Un micro aberto para honrar a don Paco

Escritores galegos destacados participan no recital que rendía homenaxe a Del Riego

De pé: Pati Blanco, Manuel Bragado, Andrea López, Manuel Esteban, Pedro Feijoo e Beatriz Liz de Cea. Sentdos: Malores Villanueva, Elba Pedrosa e Antonio García Teijeiro, onte en El Corte Inglés. |   // R. GROBAS

De pé: Pati Blanco, Manuel Bragado, Andrea López, Manuel Esteban, Pedro Feijoo e Beatriz Liz de Cea. Sentdos: Malores Villanueva, Elba Pedrosa e Antonio García Teijeiro, onte en El Corte Inglés. | // R. GROBAS / M. González

M. González

M. González

Para festexar o Día das Letras Galegas El Corte Inglés organiza o ciclo “Celebrando as nosas raíces”, dentro do que tivo lugar onte en Vigo o recital “Micro aberto”, coa colaboración das editoriais Galaxia e Belagua, que reuniu escritores galegos destacados ó redor da figura de Francisco Fernández del Riego.

No recital participaron Pedro Feijoo, Antonio García Teijeiro, Malores Villanueva, Manuel Bragado, Manuel Esteban, Beatriz Liz de Cea, Pati Blanco, Elba Pedrosa e Andrea López. Ademais de ser unha sentida homenaxe a Del Riego, non faltaron tampouco as palabras para lembrar a Domingo Villar.

Precisamente, Pedro Feijoo foi un dos que decidiu lembrar a figura de Domingo Villar. “Como sempre dubido para todo preguntei nas redes cal dos seus contos completos lle gustaría á xente que elixira e acabaron dicindo todos”, afirma. “O que máis me gusta é “O Comodoro Ledesma”, onde Domingo deixaba saír a súa vertente cómica”, di para xustifica-la súa edición.

Sobre a figura de Francisco Fernández del Riego, ó que coñeceu sendo un neno cando ía co seu avó á Fundación Penzol, indica que “foi o gardián da preservación da memoria da cultura galega”.

A súa biógrafa Malores Villanueva optou para a súa lectura un artigo de “A Nosa Terra”: “Fiestra sobor da lingua galega”. Trátase dun artigo publicado en 1932 que considera que “está moi vixente”. “Fala do importante que é ter unha lingua de noso”, afirma. “Tamén fala da xente nova, que ten que tomar o relevo e fala-lo galego para manter a nosa lingua viva, que é o máis característico que temos como pobo”. O artigo ten tamén unha característica de “optimismo, de rebeldía e tamén de arenga para non deixar que esmoreza a nosa lingua, que é o noso principal valor e o noso principal capital”, explica.

Manuel Bragado elixiu un fragmento do libro de viaxes do homenaxeado titulado “Galicia”, que foi editado por Xerais a comezos dos anos 90 e que foi reeditado dentro da colección “Crónica”. “Foi un libro que editamos en Xerais e para nós foi un orgullo”, apunta. Leu, ademais, un fragmento referido a Vigo. “A figura de Don Paco, que foi un viaxeiro por tódolos camiños de Galicia, non se podería entender sen a súa relación con Vigo e a débeda que ten a cidade con el é impagable”, apunta. “Foi un traballador incansable nunha tarefa que tiña intencionalidade política, pero que foi un modelo do que eu chamo o secretario do partido galego da esperanza, sempre xeneroso e colaborador con tódalas iniciativas que se propoñían”.

Na súa quenda, Elba Pedrosa quixo lembrar tamén a figura de Domingo Villar lendo un obituario lírico que lle escribira. A continuación, leu un par de parágrafos da súa última obra “Agora que cala a noite” (Aira Editorial), “que fala xustamente da emisión dun programa de radio”, en clara alusión ó programa que Del Riego xestionaba dende Galicia para a BBC. “Unha das cousas que me gustan del é a amplitude de linguas nas que lía e tamén porque era un grande divulgador”, di. Outro fragmento elixido conectaba con “ese carácter tan optimista que sempre tiña”.

A figura de Domingo Villar tamén estivo moi presente durante o acto

Antonio Teijeiro afirma que “Del Riego fixo tanto pola literatura galega que un pensa que sería da nosa literatura sen persoas coma el ó longo da nosa historia”.

Para este recital, Teijeiro apostou por unha escolma do seu poemario de adultos “O poder da fraxilidade” (Belagua). “Un deles ten como centro o tema da violencia machista, un tema que me pon moi mal”, apunta o autor.

“Sen persoas como don Paco non sei como estaría a literatura galega, sen esa loita tremenda por una Galicia diferente, auténtica”, apunta. “Considero que é unha persoa absolutamente referente en canto ó que significa o galeguismo, Galicia, a literatura galega e a loita pola liberdade”, proclama.

Pati Blanco aproveitou a ocasión para ler uns poemas propios inéditos. “Estou cun novo traballo que para min sería o primeiro en exclusiva en galego”, afirma. Os poemas que leu Blanco tiñan una temática “intimista, existencialista e tamén unha compoñente social”.

“Para min foi un luxo poder compartir esta xornada de lectura cos demais autores nun recital cun compoñente sentimental moi profundo”, indica. En canto á figura de Del Riego, afirma que “é como un pai para todos”. “Don Paco era un home moi plural de vertentes creativas, un continente en si mesmo onde cabía todo”.

Pola súa banda, Andrea López optou por un fragmento de “A colección Grial”, do libro de Francisco Fernández del Riego “A Xeración Galaxia”. “Explica brevemente o comezo da editorial Galaxia que, ademais de outras moitas, é unha das súas grandes achegas á lingua galega”, afirma.

Beatriz Liz de Cea optou por unha parte do seu libro “Don Paco. Letras para a arte galega” (Galaxia, 2023), titulada “Algo máis que un legado”, onde reflicte “a consecución do traballo que fixo pola arte galega” cando decidiu regalar o seu legado no ano 1995 á cidade de Vigo”. Nesas páxinas conta como “decidiu deixar a súa casa baleira para doalas á cidade”. “A relación de don Paco coa arte galega non é tan coñecida, pero foi unha máis de tódalas súas facetas”, apunta a historiadora e comisaria da exposición “Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega”. “Era tan polifacético, tan poliédrico, que mirou cara a cousas que quedaron solapadas polos grandes fitos que realizou, pero é moi interesante ve-la súa presenza en tódolos ambentes que tiñan que ver coa cultura galega”.

Pola súa parte, Manuel Esteban optou por unha escolma de relatos que publicou Galaxia hai 30 anos de novela negra e leu un fragmento de Roald Dahl (“Miña é a vinganza S.A.”), porque tamén quixo “torcer un pouco polos tradutores, que sempre son os grandes olvidados das Letras Galegas e traducir tamén ten algo de compromiso coa lingua e de incorporación ao idioma de cousas que son alleas pero que hai que facer propias”, dixo. “Esta escolla heterodoxa” mostra tamén “esas ganas que temos algúns escritores de facer as cousas non digo doutro xeito nen mellor, senón dun xeito máis aberto, máis inclusivo”.

Viaxe musical pola biografía de Francisco Fernández Del Riego

Concerto polo Día das Letras Galegas.

Concerto polo Día das Letras Galegas. / RICARDO GROBAS

O Teatro Afundación de Vigo foi o escenario onte do Concerto das Letras Galegas, organizado polo Consello da Cultura Galega para homenaxear a Francisco Fernández del Riego, un optimista radical e vigués de adopción.

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, estivo acompañada polo Coro de Cámara Rías Baixas e interpretaron un programa musical que viaxaba pola xeografía amada polo homenaxeado da man de dous grandes compositores consagrados: Jesús Bal y Gay e Reveriano Soutullo.

A eles sumóuselles o nome do músico vigués Brais González Pérez, que compuxo por encarga do Consello da Cultura Galega a obra “Sinfonietta”. A estrea desta peza en tres movementos, cerrou este Concerto das Letras Galegas 2023, para completar un concerto que o propio compositor vigués afirmaba que “conforma un prisma con moitos ángulos distintos do que era a figura del Del Riego, plasmada a través da música”.

A súa peza está composta sobre textos de Salvador García-Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego, máis unha parte instrumental de “A miña burriña”, unha das cancións predilectas de don Paco.

Suscríbete para seguir leyendo