Na busca de dúas rapazas galegofalantes

A produtora Setembro Cine abre un casting para atopar ás dúas protagonistas de “A Nadadora”, película que dirixirá Sandra Sánchez

Un casting celebrado en Vilagarcía de Arousa.

Un casting celebrado en Vilagarcía de Arousa. / Iñaki Abella

A. G.

Rapazas de entre 16 e 20 anos con carácter, que falen galego e que conten con acento de puntos da costa como a Costa da Morte, Arousa ou O Morrazo. Eses son os dous perfís que está buscando a produtora catalana independente Setembro Cine para o vindeiro traballo da directora Sandra Sánchez, titulado “A nadadora”. As características anteriores son chave para as dúas personaxes, máis incluso que o feito de que as aspirantes poidan contar con experiencia interpretativa, a cal non é necesaria, xa que se lle dá a benvida a todas as que queiran probar sorte. Na produtora son conscientes de que non é un obxectivo sinxelo, debido á sustitución lingüística que acontece nas vilas, pero confían en dar coas dúas persoas que buscan.

Inscribirse no casting pódese facer a través do mail casting@setembrocine.com ou a través dun QR con un formulario de contacto no que se piden os datos máis básicos de contacto, así como unha foto e un vídeo de presentación. As menores de idade necesitan dun permiso paterno para poder presentarse. Se se supera este casting online, o presencial terá lugar no mes de maio nesas tres localizacións: Costa da Morte, Vilagarcía e Cangas.

Cartel sobre o casting para a película "A nadadora".

Cartel sobre o casting para a película "A nadadora". / FDV

As elixidas tamén contarán coa axuda dun lingüista especializado, xa que o obxectivo é que falen na grabación como unha rapaza nova que vivía na Costa da Morte nos anos 90. Será nesa localización onde se vai grabar a película abordando un tema tan delicado como foi o impacto da droga en varias xeracións de mozos en vilas pequenas da costa galega, onde se perderon moitas vidas. Nese marco, unha rapaza moi botada para adiante chamada Nico, pertencente a unha familia desestruturada, busca a fórmula de fuxir dese pobo para voar. A película comezará a grabarse ao longo do vindeiro verán. Setembro Cine é una produtora de cine independente que produce e coproduce longametraxes de ficción, fundada en 2014 por Fernanda del Nido e con base en Cataluña, e que conta entre as súas películas co talento de directores como Pablo Larraín ou Icíar Bollaín.

Suscríbete para seguir leyendo