Pola acrópole da Louriña

Novas luces sobre o Faro de Budiño

Aspecto das últimas catas realizadas.

Aspecto das últimas catas realizadas. / Mario Pereiro

Alberte Reboreda

O Faro de Budiño é unha formación rochosa excepcional que sobresae da montaña de forma prominente (396 metros de altura), facendo del un dos puntos máis elevados da comarca. Divísase claramente desde O Porriño, Mos, Tui e Salceda de Caselas, o que o converte nun excepcional monumento natural, pero tamén na auténtica acrópole arqueolóxica da Louriña. Fortificado no s. V, entre finais do imperio romano e o reino suevo, o Faro sería reocupado catro séculos máis tarde durante o período de expansión do poder político da monarquía con sede en Oviedo. De certo, a súa situación estratéxica foi determinante para que este enclave estivese habitado durante a Alta Idade Media; isto é, durante dous períodos convulsos vinculados ao colapso do Imperio Romano, primeiro, e do Reino Visigodo, despois. Así o confirman os traballos que ata agora se desenvolveron desde 2015, dirixidos polo arqueólogo Mario Pereiro, que combinaron prospección, teledetección e sondaxes valorativas.

A última destas campañas de escavación desenvolveuse durante dúas semanas do pasado mes de maio e consistiu na realización de tres sondaxes que deron continuidade aos traballos máis recentes levados a cabo en 2018. Naquela altura escaváronse 15 metros cadrados dunha estrutura arquitectónica soterrada de grandes dimensións que emerxía no centro da acrópole, e que ten como paralelos coñecidos o castelo asturiano de Gauzón (en Castrillón) ou o italiano de Monte Barro (Lombardía). Os traballos permitiron, entón, exhumar os restos dunha construción datada no s. V d.C. sobre a que se ergueu outra diferente, pero dun tamaño meirande, varias centurias máis tarde, aló polo s. IX da nosa Era. Pereiro sorpréndese de que durante a última fase de ocupación os construtores non reaproveitaran os muros anteriores para construír enriba deles, xa que se trata dunha estrutura moi ben trabada, conformada por muros ben escuadrados, con cachotería ben traballada e reforzada con morteiro de cal.

O edificio da última fase de ocupación é unha construción de prestixio con planta en forma de U, orientado ao norte e cunha cimentación moi feble que está construída sobre un nivel de terra orgánica.

“As estancias habitables estarían protexidas interiormente por un nivel de xabre e exteriormente por unha cuberta vexetal de colmo”

A construción foi levantada para ver e seren vistos, e desde o punto de vista tipolóxico recorda á pars urbana dunha típica vila romana do val, formada por unha serie de dependencias (cociña, dormitorios, cortes...) organizadas arredor dun gran patio central.

O edificio da última fase de ocupación foi construído no século IX

As conclusións da última campaña reafirman as hipóteses trazadas hai un lustro, que foran publicadas en 2020, polo propio Pereiro, Sánchez Pardo e Alonso Toucido. Unha destas conxecturas centrábase na escasa cultura material que vira a luz naquela ocasión, un aspecto que nesta campaña desbordou todas as previsións. Así, emerxeron centos de fragmentos de olaría doméstica formada por cerámicas grises de formas cerradas destinadas á cocción, conservación e almacenaxe de alimentos. A decoración destes vasos cerámicos é similar “aínda que non idéntica”, subliña Pereiro, á documentada noutros xacementos da mesma época, caso do Castelo de Portomeiro, no Val do Dubra: ungulacións diagonais (unha técnica decorativa impresa, realizada mediante a presión da unlla sobre a pasta cerámica tenra), bordóns ou resaltes ornamentais perimetrais, etc. Ademais, no Faro de Budiño documentáronse fragmentos de tégula (tella plana con pestanas laterais) reutilizada como ripios dos muros, o que evidencia que no s. IX os derradeiros habitantes do Faro empregaron os restos construtivos dos moradores do século V.

Cómpre recordar que durante o século IX, cando este magno edificio estivo en uso no Faro de Budiño, o bispo non residía na sede tudense a causa da ameaza bélica de musulmáns e normandos, senón en Iria Flavia (Padrón), Labruge (nas proximidades de Vila do Conde) ou Ribas de Sil, o que explicaría a funcionalidade estratéxica e militar do Faro de Budiño nesta etapa de inestabilidade social. Neste contexto, o noso enclave podería ter sido ocupado por un “comes” ou xefe militar encargado do control e defensa deste territorio integrado na Terra de Turonio.

Muralla e acceso

Os traballos desenvolvidos nesta última fase centráronse tamén nun dos accesos á acrópole, concretamente nunha das portas da muralla. Como acontece neste tipo de fortalezas altomedievais en altura (O Monte Aloia, San Cibrán, O Galiñeiro, etc.), estas estruturas defensivas lonxitudinais alicerzan nos diferentes batólitos ou penedos de grande tamaño presentes no monte, a fin de reducir o esforzo dos construtores. A porta documentada sitúase á beira dun destes grandes penedos e ten entre 2,5 e 3 m de anchura, deixando á vista a cimentación dun muro duns 2 metros de anchura recheo de cachotes e conformado por caras ben traballadas de pedras regulares e de maiores dimensións.

Vista aérea da acrópole de Faro de Budiño

Vista aérea da acrópole de Faro de Budiño / Marco Ferreiro

Os materiais que viron a luz á beira desta porta da muralla pertencen de novo ao século IX, o que evidencia que esta é contemporánea ao último edificio construído no cumio do Faro, dando lugar a unha superficie fortificada de máis de tres hectáreas.

Os arqueólogos documentaron tamén un burato de espolio realizado por detectoristas de metais sen autorización da Consellería de Cultura. Ao pé del, decidiron abrir unha pequena cata que permitiu documentar máis restos cerámicos e algúns bronces moi deteriorados. Sirvan estas liñas para condenar, máis unha vez, este tipo de prácticas ilegais que danan e destrúen o noso patrimonio por satisfaceren a curiosidade ou a avareza dunha minoría sen escrúpulos que poñen os seus intereses por riba do ben común.

Suscríbete para seguir leyendo