Un cuarto de século da ponte que une A Illa e Vigo ao través da cor celeste

A Peña Carcamáns pecha os actos do seu 25 aniversario cunha cea

Membros da primeira directiva de Carcamáns rodean ao exxogador do Celta Claude Makelele o día da presentación oficial da peña.

Membros da primeira directiva de Carcamáns rodean ao exxogador do Celta Claude Makelele o día da presentación oficial da peña. / FDV

A. G.

Hai 25 anos, o celtismo que se respiraba na Illa de Arousa conseguiu canalizarse a través dunha peña, un cuarto de século no que aquela idea xurdida arredor dunhas mesas do bar Club e do Alameda acababa cristalizando na creación de Carcamáns, convertida hoxe en día na peña máis importante de cantas ten o Real Club Celta de Vigo, con máis de 1.200 socios e máis de 700 abonos directos ao estadio.

Este ano estiveron festexando a efeméride, que se pechará coa celebración dunha cea o vindeiro 25 de novembro que se celebrará no Restaurante Forniños de Cambados e para a que hai que inscribirse na sede que posúe a peña, a Taberna dos Barrales.

Esa cea será a culminación duns actos que comezaron o pasado mes de setembro coa visita dos xogadores Iago Aspas e Fran Beltrán, aos que acompañaba o porteiro de Catoira Sergio Álvarez e que acadaron o seu cumio co concerto, na praza do Regueiro, dos Heredeiros da Crus acompañados de Pili Pampín e Ortiga a finais dese mesmo mes.

Foi un 20 de novembro cando a peña botou a andar co nome de Carcamáns Celestes, que acabaría reducíndose despois a simplemente Carcamáns. Foi nun acto que se celebrou no salón de actos da Agrupación de Mexilloeiros da Illa, situada na avenida Castelao. Ata alí desprazárase un xogador que non estaría moito tempo no clube, pero que deixaría unha fonda pegada, como foi o caso de Claude Makelele, que apadriñou a oficialidade deste grupo de celtistas que comezou encabezando Arturo Nieto, que ostentou a presidencia durante tres anos.

Unha das viaxes en catamarán desde A Illa ata Vigo para ir ver o Celta.

Unha das viaxes en catamarán desde A Illa ata Vigo para ir ver o Celta. / Iñaki Abella

O primeiro desprazamento que fixeron como peña foi uns vinte días despois a un partido que está gardado na memoria de todos os celtistas, o enfrontamento da da antiga Copa da Uefa contra o Liverpool, que remataría con victoria celeste por 3-1. De todas formas, a primeira viaxe masiva que protagonizou a peña xa sería neste século e foi a Sevilla para presenciar a final de Copa do Rey en La Cartuja contra o Zaragoza.

Pouco despois de chegar de Sevilla foi cando mudou a presidencia da peña, sendo asumida por Belermo Dios, que a ven exercendo desde entón, salvo un pequeno paréntese dunha temporada, contando cun amplo grupo de colaboradores que foron chave no crecemento que experimentou a peña durante estes últimos anos. Ese crecemento acadouse incluso nos cinco escuros anos de Segunda División, onde sempre había un autobús de Carcamáns na grada.

Pregón do artista Carlos Blanco durante a inauguración da Romaría Celtista que se celebrou na Illa.

Pregón do artista Carlos Blanco durante a inauguración da Romaría Celtista que se celebrou na Illa. / Iñaki Abella

Ademáis de participar activamente na grada de siareiros, polo que se ten caracterizado desde sempre a peña é polo dinamismo que sempre ofrece, buscando ideas que sirvan para visibilizar ao Celta e aos seus siareiros. Unha delas foi cando se lles ocorreu facer o desprazamento a Vigo en catamarán. Foi na tempada 2012-2013, a mesma da salvación co 4% e a mesma na que chegaron a ofrecer como prima latas de mexillóns con DOP a aqueles equipos que lles gañasen aos rivais directos do Celta na táboa. A viaxe en catamarán repetiríase outras dúas veces máis e non está descartada de todo outra viaxe similar. Outra iniciativa que dou moito que falar foi a celebración da IV Romaría Celtista, coincidindo con seu XX aniversario, un evento que tinxiu de celeste todas as rúas do pequeno municipio arousano e que contou con un bo feixe de actos.

Con 1.200 socios, a peña xa desbordou as fronteiras do termo municipal da Illa e conta cun bo feixe de integrantes de municipios como Meis, Cambados, Ribadumia, Vilanova, Marín, Pontevedra, Barro e ata o propio Vigo, onde ten outra sede como é o bar Movie, á beira de Balaídos.

Suscríbete para seguir leyendo