Libros recomendados

Crítica literaria

---

--- / FDV

VV.AA.

  • ESCOLA DE MULLERES (2023)

    Inma López Silva,
    Vigo, Galaxia, PVP. 21,37€

Afogada na fuxida da tolemia

Un corpo que non son eu

Pilar Ponte

Dende logo, os anos vinte están a ser dunha intensísima actividade creativa para Inma López Silva. Pouco tempo pasou dende o seu recente Quen non ten un avó fascista? e xa temos entre as mans esta Escola de mulleres, unha nova entrega que poderiamos encadrar na etiqueta “novela de protagonista” aínda que nisto da etiquetaxe sempre unha tende á xeneralización inxusta.

A nosa heroína chámase Gloria, traduce a correspondencia entre María Casares e Albert Camus, unha actividade que non lle produce ningún beneficio no seu currículo laboral, pero, como pensa a súa psiquiatra, anda a autoboicotearse para non se enfrontar á realidade. Preto dos corenta anos, profesora contratada na universidade, casada cun filólogo e amante dun físico aspirante a reitor, debuxa con desprezo un mundo de profesores que se somerxen na endogamia universitaria como se fose a única realidade posible. E un día calquera, ocorre o Feito, o eufemismo co que Gloria designa a morte da súa filla, un lóstrego que lle tronza a vida como se fose unha árbore e tras o cal xa nada pode ter sentido baixo os mesmos parámetros. E aí a temos, mergullada na traxedia, tentando atopar o camiño para chegar á superficie e non morrer afogada na fuxida da tolemia. Isto lévaa a tomar a “Sabia Decisión” e prender conciencia de si mesma, agora só fai as cousas que lle van ben e aliméntase coa fantasía de abrir a súa desexada École des Femmes, unha libraría de libros en francés. Mais este novo status non a libera de ter que loitar coa culpa, esa culpa que nos nace ás mulleres despois de anos de educación e nos fai sentir mal por non facermos o que se espera de nós aínda convencidas de estarmos no lugar correcto. E malia a culpa, a protagonista ofrécenos tamén unha lección sobre o que significa ser libre e como a liberdade só se experimenta cando te achegas ao bordo e o que dis e fas lles resulta incómodo aos demais e aínda así te mantés en pé.

Nun xiro non previsible, a protagonista vai exercer a prostitución a media xornada, unha actividade que se nos ofrece dende unha perspectiva non pouco polémica, xa que Gloria se lanza a ela como unha ferramenta poderosa para conseguir diñeiro sen unha necesidade extrema dos cartos. O corpo da muller concíbese como algo que se posúe diferente do que se é e que, xa que logo, se pode utilizar para o que unha queira.

Como contrapunto a Gloria e mais a súa historia, enmarcando a parte narrativa, Inma López Silva insire catro escenas/actos dunha obra teatral en que María Casares, Simone de Beauvoir e Zelda Fitzgerald conversan nunha cafetaría cutre. Xusto elas, figuras senlleiras do feminismo e autoras das cartas de amor que Gloria traduce ao longo do libro, aparecen agora como un coro do teatro clásico para desvelar a verdade, están aquí para xulgaren a protagonista, a súa historia e mais a motivación dos seus actos para finalmente ditaren unha sentenza.

Moitos outros temas como a maternidade, a independencia ou as relacións familiares atravesan esta novela de Inma López Silva que nos convida este verán a ler e reflexionar a partes iguais.

  • AS FERIDAS DUN AMOR EFÉMERO (2023)

    Sue Camaño,
    Santiago, Alvarellos, PVP. 13€

Nas dores do desamor

Diáfano e esclarecedor

Héitor Mera

A editorial Alvarellos vén de publicar o texto gañador do XLVIII Certame Literario do Concello de Vilalba. A canguesa Sue Camaño é a autora e, en verdade, dignifica coa obra gañadora o certame. A publicación está complementada cunhas fermosas ilustracións de Diego Estebo e o resultado é todo el merecente de seguimento por parte das lectoras e lectores de poesía.

As feridas dun amor efémero sincretizan no propio título a esencia conceptual do que imos atopar. Efectivamente, un eu lírico feminino adoecido na lembranza das vivencias pasadas e aínda desexadas dun amor que non ten a ben continuar coa relación. Nada novo. Mais a poesía é sentimento, é o xénero literario que acolle tantos temas e cuestións como experiencias e emocións poida albergar a cabeza e o corazón. A cuestión é encauzar toda esa enerxía coa habelenza técnica e lingüística axeitada.

Este poemario non é críptico, máis ben diáfano e esclarecedor do que o eu lírico quere expresar. Non é preciso metáforas imposibles, non recoñecibles nin para os seus autores. Neste poemario, porén, o que percibimos é un ronsel metafórico e unha exposición das imaxes que con toda claridade permite afondar ao lector nos seus ríos-verso sen dificultade, mais coa apetencia da boa poesía, aquela que emociona e impacta. O equilibrio da evocación, o marabillamento ante a sensibilidade literaria e o percorrer dunha poesía amatoria desgarrada e nada “pastelosa” é unha constante.

Non podemos saber o que leva escrito esta autora ao longo do tempo, mais esta súa primeira publicación en libro é en verdade un acerto pois vese que detrás hai traballo, capacidade poética e talento para gozo dos lectores que, coma min, seguiremos a partir de agora. Xa unha última cuestión salientable é a valentía á hora de escribir sobre cuestións como o desamor. Por momentos sentimentos raianos no descarnado e que chocan ante sentimentos que non deberían ser os máis recomendables como esa obsesión que por momentos amosa o eu lírico. Esa predisposición a seguir ao ser amado sen importar o prezo. Por mi boa poesía que sexa, tamén hai que dicir que moitos deses sentimentos evocados ao longo do texto non son nin moito menos os máis recomendables e iso está ben. Foxe do texto ben pensante que non ofenda a ninguén. Achega o que considera oportuno é o lector/a é crítico para discernir.

  • CARTOS (2023)

    Marta Dahlgren,
    Santiago, Hugin e Munin, PVP. 16,5€

Primeiras feministas

Estilo e mestría

Xosé Feixó

A editora Hugin e Munin tráenos outravolta unha interesante novela europea, en tradución de Marta Dahlgren, de obrigada lectura. Trátase de Cartos (Pengar), de 1885, da escritora sueca Victoria Benedictsson (Trelleborg, 1850), de vida breve pero intensa e creación apaixonante, malia non poder soportar a súa existencia e suicidarse nun hotel de Copenhague en 1888. O seu nome era Victoria Bruzelius, e debe o apelido co que é coñecida ao matrimonio con Christian Benedictsson, viúvo que lle dobrada a idade, e con cinco fillos.

Non obstante, deuse a coñecer como escritora cun pseudónimo másculino, Ernst Ahlgren. Ao non ser feliz no seu matrimonio nin coa súa vida intelectual, relacionouse sentimentalmente co crítico literario danés Georg Brandes. Pola súa mala experiencia matrimonial, nas súas novelas trata as desigualdades na parella, reivindicando os dereitos da muller, sendo considerada por algúns críticos como unha das primeiras feministas, e, por iso mesmo, é considerada tamén un dos maiores expoñentes da literatura realista sueca, formando parte do denominado rupturismo moderno, que rompeu ligaduras co romanticismo, deborcouse no realismo naturalista e transformou a literatura como espazo de debate.

Así, tanto nesta obra como outras, é doado comprender que a súa literatura teña moito de autobiográfica pola temática, a problemática, as reivindicacións, as relacións matrimoniais e persoais, e as limitacións sufridas polas mulleres, tendo no casamento un campo de renuncias e obrigas que constrinxían o desenvolvemento e as inquedanzas persoais. Por estas razóns, e polo estilo e mestría con que está escrita a novela, a súa lectura é moi recomendable, malia o fondo de tristura que a impregna.

  • LOTTA (2023)

    Astrid Lindgren (ils. Beatrice Alemagna),
    Pontevedra, Kalandraka, PVP. -€

Da felicidade cotiá

Un canto á liberdade da infancia

María Navarro

O mundo de Lotta pode ser o de calquera nena que sexa a terceira en nacer e, polo tanto, se convirta na pequena da familia. O balbordo nunha casa pode ser o que viven os membros que habitan na rúa Oleiros. Os movementos de Rebuldón, Rebuldela e Fervelliño, isto é Xonás, Mía-María e Lotta, e os seus pais poden ser os que realizan calquera familia no seu día a día porque o que Astrid Lindgren presenta no volume que vén de publicar Kalandraka Editora baixo o título da protagonista, non é máis ca o decorrer cotiá duns nenos que procuran divertirse xogando no parque, pasar o tempo facendo de médicos, aprender do que din os maiores do vecindario ou simplemente andando dun lado para outro na procura de algo co que se entreter.

A través dos ollos dunha nena que non dubida en poñer en práctica todo o que se lle ocorre, asistimos a ideas disparatadas, pensamentos novidosos, valentes, arriscados e tamén emotivos e tenros que fan pensar ao lectorado nun dos personaxes máis entrañables da literatura infantil/xuvenil dos anos 60 como é Pippi Mediaslongas, personaxe creado pola autora do volume que nos ocupa.

A literatura ficciona a vida e esta convértese en historia cando a intención é amosar que é na cotiandade dos actos diarios onde radica a verdadeira felicidade, onde vemos a alegría no seu esplendor ou onde teñen lugar as reflexións que nos fan medrar.

Trátase dun canto á liberdade da infancia onde dalgunha maneira o neno reivindica o seu dereito a comportarse segundo lle dita o seu entedemento e que sorprende pola madurez que, a miúdo, se lles nega. E todo acompañado polas ilustracións de Beatrice Allemagna nas que o trazo, a cor e o detalle obran a maxia e ofrecen unha lectura paralela moi suxestiva.

Suscríbete para seguir leyendo