Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sés Cantautora

“A música é un oficio no que hai que traballar e observar, facer e tirar...”

"Na música hai moito clasismo e moito racismo, o anglosaxón sempre se considera mellor que o latino"

Maria Xosé Silvar, Sés. | FOTO: MARC VÁREZ

Diante un Eco. Con este título sairá o 25 de novembro o novo traballo discográfico de Sés. Co seu habitual discurso valente, novidoso, contundente e directo, a cantautora fai referencia deste xeito á concepción cíclica da historia, “tristemente avaliada pola deriva socio-política dos nosos días”, segundo explica ela mesma.

–En 11 anos de traxectoria musical éste é o seu octavo disco, o cal non é moi normal nestes tempos. A qué se debe esta explosión de creatividade, e de chamémoslle “productividade”?

–Supoño que ao modo en que eu concibo a miña profesión. Eu penso que a falar apréndese falando, a andar andando e a facer música, facendo música. Ademais de, por suposto, a cuestión artística, emocional e inspiracional (permítaseme o invento), concibo a música como un oficio en que hai que traballar e observar, facer e tirar... Ser un pouco, como dicía Celso Emilio, “labregas, mariñeiras da linguaxe”, neste caso da canción e da palabra. Por outro lado penso que tamén se debe á miña permeabilidade. Aféctanme bastante as cousas, son o todo contrario dunha persoa indolente, e iso sempre é un manancial para as artes.

–Diante un Eco anúnciase como un disco de “volta aos inicios desde o oficio e a madurez”. Quixera que me explicaras en qué consiste exactamente esta “volta aos inicios”?

–Pois é o que me pareceu cando o rematei! Pareciume fresco, amable, ledo...recordoume á Sés de 2010, simplemente por iso. Polo desenfado e a actitude, incluso falando ben duro e de cousas ben duras. Non é menos lúcido nin menos directo que outros, todo o contrario, pero aínda así logra ser alegre. Iso gústame moito.

–Con toda a experiencia que ten acumulado até o de agora, qué rectificarías (se hai algo que rectificar) dos discos que publicou nos seus primeiros anos de andaina?

–Dos discos nada! Era o que sabía en cada momento, e non me caracterizo por ser unha autora acomplexada, se non non tería oito discos en galego. Era o que era e fun aprendendo. Agora vexo a evolución e faime gracia, pero tamén sinto orgullo de min mesma, porque non o tiven fácil e conservei a miña dignidade intacta en todo momento.

"Sinto orgullo de min mesma, porque non o tiven fácil e conservei a miña dignidade intacta"

decoration

–Unha das cousas que chamaron a atención dende a súa aparición foi a súa versatilidade en canto a xéneros musicais que intepreta. A estas alturas, considera que a versatilidade musical é precisamente un dos seus sinais de identidade?

–Pois probabelmente si, sobre todo a nível vocal. Non lle daba valor a iso, pensaba que era normal, que calquera podía facer o mesmo ca min, pero a verdade é que con tempo é unha das cousas ás que máis valor lle dou. Pero máis que por ser capaz de cantar diferentes tipos de música, por non ter preconceitos nin ser unha clasista. Na música hai moito clasismo e moito racismo, o anglosaxón sempre se considera mellor que o latino.

–A creatividade da que falabamos na primeira pregunta lévanos a pensar que a composición é unha faceta que lle gusta especialmente. Se lle deran a escoller entre compoñer e actuar en directo, que elixiría e por que?

–Elixiría compor, sen dúbida. Adoro cantar en directo, non me malinterpretes, experimento un pracer súper intenso, pero non me fai sentir realizada como escribir. Cando me sinto realmente feliz é cando compoño unha canción e a visto e a arranxo e o resultado me agrada. Eu non son cantante, eu son unha autora que canta: son unha cantora.

–Cando compón letra e música de cancións, que é o que xorde primeiro: a letra ou música?

–Normalmente as dúas cousas, pero hai casos en que escribo un texto e despois lle poño música, aínda que o máis habitual é o primeiro.

"Cando me sinto realmente feliz é cando compoño unha canción e a visto e a arranxo e o resultado me agrada"

decoration

–Á marxe de que o repertorio de cancións é novo, que máis atoparán de novidade os seus seguidores en Diante un Eco que non estivera nos seus discos anteriores?

–Novas sonoridades, sons aos que non me achegara até o momento, pero que cada vez soan máis a min. Cando alguén “critica” un disco meu dicindo que é “máis do mesmo” póñome moi contenta, porque iso quere dicir que xa teño un “mesmo”, un xeito de facer, un selo. Iso é algo que o 95% da xente que escoito non ten, así que o tomo como unha louvanza.

–Síntese identificada cando a describen como un “fenómeno underground” (e aclaro que a expresión non é miña, iso e o que pon no dossier informativo sobre a súa traxectoria e o seu novo disco)?

–Psss...pois non sei. Eu coido que son das persoas máis “on the ground” que coñezo. Estoume rindo soa...Pero en relación ao significado que a xente atribúe a esa etiqueta, pois ao mellor si. Sabes que pasa? Que eu odio pensar en como me ven os demais, os que non me coñecen, e paréceme súper insalubre que a xente o faga. Alónxate da túa verdadeira condición, que é insignificante.

–A que Eco se refire nesta palabra que forma parte do título do disco?

–Ao eco dos totalitarismos, da agudización e normalización das desigualdades. Á volta do franquismo , o nazismo e mais o fascismo legal.

–“La poesía es un arma cargada de futuro”, escribiu Gabriel Celaya. Tamén o é a música popular?

–Celaya era marabilloso, pero non viviu o século XXI, senón non tería escrito iso.

Compartir el artículo

stats