Arredor da última dorna

Memoria documental e emotiva de Ons

Fotograma de 'A última dorna'.

Fotograma de 'A última dorna'. / Carlos L. Bernárdez

O pasado martes 5 de decembro presentouse en Vigo, no Auditorio do Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o documental A última dorna de Ons, dirixido polo fotógrafo Anxo Cabada e o músico Antón Davila. O filme, que foi realizado nun impecábel branco e negro e que trae á memoria traballo fotográfico de Anxo Cabada, conta cunha tamén notábel banda sonora que subliña os valores visuais da filmación.

Arredor da
última dorna

Cesáreo Pérez Patiño axeitando a embarcación. / FV

A realización remite non só a unha técnica –de moita calidade– senón a unha forma de achegamento e exposición da documentación etnográfica. Nela a relación do ser humano co medio natural gaba a sinxeleza, sublime na súa intensa austeridade, do mundo tradicional, unha realidade que é entendida como testemuño do pasado que se identifica cuns valores culturais que están a desaparecer.

O traballo está centrado na captación física, e sobre todo humana, da illa de Ons e ten vontade de “verdade” documental, contando co testemuño dos veciños da illa e de persoas ligada á análise etnográfica, lingüística e á memoria afectiva e vital deste singular territorio, cun protagonismo central para Cesáreo Pérez Patiño, memoria viva de Ons, propietario da “última dorna” e dunha lingua de pureza conmovedora, conservador das técnicas pesqueiras tradicionais e da identidade profunda do lugar.

Con todo e iso, en toda A última dorna de Ons prevalece unha vontade de captación do colectivo, que procura a autenticidade das xentes e a memoria dun patrimonio inmaterial en vías de extinción que é unha auténtica cápsula do tempo. Este feito lémbranos a fermosa expresión do pensador italiano Giorgio Agamben que definía as imaxes da nosa cultura figurativa como “vidros cargados de memoria que nos transmiten a historia de Occidente”. Certamente é a nosa capacidade para elaborarmos imaxes unha das facultades que mellor definen o ser humano, para producilas mais tamén para “lelas”, interpretalas no seu contexto xerador e tamén na súa variábel historicidade. No filme A última dorna temos un exemplo perfecto deste proceso: unha memoria cultural, vital e emotiva que se converte en protagonista central do relato.

No documental hai moito de exploración dun territorio, como recolección dun legado visual da experiencia colectiva e tamén íntima, un punto de vista claramente individual mais que mantén o respecto polo captado sen renunciar a unha clara vontade de creación estética, moi equilibrada en ritmo narrativo. Asemade, o documental transmite unha concepción da vida e da arte entendidas desde unha intensa fusión co medio natural, o que non deixa de ser unha lección en tempos como os nosos en que a relación dos seres humanos coa realidade material e biolóxica do planeta ten unha importancia central e pasou a ocupar, xustamente, o centro do discurso de boa parte das nosas preocupacións e actividades reflexivas.

Neste sentido, a obra que nos ofrecen Anxo Cabada e Antón Davila ten que ver cunha profunda identificación coa natureza e coa esencia máis fonda dos valores tradicionais da cultura galega, hoxe case desaparecidos, como se quixesen captar dela o esencial, non a visión máis epidérmica. De aí esa intensa potencia física que deitan as imaxes, que remiten a pulsións profundas e ao mundo telúrico, a ese espazo íntimo e esencial que está no interior de toda realidade humana.

Arredor da
última dorna

Fotograma do documental. / FV

Título: A última dorna de Ons. Autores: Anxo Cabada e Antón Davila

Local da estrea: Auditorio do Centro de Visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Rúa da Oliva 3, Vigo. Data da estrea: 5 de decembro de 2023.

Suscríbete para seguir leyendo