festa da coca 2024

Unha Festa da Coca marcada pola tradición e os artistas locais

Do 29 de maio ao 2 de xuño Redondela celebra a súa semana grande coas Festas da Coca, onde a tradición e a mellor oferta musical van da man

Do 29 de maio ao 2 de xuño Redondela celebra a súa semana grande coas Festas da Coca.

Do 29 de maio ao 2 de xuño Redondela celebra a súa semana grande coas Festas da Coca. / Ricardo Grobas

Hai tres xoves ao ano que relucen máis que o sol: Xoves Santo, Corpus Christi y o Día da Ascensión. O dito así o afirma, e en Redondela, a segunda data non se entende sen o mito e lenda da Festa da Coca.

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e con varios séculos de tradición, a cita co pasado máis épico dos redondelanos volve este mércores 29 á vila dos Viaductos coa 'Danza das Espadas e as Penlas’ ou a ‘Mostra de Alfombras Florais’ entre os principais atractivos da programación.

Do 29 de maio ao 2 de xuño Redondela celebra a súa semana grande coas Festas da Coca, onde a tradición e a mellor oferta musical van da man.

A presentación do programa da Festa da Coca 2024

A presentación do programa da Festa da Coca 2024 / Concello de Redondela

Axenda Cultural... e musical

A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, sinalou durante a presentación do programa que a esta tradición secular “súmase unha potente programación musical, cunha ampla oferta de grupos e estilos que van desde a música tradicional galega, ata o pop e o rock, con grandes apostas como Revólver ou Reincidentes, pasando polas multitudinarias orquestras e verbenas”.

Así, o mércores os concertos correrán a cargo da Orquestra de Saxos de Redondela e o grupo América de Vigo. E o día grande, o xoves 30, día da da Coca en Redondela, as citas serán co grupo folclórico Anaquiños e a orquestra Cinema.

O venres, como vén sendo tradición nos últimos anos, a noite está reservada para os amantes do rock co programa Rock Redondela e as actuacións dos grupos locais Chocolate Sexy, Volvoreta e RMS e o peche cos sevillanos Reincidentes, autores de grandes éxitos do punk rock como “Vicio”, “Grana y oro” ou “Ay Dolores”.

A Festa da Coca comezará o mércores, día 29.

A Festa da Coca comezará o mércores, día 29. / Ricardo Grobas

O sábado o público poderá gozar do concerto de Revólver, liderado polo artista Carlos Goñi. A banda fará unha parada en Redondela dentro da súa xira “Playlist Tour” cun concerto no que os asistentes vibrarán ao ritmo de grandes éxitos como “El roce de tu piel”, “Si es tan solo amor” ou “Faro de Lisboa”, xunto cos temas do seu último disco, no que presentan versións de grandes éxitos da música en español con temas de Pereza, Amaral e Elefantes, entre outros. A orquestra Galilea e o pica discos Rodri Vegas completarán a oferta musical da noite. Xa o domingo as festas pecharanse cos concertos da Banda de Música de Chapela e a orquestra La Fórmula, cunha espectacular posa en escena cos seus 24 integrantes que prometen un gran show.

A alcaldesa Digna Rivas salientaou durante a presentación tanto a calidade da programación musical como “a aposta decidida deste goberno polos grupos e artistas locais, que estarán presentes en toda a programación, xa que Redondela ten moito talento e é a nosa obriga poñelo en valor, tanto aos grupos que teñen xa unha longa traxectoria como as novos valores da música local”, seguindo a estela que xa comezaran na Festa do Choco.

O desfile de Xigantes e Cabezudos polas rúas da vila

O desfile de Xigantes e Cabezudos polas rúas da vila / Ricardo Grobas

Homenaxes a alfombristas, bailaríns e relevo das Penlas

O pistoletazo de saída da Festa da Coca terá lugar o mércores 29, ás 17.45 co tradicional desfile de Xigantes e Cabezudos polas rúas da vila xunto ao grupo de gaitas Airiños de San Simón.

A orquestra de Saxos actuará ás 19:30 na Praza do Concello e a inauguración oficial da festa será ás 20:00 coa lectura do pregón a cargo de Sonia Carrera Piedras, unha veciña que durante anos bailou como “burra” na tradicional danza das Penlas. A continuación celebrarase o acto solemne de relevo das Penlas, con Elena Iglesias Estévez e Leire Piñeiro Lalín. Celebrarse tamén a homenaxe ás persoas que traballaron nas alfombras florais: Cristina Rodríguez Miñán, Gerardo Fernández, Claudina Barros Vázquez, Mari Luz Iglesias López, María Ricón Tomé, Nieves Fernández Pazos, Maritina Lores e Jose Carlos Balea Rodríguez.

A homenaxe aos bailaríns da Danza das Espadas será para Olimpio e Pablo Giráldez Río, e realizarase tamén a homenaxe ao mordomo Benito Dosantos Gómez antes de proceder ao acendido da iluminación da festa.

A Danza das Espadas e as Penlas.

A Danza das Espadas e as Penlas. / Ricardo Grobas

Danza das Espadas e as Penlas

Os actos do xoves, festividade da Coca, comezarán ás 11.00 co traslado da Virxe “A Gabacha” da Igrexa de Vilavella á Igrexa de Santiago de Redondela, acompañado pola Danza das Espadas, das Penlas e a Banda de Música de Redondela.

Ás 12:00 será o desfile da Coca cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudos ao son do grupo de gaitas Son do Castro. A Misa Maior será tamén ás 12:00 na Igrexa de Santiago de Redondela. Ás 13:00 horas será a procesión polas rúas, decoradas con alfombras florais, acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela. O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza da Constitución.

O domingo, día 2 de xuño, o desfile da Coca será tamén ás 12.00 cos Mordomos e Diañiños, acompañada por Xigantes e Cabezudosdesta vez acompañados polo grupo Son de Gaitas do Carballo das Cen Pólas. Tamén ás 12:00 será a misa na Igrexa de Vilavella, coa posterior procesión polas rúas de Vilavella decoradas con alfombras florais e acompañada pola Danza das Espadas, das Penlas e a Banda de Música de Chapela. Finalmente, o tradicional baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza de Ribadavia.

O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza de Ribadavia.

O baile de homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas será na Praza de Ribadavia. / Ricardo Grobas

A lenda da Coca

A lenda da Coca é un dos mitos máis importantes da zona de Redondela. Unha historia que narra que, fai siglos, nesta vila costeira vivía un dragón que raptaba ás mulleres máis fermosas para levalas á súa guarida baixo a ponte da illa de San Simón. Pola seguridade da vila, todos os anos pola mesma data, a do Corpus Christi, deixábase unha moza na rampla para que o dragón a levase e quedase satisfeito. Finalmente, armados de valor, os mariñeiros máis fortes da vila foron a rescatalas. Tras varios días, os homes valentes, só armados polas súas espadas, vixiaban as campás da ermita, que doblaban cada vez que a Coca saía a superficie.

Deste xeito, no momento en que o monstruo apareceu, os mariñeiros atacaron por todas partes ao mesmo tempo, pinchando e cortando, ata deixalo cego e, por fin, darlle morte. Así, conseguiron derrotar ao monstruo, levando o seu corpo ata o centro da vila, onde bailaron arredor del blandido as súas espadas. O pobo organizou unha gran procesión entorno á praza e as mulleres levantaron as nenas pequenas, danzando con elas sobre os hombros. Esta danza triunfal é a que se rememora todos os anos no desfile do Corpus Christi, co paseo da figura da Coca, acompañada da “Danza das Espadas e as Penlas”.

Rutas en barco e visitas á illa de San Simón

Estes tres días de celebración veñen con ruta marítima incorporada, que ten como obxectivo ensinar e valorar a terra onde o malvado Dragón encarcelaba ás mulleres de Redondela: a enseada de San Simón. Ademáis, a ruta inclúe unha visita pola illa do mesmo nome.

Estes percorridos comezarán dende o Porto de Cesantes o xoves 30, ás 16:30 da tarde, o venres á mesma hora e o sábado con dúas saídas, ás 11h para os máis madrugadores e, ás 16:30h dende o Pantalán do Museo Meirande.

A venta de billetes realízase no Museo Meirande e na Oficina de Turismo de Redondela, aberta dende o pasado xoves 23.

Pero non hai que preocuparse, xa que no caso de esgotarse as prazas, a navieira ofertará novas visitas.

Balonmán na rúa

O deportes tamén estará presente na programación coa competición “Balonmán na rúa” o venres desde as 18.00 horas na pista da Xunqueira e a Alameda Castelao.