Entrevista | Marta Lois Candidata á presidencia da Xunta por Sumar

“Non me vexo nun reality da tv, paréceche pouco reality onde estou?”

“Teño TOC, non podo ver un cadro torto ou unha porta aberta”

“A miña familia é o meu soporte, os meus pais ensináronme a cultura da responsabilidade e a non ser individualista”

Un vermú con Marta Lois

Pedro Fernández

A viguesa Marta Lois, que foi concelleira de Igualdade en Santiago con Martiño Noriega de rexedor e voceira de Sumar no Congreso, mostra a súa faceta máis persoal e descoñecida nunha entrevista na que, paseando polo paseo de Alfonso XII, desvela o seu paso por terapia, fala de música, manías, a súa infancia na cidade olívica. Tamén se somete ao test rápido de FARO DE VIGO para descubrir algunhas das súas preferencias.

–De pequena eras traste ou tranquiliña?

Sempre fun unha nena moi inqueda, pero de traste tampouco teño fama na miña casa. Era inqueda, con moitas inquedanzas. Proba diso é que fixen un pouco de todo.

–Cal dirías que é o teu peor defecto?

Teño moitos, pero creo que son moi cabezona. Normalmente son tranquila, pero podo chegar a ser obsesiva en clave perfeccionista. Logo teño un TOC, que din os meus fillos, e é que non podo ver unha porta dun armario aberta ou un cadro torto.

–Onde vives máis momentos de tensión, na casa cos fillos xa mozos ou no partido?

Son momentos de tensión diferentes. Ás veces teño na casa o que se chama a ‘curva da ira’. Enfádome porque ma fixeron ben. Dúrame moi pouco, pero os meus fillos saben que non hai nada que negociar. Teñen que esperar a que baixe da curva da ira.

–Que aplicacións son as que máis utilizas?

Gústame moito escoitar música. Teño Spotify e póñome os cascos cando viaxo. Antes parecíame terrible ver películas ou series no móbil e agora fágoo.

–Cal é a serie ou programa de televisión que ninguén imaxinaría que ves?

Televisión non vexo. Gústame o cine noir, así escuro, as series de política, as clásicas e as máis modernas… Gústanme moito as series francesas e as nórdicas. Este outono vin as películas ‘Los asesinos de la luna’ e 'Fallen leaves’.

–Cal é o artista e a canción máis escoitada no teu Spotify?

Rosalía, Guadi Galego, Jimena Marillo, Sofía Espiñeira… Gústame a música indie cantada por mulleres. E o disco ‘El madrileño’ de C.Tangana.

–Unha canción que pos para os momentos máis tristes?

Billie Holiday e Ella Fitzgerald de noite. Sofía Espiñeira ten unha canción que se chama ‘Non teño medo’ que a poño ás veces na ducha para empezar o día con ela.

–Que prefires, polbo ou churrasco?

Polbo á feira. Os meu pais sonche do Carballiño.

–E entre viño e cervexa?

Gústanme os dous, pero onde haxa un bo Mencía ou un bo Godello...

Test rápido con Marta Lois

Pedro Fernández

–Algunha verbena ou festa galega á que non podes faltar?

–Agora que son máis maior gústame ir a elas. Por exemplo, á festa do polbo no Carballiño.

–A túa orquestra favorita?

Tanto a Panorama como a París de Noia están xa nas top. Son de sesión vermú.

–Canto vale unha botella de aceite?

Moi caro. Unha botella de aceite de oliva pódeche valer 9 euros, 8,5… Agora é un obxecto de luxo.

–En que pensa Marta Lois, en galego ou castelán?

Habitualmente en galego, e cando estou en Madrid, doume conta de que estou traducindo.

–Os teus fillos están xa na universidade ou en camiño, que opinión che xera a ti a ABAU?

–Preocúpame que se viva toda a ABAU con esa carga de presión para os adolecentes. Están ansiosos por conseguir unha nota para poder entrar na universidade. A saúde mental é un problema de primeira orde.

–Tes ido a terapia?

–Eu creo que todas as persoas nalgún momento da nosa vida precisamos ir a terapia. Fai algo máis de dez anos, si precisei axuda. Tiña que tomar decisións importantes e sentía certa vertixe. Preocúpame que temos un sistema sanitario que ante unha dificultade ou un problema ofrece medicalizar o paciente. A sanidade necesita máis recursos.

–Algún consello ou recomendación que che deran teus pais e sigas tendo moi presente?

A miña familia é o meu soporte. Os meus pais ensináronme a cultura da responsabilidade, pero tamén a non ser individualista. Ensinárome moitos valores que teñen que ver coa esquerda, e sempre me dixeron que tiña que facer o que eu quixese.

“De nova fun titiriteira, teríame gustado adicarme ao teatro”

–Cal sería a túa profesión frustrada?

–Cando era máis nova adiqueime ao teatro, fun titiriteira. Teríame gustado adicarme profesionalmente ao teatro.

–Se che propuxeran ir a un reality á televisión, a cal irías?

Eu non me vexo nun reality. Se che parece pouco reality onde estou diariamente…

–Sabes que é shippear?

–Cando miras se dúas persoas pegan ou encaixan non?

–E algún shippeo do partido que nos poidas confesar?

–Hai moito salseo dentro do partido, pero non o podo contar.

–Cal é o teu fondo de pantalla?

–Un clásico dunha boomer. Os meus fillos no Lago Ness, en Escocia. Un recordo con Mencía e con Blas alí. 

As súas referencias viguesas: Churruca, O Vao, Siniestro Total...

Onde medrou Marta Lois?

Eu nacín en Vigo. Medrei no barrio do Calvario, estudei no Instituto Castelao e no colexio público de Cabral. Síntome dun barrio moi traballador que marcou a forma que teño de ser hoxe. 

–Na túa adolescencia en Vigo, eras máis do Areal ou de Churruca?

De Churruca. Era moito de concertos. Gustábame moito ir ao Iguana e tamén era moito dun sitio que se chamaba el UF, que esta na parte de arriba dos viños, que poñía moitas cancións de cantautor e cantautora…Tamén recordo moito un local de jazz que se chamaba El Puente. 

–Unha canción de Siniestro Total ou unha canción para perrear?

Definitivamente Siniestro Total. A miña favorita é ‘Miña Terra Galega’.

–De Samil ou do Vao?

Do Vao definitivamente. E no verán por suposto ir de acampada as Cíes, a Barra e a Nerga. 

–Un momento desa época que che marcase.

Era unha época de movemento contracultural e musical e tamén de mobilizacións. Ía a mobilizacións pacifistas e no instituto participaba cos amigos nun programa de radio que se chamaba ‘Antimatón’.

–Na túa época de estudante en Santiago, de que pub eras máis? Avante ou Tarasca?

De Tarasca e do Atlántico. Tamén me gustaba moito La Nasa.

–Algún recordo embarazoso da época?

–Algunha "tumba dios" de máis, algunha vez.