Cita con Os Resentidos polo Samaín

A mítica banda regresa ao directo: será no Sinatra de Vigo o vindeiro día 31

O grupo vigués xa pensa nun novo disco de colaboracións

'Os Resentidos' regresan aos escenarios

Para ver este vídeo suscríbete a Faro de Vigo o inicia sesión si ya eres suscriptor

Suscríbete

¿Ya eres premium? Inicia tu sesión aquí

Alba Villar

Mar Mato

Mar Mato

O vindeiro ano cúmprense 40 anos dun dos discos chave na movida viguesa e española, un álbum que alumearía o inicio da carreira dun grupo mítico: Os Resentidos. O LP en cuestión era “Surfin´CCCP” e era o segundo de Siniestro Total e o primeiro de Os Resentidos.

Ademais de graváreno xuntos, o vínculo Siniestro-Resentidos seguíu cos anos como un bumerang tocadiscos que chega ao presente.

Tras máis dun ano sen tocar, replantexando a base, Os Resentidos volverán ao palco na noite do Samaín, o vindeiro día 31, no pub Sinatra en Vigo, no CascoVello. Explícano nun descanso do ensaio, nunha nave das aforas do Calvario, no local no que tocaba Siniestro

Javier Soto, Antón Reixa, Anxo Graña e Andrés Cunha (e-d) no local de ensaio.   | // ALBA VILLAR

Javier Soto, Antón Reixa, Anxo Graña e Andrés Cunha (e-d) no local de ensaio. | // ALBA VILLAR / Alba Villar

Non é o único que comparten. O baile de músicos desde os anos 80 ata agora foi continuo entre os dous grupos. Javier Soto –un dos membros fundadores xunto a Antón Reixa de Os Resentidos– pasouse hai xa ben anos a Siniestro e agora retorna entre abrazos.

As novas incorporacións

Soto e Reixa compoñen a nova formación de Os Resentidos xunto ao baixo Andrés Cunha e o multiinstrumentista –caixa de ritmos e secuenciador– Anxo Graña.

Precisamente, Cunha tamén estivo na última etapa de Siniestro. “Para min, é un orgullo entrar aquí. Vou cargándome todos os grupos nos que entro”, comenta entre risos. Graña, pola súa parte, levaba dende principios de século indo e vindo. “Estou moi contento de estar na banda”, recalcaba.

O humor ácedo, sarcástico ou limpo sempre está presente. “Soto é un traidor”, comenta riseiro Reixa e Javier responde contento: “Eu creo que esta nova etapa vai quedar moi ben, volvemos ás orixes”.

Unha nova etapa

Sentado nun taburete do estudio, Reixa explica que “levamos todo este ano sen tocar, como unha especie de Ramadán, para pensar e reflexionar moito revisando parte do noso repertorio. Estamos rebuscando nas nosas orixes. Nós fomos ao contrario do que fan os grupos normalmente que empezan cos instrumentos acústicos, batería, baixo, etcétera e logo van incorporando programacións e secuenciadores. Nós cando comezamos no 1982 empezamos con programacións e secuenciador e queremos recuperar o son daquel momento”.

“Este ano –engade– imos presentar o repertorio coñecido pero reprogramado. Se isto funciona posiblemente o ano que vén trataremos de facer novas cancións e buscar algunha colaboración”.

Reixa defende o espírito do grupo. “O son de antes era perfecto, sen anomalía, e agora queremos recuperar o do inicio, como eramos no ano 1982. A ver se o logramos”, arela cos oídos atentos dos seus compañeiros.

Os Resentidos, coa nova formación.

Os Resentidos, coa nova formación. / Alba Villar

"Galicia caníbal", máis que unha canción

Os Resentidos cumpren 41 anos e ven que “nestes últimos anos comprobamos que hai un certo recordo da nosa música. Temos como dúas camadas de seguidores: os que nos coñecen dende o principio co “Galicia caníbal” e os que eu chamo Xeración Xabarín. Pero pensamos que mudando o son igual incorporamos xente á que lle podemos gustar”, reflexiona Reixa.

Este músico e artista multimedia, pioneiro do rap en galego, recoñece que “a música actual cáusanos un desconcerto importante pero o certo é que fabricou un novo son, unha nova produción do son e iso é o que nos interesa” .

Os Resentidos ao completo.

Os Resentidos ao completo. / Alba Villar

O tributo polos 30 anos

Non é a primeira vez que Os Resentidos reconecta cunha xeración máis nova. No 2012, co selo Warner, editaban o cedé dobre “A tribo toda baila. 30 anos de música feliz cos Resentidos” no que se ofrecía unha antoloxía cos seus hits pero tamén un tributo a modo de revisión que artistas novos facían deles (El Puto Coke, Das Kapital, O Sonoro Maxín, Ruxe-Ruxe ou Transilvanians, entre outros). Como colofón, un concertazo inolvidable con convidados –no que mesmo estiveron xente como Sés ou Tonhito de Poi, entre outros– en Ourense.

“É algo que está por riba de nós. Sexa mellor ou peor a nosa música, o certo é que no 1982 cando comezamos eramos o único grupo facendo rock en galego e agora hai unha chea de bandas. Non dou coñecido a todos e ofrecen unha música mellor tocada do que a nosa, máis orixinal. A min gustariame que se nos recorde sempre así, como a primeira banda de rock que usou o galego sen complexos”, reflexiona Antón Reixa.

O reimpulso de "Fariña"

Para o público contemporáneomáis noviño, a conexión con Os Resentidos chegou da man da serie “Fariña”. Memorable foi cando se oíu o “Galicia caníbal” no remate do segundo capítulo cando Sito Miñanco facía a gran procesión do Carme.

Respecto do futuro, adianta Reixa que “me sinto moi identificado coa nova música que se fai en Galicia e en galego. Buscaremos colaboracións para un novo disco con eses artistas novos que non coñecemos pero que admiramos. Grande Amore ou Malandrómeda son dous que admiro moito".

Suscríbete para seguir leyendo