Entrevista | Manuel Cuiña Fernández Alcalde de Silleda

“O anterior bipartito funcionou moi ben, rompeu por un tema puntual e serviunos para aprender”

“Non me preocupa para nada que a Deputación pase a mans do PP, estou convencido de que vai seguir na liña de valorar os proxectos e repartir por igual”

“Demostramos varias veces que estamos a carón dos veciños”

Manuel Cuíña posa no despacho municipal que ocupa dende o ano 2013.

Manuel Cuíña posa no despacho municipal que ocupa dende o ano 2013. / BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Manuel Cuíña afronta o seu terceiro mandato con seis edís, un menos que na lexislatura anterior, e pendente do avance das negociacións co BNG de cara a conformar un goberno de coalición. É alcalde xa dende 2013, cando asumiu o cargo trala marcha da entón rexedora, Paula Pena, ao ser designada senadora.

–Os cinco concelleiros socialistas que o acompañan son os mesmos que no mandato anterior. ¿Vai haber unha reestruturación de áreas?

–Estamos coa esperanza de que o Bloque queira entrar no goberno e, de facelo, cambiaría a estruturación, porque serían dous edís novos. De non entrar, nós temos un concelleiro menos que en 2019 e habería que facer un pequeno reaxuste. Pero é certo que os socialistas coñecemos ben esta casa, porque repetimos todos, e non vai haber demasiado inconveniente.

–¿Pode materializarse ese bipartito? ¿Ou pode ser que o BNG tema que acabe como o anterior, coa marcha do seu entón edil, Matías Rodríguez da Torre?

–A día de hoxe, o BNG está convencido de non entrar, pero eu no pleno de investidura xa lles pedín que reflexionasen. Este xoves podemos darlle outra intentona e decidir se entran ou non, porque eu o venres quero repartir esas áreas entre os concelleiros e concelleiras xa que a función de goberno tén que seguir. Eu teño aquí diante as peticións que me fai o Bloque, e son todas moi salvables e moi lóxicas.Sobre ese temor a que non funcione unha coalición, creo que a situación de agora e a de aquelas son moi distintas. Daquel bipartito, hai doce anos que se constituiu e funcionou moi ben durante dous anos, rompéndose por unha actuación nun tema puntual que non ten por qué volver suceder, e serviunos a todos para aprender. Agora o BNG ten dous concelleiros, o que supón que debería ter máis peso no goberno.

–¿Cales van ser os grandes proxectos deste mandato?

–Nun mes deberíamos estrear o novo consistorio, e vai ser un fito moi grande para Silleda, despois de 200 anos. Tamén é moi importante desenvolver o PXOM porque precisamos chan industrial a curto prazo, xa que Silleda está medrando. Fai falta tamén desenvolver ese Plan de Urbanismo no rural e rematar con 20 anos de sequía de edificación nas aldeas. De feito, xa hai peticións de licenzas, e iso vai xerar emprego e asentamento no rural por parte de xente nova. Todo isto vai permitir que Silleda siga crecendo demográficamente, como leva facendo nos últimos cinco anos. Outras cuestións a mencionar son a ampliación da rede de calor o a construcción da nova piscina.

Manuel Cuiña, durante un momento da entrevista no consistorio.

Manuel Cuiña, durante un momento da entrevista no consistorio. / BERNABE/JAVIER LALIN

–¿O PXOM tamén permitirá dispoñer de solo para vivenda pública, non si?

–Agora mesmo para a Xunta Silleda non é unha zona tensionada na que sexa necesario construír vivenda pública, pero isto pode cambiar en pouco tempo. Doulle a razón á Xunta, pero explícome: non é unha zona tensionada, porque en 2008 coa crise inmobiliaria en Silleda quedaron máis de 1.000 vivendas baleiras que se foron vendendo ata agora. Así, ata agora había pisos e casas para alugar a bo prezo e para mercar baratas, pero isto vai cambiar en poucos anos, porque na Bandeira xa hai escasez de vivenda, e en Silleda comeza a notarse tamén esa falta. Por iso hai que edificar nova vivenda, así que ou se fan reguladas ou xa xerarán unha tensión no aluguer ou na compra. A Sareb ata hai pouco vendeu vivendas por 40.000 euros aquí en Silleda, e hoxe non se pode construír por ese prezo. Máis pronto que tarde haberá que comezar a construír vivenda pública.

"Silleda non é unha zona tensionada; en 2008 coa crise inmobiliaria quedaron máis de 1.000 vivendas baleiras que se foron vendendo ata agora"

–¿Van seguir os procesos de humanización, como o de Progreso?

–Por suposto, sempre que poidamos e que sexamos capaces de ter financiación. Proba disto é que nos próximos meses sairá a adxudicación do entorno da Praza da Bandeira, con case 1,2 millóns de euros de inversión, e a través do Programa PON2030 está a financiación para urbanizar o entorno do CEIP e o campo de fútbol, que permitirá unir precisamente a urbanización de Progreso coa zona da residencia. Ante a UE temos presentado o proxecto para a Rúa do Parque.Humanizar os cascos urbanos é outra das nosas prioridades nestes catro anos.

–Agora que menciona a Deputación, Silleda foi un dos concellos que obtivo varias axudas provinciais para distintos proxectos. Hai quen pensa que axudou o feito de que as dúas administracións eran da mesma cor política.

–A Deputación caracterizouse nestes 8 anos porque repartiu para todos os concellos igual, tanto no Plan Concellos como no PON2030. Quedou fóra aquel municipio que non acadou puntuación. Hai algunha urbanización, por exemplo nas estradas da Deputación, para a que se debe presentar un proxecto solvente e fiable, como as sendas dende a N-525 ata a estrada de Toiriz, do que xa pagamos o 20% que nos correspondía. Por iso non me preocupa nada que agora a Deputación pase a mans do PP, estou convencido de que vai seguir na liña de repartir para todos por igual e que vai valorar os proxectos pola súa consistencia, non por quén os presente. Estou convencido de que con Luis López, do que podo presumir, e el tamén o fai, de que somos amigos, non por ser amigos nin da mesma comarca imos ter ningunha prebenda, nin por ser de partidos políticos distintos imos ter inconveniente.

–Na actualidade está moi de moda o turismo de natureza. ¿Haberá máis rutas de senderismo ou máis praias fluviais?

–Hai o proxecto de levar a luz a Carboeiro, coa axuda da Deputación, que contará cun proxecto secundario dunha senda dende Carboeiro ata O Castro, porque desde aquí xa hai outra senda e beirarrúas ata Silleda. E penso que sería a máis empregada de todo o municipio. En canto ás praias fluviais, hai enclaves que si poderían desenvolverse como zonas de baño, pero penso que a cantidade é suficiente, así que o que debemos facer é tratar de ter en condicións a de Cira, que é un entorno marabilloso.

–Sobre Carboeiro, a comezos de ano saltou a polémica pola presenza de dúas esculturas, roubadas décadas atrás, no Museo Marès. Recuperalas non é competencia do Concello, pero ¿pode facerse presión ante a Xunta para iso?

–Podemos e debemos facer presión, e facémola. Antes de ver este estudo, fixeramos moito traballo para demostrar que foran expoliadas e agora estamos en contacto coa Consellería de Cultura, e tamén co autor de dito estudo para que nos pasara todos os pormenores. Contactamos tamén co Museo Marès, e seguiremos presionando para que volvan o máis rápido posible a ese tímpano, de onde non deberon saír nunca.

O rexedor ocupa o cargo dende hai 10 anos.

O rexedor ocupa o cargo dende hai 10 anos. / BERNABE/JAVIER LALIN

"Fomos o primeiro concello de España en conseguir que Plenoil mudara de ubicación"

–Hai outras competencias que tampoco son municipais, como o arranxo do CEIP de Silleda ou do centro de saúde da Bandeira, nas que o Concello tamén ten demandado intervención á Xunta.

–Sobre os colexios, lembro que nalgún momento me dixeron que non tiña sentido pedir un centro novo para Silleda, pero é unha petición tanto de máximos como razoable dado que é o colexio máis antigo da comarca e o segundo con máis estudantes. E a través desas peticións pasamos dunhas obras para os dous colexios públicos e o instituto que apenas chegaban ós 200.000 euros a uns traballos case rematados no CEIP da Bandeira e xa iniciados no de Silleda que suman un millón de euros, así que a diferenza é sustancial. E non se tratou de presionar a un goberno porque era de distinta cor política, senón para pedir algo tan razonable como que non chova polos nosos nenos e nenas ou que non teñan que empregar os mesmos aseos que usaron os seus avós. En canto aos centros médicos, deron froito a presión do Concello e tamén a da sociedade, incluida a de Aurelio Fernández. O centro médico de Silleda xa foi traspasado á Xunta, un trámite do que está pendente o consultorio da Bandeira, no que ata hai pouco tempo había un médico, nada máis, e agora dispón de dous médicos e enfermería e nel fanse analíticas, o que demostra que as presións van dando resultado. Temos que conseguir que a Xunta se faga cargo dese centro médico, como recolle o acordo asinado entre a Fegamp e a Xunta hai moitos anos, e conseguir que os servizos se sigan prestando con boa calidade, como se merecen os dous cascos urbanos que temos.

–O Concello tamén tivo un papel importante para que Plenoil buscase outro emprazamento para a sua gasolineira. ¿É posible que tamén se chegue a parar o proxecto de reapertura do vertedoiro de Campomarzo?

–Nós demostramos varias veces que estamos a carón dos veciños e do noso territorio, e o que imos facer é estar en contra do que sexa nefasto para a nosa veciñanza. Demostrámolo con Plenoil: non estábamos en contra da empresa, senón da ubicación, e conseguimos cambiala. Fomos o primeiro concello de España en conseguir que Plenoil mudara a súa ubicación,e están chamándonos doutras autonomías para que lles expliquemos cómo fixemos.Faremos o mesmo para defender os intereses da veciñanza con Campomarzo, pero ten que quedar claro antes e despois do pacto que nunca incumpriremos a lei. Eu sempre lles dixen aos veciños que se chegaba o momento de ter que darlle a licencia a Plenoil, lla daríamos para cumprir a lei, e se chega o momento con Campomarzo, darémoslla, pero imos loitar para que non chegue ese momento. A Xunta ten máis competencias para que esa licenza non se dea, porque é quen pode atopar escollos no Informe de Impacto Ambiental, ou a través de Augas de Galicia e Patrimonio, pola proximidade do Toxa ou da Rede Natura. Eu non podo prevaricar.

"A Xunta é quen ten competencias para que non se outorgue a licenza de reapertura de Campomarzo"

“Creo que neste ano ou no que vén a Empanada conseguirá o distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional”

–Eu levo vivindo no Deza dende 2006, e en todas as eleccións municipais que houbo dende entón o PSOE de Silleda moveuse sempre en seis-sete edís. Nestas, o seu partido perdeu a maioría absoluta. ¿Podemos falar de fracaso, ou de proxecto esgotado, como mencionou o candidato do PP, Ignacio Maril?

–O PP non pode falar nada destas eleccións, porque o fracaso estrepitoso foi o dese partido, ao perder uns 200 votos. En 2019 Ciudadanos tivera 150 apoios, que deberían ir no 28-M para o PP, e non foron.Ademais, hai estudos que din que un 40% da poboación votou en clave nacional, nun contexto de auxe moi importante do PP. Pero na terra do presidente da Xunta, os populares de Silleda foron das poucas agrupacións de Galicia que baixaron en votos. Nas nosas filas temos ese contexto de votación en clave nacional, un desgaste de 16 anos e votos que ou ben foron ao BNG ou ben se quedaron en abstencións, porque se ben tiñamos un censo superior ao de 2019, houbo unha participación inferior. Pero o PP non foi capaz de rabuñar un só voto dese desgaste que calquera goberno sofre.

–Vostede, como veciño da Bandeira, seguro que conta con que nestes anos a Festa da Bandeira acade o distintivo de Festa de Interese Turístico Nacional.

–Conto que si, e dende o Concello estamos axudando moito. Antes da pandemia a Festa da Empanada saiu dos lindes do noso municipio e presentouse no restaurante de Martín Berasategui en Lasarte e no de Pepe Rodríguez en Illescas. Fixéranse moitas actuacións en canto a difusión a escala nacional, grazas ao apoio institucional e económico do Concello. Agora séguense facendo actos na mesma liña, tamén con ese respaldo da administración local. Penso que todos estamos convencidos de que durante este ano, ou estes dous anos, é dicir, xa non neste mandato senón na primeira parte do mesmo, imos conseguir que sexa declarada de Interese Turístico Nacional.

Suscríbete para seguir leyendo