Música

Muiñeira, tango, rock, punk

Jasper e Nébeda: Loita Amada

Jasper e Nébeda Piñeiro: o proxecto Loita Amada.

Jasper e Nébeda Piñeiro: o proxecto Loita Amada. / Iván Barreiro

V. Neira

Loita Amada:velaí o novo proxecto musical de Jasper, o que fora lider, compositor principal e vocalista dos recentemente disoltos Nao. Jasper, dono xa dun importante e grande percorrido na escena galega mediante grupos como Xenreira, A Matraca Perversa ou MDR, vén xuntarse agora coa pandereteira Nébeda Piñeiro artellando e dando forma e vida a un proxecto que bebe de moitos estilos e sonoridades mentres arreda da etiquetaxe doada. Unha tarefa adobiada cun estilo achegado e perfectamente trazado arredor do xénero da canción protesta, da nova poesía galega e tamén dos universos máis intimistas e existenciais que xa deixara ver en moitos dos temas dos Nao.

Xa que logo, e baixo o título de Viva a loita amada revolucionaria!, preséntanos neste disco debut un conxunto de dez cancións que van, veñen e transcorren dende o carácter máis combativo e social até os terreos máis sensibles e persoais, falándonos de amor, de respecto pola nosa propia memoria e tamén da memoria dos nosos devanceiros e aínda incorporando cancións que falan de diaños interiores, de rebeldía, de resistencia, de loita pola dignidade, pola liberdade e que, sobre todo, son e supoñen un canto á esperanza. Cantigas nas que se mestura estilos que van dende a muiñeira ao vals, o tango, a música popular, mesmo a xota, e por suposto que o rock, o punk ou o pop. Porque Loita Amada nace como un proxecto directo e sen marxe á indiferencia, un xeito que presenta cada peza absolutamente alonxada de calquera idea que non recaia no propio peso e concepto de cada canción, unha a unha, por separado e en singular, conferíndolle, iso si, a coherencia precisa para que cada tema veña tirar do outro nunha escoita que explica ás mil marabillas todo o carácter do álbum.

Co traballo na produción e nos arranxos de Paco Montoto e Lolo Arincón dende a disqueira Xonix Records da Bandeira, Jasper e Nébeda fálannos da vida, da fraxilidade existencial e tamén da forza persoal, social e colectiva que poden facer do mundo un lugar mellor, máis habitable e máis xusto e, por suposto que, coa música como ferramente imprescindible e alentadora arreo. Agora, Jasper e Nébeda -quer dicir, Loita Amada- prometen unha xira que abofé que os levará polos mellores escenarios do país onde poderemos gozar nas distancias curtas dunha banda que chega para quedar e para, sen dúbida, vir converterse nun dos nomes de referencia da nosa escena para os anos vindeiros.

De momento, anuncian xa a presentación do proxecto deste Viva a loita amada revolucionaria! o vindeiro sábado 25 de febreiro na sala Capitol en Compostela, nun directo que -iso prometen- ha de durar case dúas horas, coa presentación de banda incluída, e contando cos músicos Iván Barreiro ( guitarra), Iria Iglesias (teclado), Kinhos Saburido (percusión), Iván Bernárdez (baixo), María Prado (trompeta) e Xiana Naval (trombón). Tamén prometen para este día numerosas colaboracións con nomes propios da nosa escena e achegados ao universo musical do grupo como Tanxugueiras, Mini e Navia Rivas, Lolo Arincón e Paco Montoto de Xonix Records, Patty Castro, Agrupación Lina e Lola e algunha sorpresa máis que ese día coñeceremos.

Jasper e Nébeda Piñeiro:  o proxecto Loita Amada. Na imaxe pequena: Elliott Murphy, 50 anos de Aquashow. |  FOTOS: IVÁN BARREIRO/ARQUIVO

Elliott Murphy, 50 anos de 'Aquashow'. / Arquivo

50 anos de Aquashow

Os nosos ídolos fanse maiores e así, cada non moito tempo, recibimos esas novas tristes que nos encollen o corazón e nos fan sentir a perda como a dun ser querido e cercano. É tan lóxico como as horas que pasamos con eles a soas ou en compañía, gozando da súa música e do seu discurso. E os anos van pasando e eles, aínda que brillan na distancia e tamén na lembranza, fannos conscientes da efemeridade do tempo e daquilo do pouco que somos fronte á tiranía do maldito reloxo. O caso é que hoxe non toca a chorar aquí a perda dunha das nosas idolatradas estrelas senón celebrar o aniversario do disco debut dunha delas.

Cincuenta anos vén de facer o marabilloso e inesquecible Aquashow de Elliott Murphy, o traballo co que se presentaba ao mundo como ese músico tan singular, enorme, poético e honesto que é. Despois deste debut perdemos a conta dos labores publicados ata día de hoxe, chegando a cifras mareantes e sobradas de talento entre albums de estudio, en vivo e incluso unhas cantas referencias literarias ben interesantes. Este Aquashow merece xa todas as honras posibles comezando pola fantástica “Last of the Rock Stars”, canción himno coa que abre o disco e que ademais é unhas das imprescindibles en todos os seus concertos ao vivo. Por aquí, polo país, vén con certa asiduidade, algunhas veces con banda e outras moitas acompañado do seu magnífico socio Olivier Durand, configurando un dúo de guitarras acústicas de auténtico primeiro nivel e que emocionalmente poden chegar a darche un pracer emocional que xamais contarías experimentar nunha posta en directo de cancións tan sinxelas como intencionadas e cargadas de dinámica até o infinito e mais aló.

Hoxe pois, toca celebrar os 50 do debut dun dos máis grandes, e sempre alonxado do foco mediático que o rock and roll nos deu. Por suposto que non faltedes a unha cita con algúns dos seus directos cando teña a ben pasearse por algún dos nosos escenarios e, se tal, e non vos é moito o esforzo, aínda lle podedes cantar a pé de palco aquilo de “Oh oh oh, there’s the last of the rock stars. And me and you. Oh oh oh, rock ‘n roll is here to stay but who will be left to play”. Se a recomendación fracasa e non toleades de pracer, asubiade e deixámosvos paga unha no bar da esquina para compensar.

Suscríbete para seguir leyendo