Sputnik

Ministerio del tiempo

Escea dun capítulo da serie.

Escea dun capítulo da serie. / RTVE

Ledicia Costas

Ledicia Costas

No ano 2015 estreouse en TVE El Ministerio del Tiempo, unha serie de xénero fantástico ideada por Javier e Pablo Olivares. Graváronse catro temporadas. Corenta e dous capítulos de aventuras arredor dunha institución secreta que depende directamente da Presidencia do Goberno. A finalidade da institución é viaxar a outras épocas históricas para que as Patrullas do Ministerio impidan que algún intruso do pasado chegue ao presente e o manipule. A súa misión é, en realidade, protexer a Historia, para ben e para mal, con todas as súas consecuencias. Estas viaxes no tempo que contaban no seu reparto con Cayetana Guillén Cuervo, Hugo Silva, Rodolfo Sancho ou Aura Garrido, recibiron dous Premios Ondas, multitude de Premios Feroz (entre eles o de mellor serie dramática en tres das súas catro temporadas), ou varios Premio Iris concedidos pola Academia. Foi un éxito de público e crítica e houbo escenas que quedaron tatuadas para sempre coma historia da televisión española. Talvez a máis icónica (aviso de que vén un spoiler) sexa unha das homenaxes que se lle renden a Federico García Lorca, cando se lle mostran as portas do Ministerio xusto antes de pedirlle que non volva a Granada porque vai ser asasinado o 18 de agosto de 1936. Como proba, levan a García Lorca a Granada do ano 1979, momento en que Camarón estrea o impresionante La leyenda del tiempo, con versións de varios poemas seus. Ao escoitar en directo a Camarón, o poeta di: “Tanto tiempo después España se acuerda de mí. Entonces he ganado yo, no ellos”. A polémica arredor da serie salta hai uns días, cando a BBC anuncia que vai empezar a rodar un proxecto baseado na novela aínda inédita The Ministry of Time, escrita por Kaliane Bradley, que constituirá a primeira obra literaria da autora. A intención é estrear a serie e a novela de maneira simultánea, co mesmo título ca o da ficción española ideada polos irmáns Olivares. As acusacións de plaxio chegan axiña, non só pola coincidencia do título, senón tamén pola idea principal da trama. A autora británica asegurou descoñecer a existencia de El Ministerio del Tiempo e explicou que inventou o seu propio Ministerio despois dunha expedición que fixo ao Ártico, declarando que todo é unha desafortunada coincidencia. Javier Olivares defende que é difícil crer que non coñecesen El Ministerio del Tiempo, porque a serie foi coproducida por Neftlix e emitida en UK do 2018 ao 2020, ademais de que existe tamén unha novela sobre a serie distribuída no Reino Unido a través de Penguin Random House. Indo un paso máis alá, en Goodreads existían xa comentarios de persoas que tiveran ocasión de ler a novela de Kaliane, onde sinalaban que The Ministry of Time era un plaxio evidente de El Ministerio del Tiempo. Esta semana empezaron a desaparecer todos os comentarios de Goodreads onde sinalaban o plaxio. No medio da treboada, coméntase que RTVE talvez emprenda medidas legais contra a BBC nunha batalla onde sempre resulta difícil discernir o que é lexítimo do que non o é. Hai varias preguntas que me asaltan. Temos dereito a emitir xuízos sumarísimos sobre unha novela inédita? No sentido oposto: Coa sombra do plaxio sobrevoando, van imprimir o libro? É duro ser creador e asistir á proliferación de historias semellantes á que ti inventaches. Cando un produto ten éxito, axiña se multiplican os proxectos que parecen derivar del. Isto é especialmente habitual na literatura, e eu sempre penso que o maior mérito radica na orixinalidade. Todo que chega despois é sucedáneo.

Suscríbete para seguir leyendo