, unha referencia ben perceptíbel en El caballero de la mano en el pecho, onde evoca as imaxes de culto barrocas nun autorretrato/relicario por medio dunha teatralidade inspirada no famoso cadro de El Greco, unha teatralidade que se proxecta sobre o espectador, incide nos efectos de volumetría da figura e xoga co cintilar de masas e luces.

Todo o labor de Remiseiro, como a exposición evidencia, mantén un referente naturalista, mesmo cando tende a formas máis esquemáticas, velaí a Barca de pedra, que evidentemente ten que ver cunha profunda identificación coa realidade que o rodea, como se o artista quixese captar dela a forza interior. De aí esa intensa potencia física que deitan as esculturas, que remiten ás pulsións profundas e a un mundo fortemente alegórico. Ao mesmo tempo, o traballo posúe unha carga actualizadora, e mesmo distanciada, a partir da cal afronta algún “arquetipos” da figura humana ou da realidade cultural para crear un mundo extremadamente persoal.

Tres imaxes
 máis no mundo

Diferentes momentos da mostra de Francisco Remiseiro que se presenta en Espazo Diver-Gente / @ELIREGUEIRA

A escultura de Francisco Remiseiro chama a atención, a primeira vista, pola materialidade, as formas de madeira ou pedra, mais sempre estas están rexidas na súa concreción por unha vontade e unha norma, un fenómeno que se vai perfilando de xeito cada vez máis evidente nas obras tres obras que presenta agora en Vigo.

As imaxes que o artista constrúe non son, por tanto, formas de arte pensadas á lixeira, posúen unha tensión interna. Mostran un esforzo entre a modulación intrínseca dos volumes e o notábel acabado dos seus elementos. Daquela, as pezas non fican reducidas a simples representacións senón que se constitúen como catalizadoras dunha determinada tese de traballo reflexivo.

  • Tres imaxes máis no mundo

    Autor: Francisco Remiseiro.

    Local: Espazo de arte Diver-Gente, Rúa Colón, 7, Vigo.

    Até o 20 de xaneiro

[object Object]

Remiseiro propón así unha obra que responde a conceptos que revalidan e ao mesmo tempo alteran a tradición da representación escultórica, como a escultura relicario (El caballero de la mano en el pecho) ou o políptico traballado en relevo (Templo vexetal). O argumento plástico de Francisco Remiseiro mostra que un aspecto que singulariza o feito escultórico na nosa contemporaneidade é precisamente a dialéctica fidelidade-alteración dos presupostos conquistados pola tradición histórica.

O resultado evolutivo da obra do noso escultor permite estabelecer unha tensión, da cal xorden determinadas peculiaridades, como pode ser a delectación no material ou o tendencia cara a unha captación sensual dos aspectos físicos do obxecto artístico. Unha linguaxe feita de propiedades e calidades visuais e táctiles e que concibe a escultura como unha estrutura que desenvolve forzas de apoio fornecidas polo seu peso, concepto que vai depurando obra a obra, evitando calquera tentación de elaborar un sistema ríxido, apostando pola elasticidade mesmo cando se trate dun bloque, velaí o súa extraordinaria Barca de pedra. Ao mesmo tempo, son pezas que se configuran como presenzas intensas -con esas “supervivencias” que nos transportan á escultura barroca- que absorben e dan luz e enerxía -moi evidente no Templo vexetal- e mudan a nosa realidade espacial, como lembrándonos que calquera captación temporal non pode ser definida sen termos en conta a incontestábel presenza tridimensional.

Suscríbete para seguir leyendo