Redondela exalta o seu "ouro negro": volve a Festa do Choco

A XXXVII Festa do Choco celébrase na vila do 10 ao 12 de maio

O evento está declarado de Interese Turístico de Galicia

A presentación da Festa do Choco en Redondela.

A presentación da Festa do Choco en Redondela. / Ricardo Grobas

Redondela é a raíña da pesca do choco dende fai máis de tres séculos. Este molusco identifica á localidade pontevedresa de tal forma que os redondeláns e redondelás tamén teñen, como xentilicio oficial, choqueiros e choqueiras.

Cada ano, a principios do mes de maio, Redondela homenaxea ao rei das súas cociñas, o seu ouro negro, coa Festa do Choco. Este ano, a Festa celébrase entre o 10 e o 12 de maio, e as Xornadas Gastronómicas o farán dende o próximo día 6 e ata o 12.

Durante a XXXII Festa do Choco.

Durante a XXXII Festa do Choco. / Marta G. Brea

Na presentación do evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, participaron a alcaldesa, Digna Rivas, a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, así como unha representación da Confraría de Redondela e dos hostaleiros e hostaleiras que ofrecerán durante estas xornadas este exquisito cefalópodo elaborado con diferentes preparacións. Na presentación participaron tamén algúns dos hostaleiros que fundaron esta festa, como Manolo Conde e José Manuel Durán.

"O mellor choco do mundo"

“Por suposto, durante estas xornadas, o noso protagonista será o Choco de Redondela, o noso produto por excelencia, o mellor choco do mundo, capturada nas augas da Enseada de San Simón”, explicaba a rexedora.

Presentación da Festa do Choco en Redondela.

Presentación da Festa do Choco en Redondela. / Ricardo Grobas

Digna Rivas quixo “agradecer a todas as persoas que fan posible esta festa, xa que a colaboración entre a veciñanza, os negocios locais e o Concello é moi importante para que esta festa gastronómica sexa un éxito e consolide a Redondela como un referente na promoción dos produtos do mar galegos. O choco é o produto de Redondela por excelencia, somos coñecidos como choqueiros e choqueiras en todo o mundo, e iso é posible grazas ao gran traballo dos mariñeiros e mariñeiras da Confraría de Redondela que traen do mar este excelente produto”, engadiu Rivas.

Os hosteleiros participantes

Un ano máis, por cuarta edición consecutiva, repítense as Xornadas Gastronómicas do Choco, nas que participan diferentes establecementos da vila do 6 ao 12 de maio.

Tanto na carpa do campo da feira como nos locais de hostalaría, Redondela ofrecerá estes días as mellores receitas preparadas con mimo, pratos que queren mostrar a tradición e a innovación, con pratos típicos como a empanada de millo, o arroz con chocos ou os choquiños na súa tinta e tamén propostas orixinais como o pan bao de choco ou a pizza de choco. A carpa degustación abrirá cada día dende as 10:30h.

Entre os participantes desta edición atopamos a Vigo e os Catro Elementos, Restaurante O Tranquilo, Restaurante Casa Chano, Panadería Luisa, Panadería Alejandra, Paladarqueso e Anaquel Gourmet.

A preparación dopratos de choco en anteriores ediciones da festa.

A preparación dopratos de choco en anteriores ediciones da festa. / Marta G. Brea

Pola súa banda, os establementos que participan nas IV Xornadas Gastronómicas son Novo Royalty, A Cova, Pizzería Bos Aires e Papagaio Bistró.

Ademais, o alumnado do Obradoiro de Hostalaría “Redondela TIC III”, serán os encargados dun “Showcooking” o sábado, onde amosarán en directo a elaboración de varios pratos. “Deste xeito poñemos tamén en valor o traballo dos nosos mozos e mozas, que se están a formar para ser os futuros profesionais da hostalaría de Redondela”, engadiu Rivas.

Programa variado e tradicional

Esta edición conta cunha ampla e variada programación cultural, na que o público poderá desfrutar de actuacións musicais, baile e actividades variadas durante os tres días de celebración.

A edición da Festa do ano pasado.

A edición da Festa do ano pasado. / Pablo Hernández Gamarra

A música tradicional estará presente coas actuacións de grupos como Airiños de San Simón, Tanto os Ten e O Carballo das Cen Pólas. Non faltará a verbena,que arrancará xa o venres coa gran orquestra Combo Dominicano e o domingo Gran Parada. A aposta musical para a noite do sábado pasa por U2 Zen Garden, grupo italiano considerado o mellor tributo á banda irlandesa. Outras propostas locais como a Orquestra de Saxos, a Banda de Música de Chapela, a Rondalla de Redondela e a sesión DJ con Rodri Vegas & Enter completan a oferta musical “que aposta polo talento local e galego, como facemos sempre, porque temos moitos e moi grandes artistas”, apuntou Rivas.

Ademais da música, o domingo 12 ás 12.30 horas terá lugar a lectura do pregón a cargo do actor, cómico e presentador  Rafa Durán.

Todo tipo de elaboracións para degustar.

Todo tipo de elaboracións para degustar. / Pablo Hernández Gamarra

Rutas en barco e visitas á illa de San Simón

A fin de semana da celebración chega con ruta marítima incorporada, que ten como obxectivo ensinar e valorar a zona onde se pesca "o mellor choco do mundo": a enseada de San Simón. Ademáis, a ruta inclúe unha visita pola illa do mesmo nome.

Horarios sábado día 11

Ás 12:00 h saída dende o peirao do museo Meirande

Ás 16:30 h saída dende o porto de Cesantes.

Ás 17:30 h dende o porto de Cesantes

Horarios domingo día 12

Ás 12:00 h saída dende o peirao do museo Meirande

Ás 16:00 h saída dende o porto de Cesantes.

Ás 17:00 h dende o porto de Cesantes.

O prezo do billete é de 5 euros por persoa. A súa venta realízase no Museo Meirande e na Oficina de Turismo de Redondela.