XXXIII FESTA DA ANGUÍA E MOSTRA DA CAÑA DO PAÍS DE VALGA

Valga pecha agosto por todo o alto coa Anguía

Mañá será o día grande con degustación de tapas e cocteis e as actuacións de Doctor Queen e Grupo Bomba

A Festa de Interese Turístico de Galicia servirá un milleiro de tapas elaboradas en cinco receitas.

A Festa de Interese Turístico de Galicia servirá un milleiro de tapas elaboradas en cinco receitas. / FDV

Despois dun mes ben completo con showcookings, certames e degustacións, Valga quenta motores para celebrar mañá o día grande da XXXIII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, na que o Concello prevé servir máis dun milleiro de tapas desta xoia gastronómica e outros tantos cocteis con caña.

Declarada de Interese Turístico de Galicia, a celebración xunta un ano máis a exaltación gastronómica con actividades culturais e lúdicas nun programa deseñado para o goce de veciños e visitantes, no que non faltarán os tradicionais actos de entrega de premios e a queimada teatralizada.

Tampouco a música, coa actuación de Doctor Queen como gran estrela do cartel. A banda tributo referente do grupo británico virá acompañada do Grupo Bomba e a discoteca móbil Infinity como peche de festas. 

Cinco receitas e catro variedades de cocteis

Será no Parque Irmáns Dios Mosquera, centro neurálxico das celebracións, onde os asistentes poderán gozar a partir das 21.30 horas da degustación de ata 1.000 tapas de anguía en cinco receitas diferentes a un prezo de 2 euros.

As catro primeiras –anguía frita sobre patacas palla; tosta de anguía sobre pan de millo; guacamango: ensalada con aguacate, mango, tomate e anguía escabechada; e curry de anguía con fabas– estarán elaboradas polos cociñeiros de Indo e Vindo Gastronomía. E unha quinta será cociñada polo bar Casa Comparada, gañador do premio do xurado na última edición de “Tapa a Anguía” coas súas Popietas de anguía.

En canto á augardente, poderán adquirirse catro variedades elaborados polo profesional César Argibay. Serán caipiriña con caña branca, mojito con caña tostada, daiquiri con caña de herbas e daiquiri de froitos vermellos ás finas herbas. Venderanse a 1’50 euros a unidade. 

A gran queimada popular gratuíta terá lugar na medianoite do sábado con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación.

A gran queimada popular gratuíta terá lugar na medianoite do sábado con conxuro e espectáculo a cargo de Troula Animación. / FDV

Un programa para todos

A localidade énchese de sabor a peixe e recendo a augardente cun milleiro de tapas e cocteis en Irmáns Dios Mosquera

Valga espertará cedo mañá cunha nova xornada da Ruta-Concurso “Tapa a anguía” a partir das 12.00 horas. A primeira hora da tarde chegará a festa infantil, que terá lugar dende as 16.00 horas no Parque Irmáns Dios Mosquera.

Deixará paso, xa ás 17.00 horas, á demostración de destilado tradicional de augardente no Centro de Interpretación da Caña, que correrá a cargo de dous cañeiros valgueses e na que se farán dúas potadas de caña branca e de herbas.

Ás 20.00 horas chegará a quenda do pregón protagonizado por Samuel Rial, mellor expediente de Bacharelato de Valga e un dos mellores de Galicia, e posterior entrega de premios aos gañadores dos concursos de receitas “Valga. Anguía, caña e camiño”, concurso da Caña do País, Embelecer Valga, concurso para elixir o cartel anunciador, tapas gañadoras da ruta e vales de compra da ruta “Tapa a Anguía”.

A esperada degustación de tapas de anguía e cocteis de caña deixará paso á actuación do Grupo Bomba, a partir das 22.30 horas, e á queimada popular e conxuro teatralizado a cargo de Troula Animación, ás 00.00 horas

A continuación, un espectáculo de fogos e luces deixará paso á actuación estrela da noite da man de Doctor Queen. 

Finalmente, a discoteca móbil Infinity protagonizará o peche da festa nunha fin de semana na que a anguía poderá seguir degustándose o domingo da man da ruta de tapas entre as 12.00 e as 15.00 horas. 

O programa, que deu comezo a principios de agosto, prolongarase aínda ata o martes, co showcooking “Dez anos da ruta Tapa a anguía”, no que se repasarán algúns dos petiscos gañadores deste certame.