Sons de Vacaloura

Zeltia Irevire: folk tribal

Migui Carballido, Zeltia Acuña e Cibrán Seixo: Zeltia Irevire.

Migui Carballido, Zeltia Acuña e Cibrán Seixo: Zeltia Irevire. / FOTO: RACHEL M. PILLADO

V. Neira

Mireina hai uns anos tocando nun pub da zona vella de Compostela: alí estaba Zeltia, cunhas inmensas rastas loiras, descalza, cun pantalón hippie e coa súa guitarra acústica facendo unha versión de Tracy Chapman. Dende aquela voltamos vela tocar en moitas ocasións: na rúa, nalgún garito, en escenarios…;unhas veces soa, como aquela vez primeira, e outras moitas acompañada por músicos cos que foi conformando ao tempo banda e tribo.

Con todo o anterior xa imos deixando constancia do traballo que hai por detrás do que agora conforma o seu primeiro disco longo, recentemente publicado. Vacaloura, eis o título desta inicial entrega que foi medrando nese percorrer dos anos, dos concertos e mais do contacto co amplo público que con ela se cruzou e parou a escoitala. Di Zeltia que gravar estas cancións vén ser a súa maneira de poñer o contador a cero, deixando nel toda esa bagaxe que foi apañando no camiño. Porque foron centos de concertos sen disco e conquistando o público, cara a cara, apostando todo pola conexión e polo lume cruzado dun monllo de cancións que foron sacando músculo na convición artística e lírica do directo máis honesto e menos artificioso. Deste xeito chega, daquela, este primeiro traballo, recopilando ese repertorio que a leva da man por unha escena na que a cada paso está máis consolidada como unha das nosas propostas máis interesantes e desbordantes de frescura e empaque.

Coa propia Zeltia Acuña Barros na guitarra e na voz, con Migui Carballido no bodhran e na batería e con Cibrán Seixo no violín e no sintetizador de baixos, Vacaloura vén resultar un deses discos cargados de moi boas composicións, nas cales a voz de Zeltia se mostra enérxica e tremendamente emocional nun compromiso absoluto co humano, coa natureza e co activismo máis militante en prol da procura social dun mundo mellor e máis xusto. Dende o propio proxecto defínense como un grupo de “folk tribal” no que as sonoridades máis acústicas, aínda sendo as auténticas protagonistas, non escapan de deixarse mesturar, por momentos, con argumentos máis eléctricos e electrónicos. Conta ademais coa colaboración de diferentes artistas do panorama galego e internacional como a poeta Luz Fandiño, o pianista jazzeiro arxentino Leo Genovesse, a voz de Laura LaMontagne, a gaita de Yas Luaces, o trombón de Ginés Guerra, o piano de Fabio deMaría, a trompeta de Abel Gañete, os baixos de Ana Lucía Fernández e Bruno Pierucci, o acordeón de Esther Vila López ou tamén as palabras do poeta Peter Brea.

Así chegan estas primeiras dez cancións de Zeltia Irevire, para facernos reflexionar e tamén para teceren fíos con esoutra música que neste país xermola en mans dun talento tan novo e tan sobresaínte como o que hoxe nos ocupa. O seu forte, estamos seguros que seguirá a ser o seu directo, onde veñen cos motores quentes e engraxados destes anos de traballo incontestable, mais tamén é boa cousa telos, por fin, dispoñibles xa en todas as plataformas para gozalos como se merecen.

Sons de Vacaloura

“Miudiño Sessions” / FdV

Miudiño Sessions

As “Miudiño Sessions ” son unha desas alfias absolutas que podemos atopar na insondable selva Internet: unha alfaia en forma de música, e video, rexistrada en directo, sen artificios e mostrando unha panorámica impagable do moito e moi variado que se fai na nosa escena musical. Unha foto fixa dun momento tan histórico como decote esquecido e pouco valorado. Detrás das Sesións está A Regueifa Plataforma, outra xoia con traxe de netlabel galego que funcionou entre os anos 2006 e 2011, volvendo en marzo de 2022 en forma de plataforma de difusión cultural baixo o nome de A Regueifa Plataforma 2.0. Punto de encontro e abeiro esquisito para moitas das cousas que pasaron e pasan na nosa escena nos últimos anos todo baixo o talento e dedicación de Noél Feáns, músico, artista e sempre cargado de militancia inquebrantable a prol da difusión cultural do país, chegan estas Miudiño Sessions como un regalo no que moitas propostas musicais da nosa escena tocan ante a cámara de Feáns nun exercicio de xenerosidade mútua e tentando esa conexión directa entre músicos e público.

As Miudiño Sessions d’A Regueifa Plataforma 2.0, di o propio Noél Feáns, son un proxecto non comercial de difusión da nosa cultura, feito dende a paixón pola música e a lingua pero que tamén ten un certo propósito arquivístico, facendo a foto fixa do momento histórico que estamos a vivir. Trátase, pois, dos nosos Tiny Desk particulares, ou aquelas Peel Sessions da BBC, os ou unplugged da MTV, pero todo feito de xeito artesán e sen fins comerciais. Unha gozada total de ver e escoitar que podedes ver na regueifa plataforma ou na súa propia canle de Youtube onde están penduradas perto de vinte sesións.

Suscríbete para seguir leyendo