“Alma de galego auténtico”

O propio Del Riego definíase como “un loitador pola idea de Galicia” | Galaxia, a Penzol ou a dinamización da Real Academia Galega forman parte do seu valioso legado

Del Riego, na súa etapa como presidente da RAG.

Del Riego, na súa etapa como presidente da RAG. / Víctor Echave

M. G.

O propio Del Riego definíase como “un loitador pola idea de Galicia” nas páxinas de FARO do 3 de novembro de 2002, nas que relataba as memorias de Salvador Lorenzana (un dos seus seudónimos): “Tiña alma de galego auténtico. En tódolos seus esforzos, o que sempre estivo presente foi Galicia”.

É doado entender que Francisco Fernández del Riego se convertera, deste xeito, nunha figura imprescindible na cultura galega do século XX. O escritor, editor e político chegou a se converter nunha auténtica institución, froito dun activismo que xa destacara durante a II República. Mentres seguía cos seus estudos en Santiago, frecuentou a editorial Nós, de Ánxel Casal, e comezou a colaborar co Seminario de Estudos Galegos. En 1933 integrouse na Federación de Mocedades Galeguistas como secretario xeral, participou na constitución de Galeuzca e formou parte da comisión encargada de redactar o proxecto do Estatuto de Galicia.

Tra-la guerra civil, na que tivo que alistarse na filas franquistas para salvar-la vida, trasladouse a Vigo, onde por mediación de Valentín Paz Andrade comezou a colaborar na revista “Industrias Pesqueras” e onde comeza tamén a dar clases no colexio Mezquita, ocultando o seu segundo apelido, xa que estaba inhabilitado para a docencia.

En 1942 activa o intento, na clandestinidade, da reconstrución do Partido Galeguista e tende tamén pontes entre a Galicia do interior a do exilio, xa que entendía que “o enraizamento na terra natal era un dos vencellos máis sólidos da xente moderna”.

Convencido de que escribir “era una maneira de se manifestar” iniciou colaboracións en revistas e xornais de Galicia e de fóra, aparecendo os primeiros artigos de Salvador Lorenzana (un dos seus seudónimos) en publicacións como “La Noche”. No ano 47 coordina as emisións en galego na BBC de Londres e dous anos despois publica o seu primeiro libro, “Cos ollos do noso esprito” (Buenos Aires, 1949). Nesa época tamén liderou xunto a Xaime Isla Couto o semanario “Suplemento dos Sábados”.

Na década dos 50 participou xunto a Isla Couto na creación da editorial Galaxia, da que foi secretario dunha xunta directiva presidida por Otero Predrayo e da que máis tarde foi director xerente; tamén foi o promotor (xunto a Ramón Piñeiro) do nacemento dos cadernos da Colección Grial (1951), que a censura prohibiu. “Grial” reapareceu en 1963 como “Revista Galega de Cultura”, o mesmo ano da constitución da Fundación Penzol, da que Del Riego foi director.

Ingresou como membro da Real Academia Galega en 1960, co discurso “Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores”. Foi tres anos despois cando prospera a súa iniciativa, que contaba co apoio dos académicos Gómez Román e Ferro Couselo, para celebra-lo Día das Letras Galegas, coincidindo co centenario da publicación de “Cantares Gallegos”, de Rosalía de Castro.

En 1964 integrouse no Partido Socialista Galego (PSG), do que chegou a ser secretario xeral, e que estaba dirixido por Manuel Beiras.

Xa no 1995, doou á cidade de Vigo a súa colección bibliográfica, así como un importante inventario de obras de arte plástica e un nutrido epistolario con figuras representativas da cultura galega contemporánea, para constituír a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, establecida na Casa Galega da Cultura, en Vigo.

En 1997 foi elixido presidente da Real Academia Galega, na que tamén deixou a súa pegada, xa que, entre outras cousas, reformou os seus estatutos e decretou a supresión do carácter vitalicio do presidente e da comisión executiva. En 2001 sucédeo Xosé Luis Méndez Ferrín.

A súa traxectoria foi recoñecida en vida con numerosas distincións, entre elas o nomeamento de doutor honoris causa da Universidade de Vigo, o Premio Trasalba ou a Medalla Castelao, a insignia de Ouro da Universidade de Santiago ou o Premio das Artes y das Letras de Galicia.

Fernández del Riego tocou case tódolos xéneros, comezando polas súas colaboracións en practicamente tódolos os xornais de Galicia e en multitude de revistas, tamén da diáspora. No FARO DE VIGO dirixiu o “Suplemento de Cultura”.

No ensaio, asinou, entre outros títulos “Historia de la literatura Gallega” (1951), “Galicia no espello” (1954), “Escolma de poesía galega. Os contemporáneos” (1955), “Escolma de poesía galega. O século XIX” (1957), “Letras do noso tempo” (1974), “Diccionario de escritores en lingua galega” (1990) ou “Sinais dunha cultura” (2003).

Cultivou tamén a literatura de viaxes en obras como “As peregrinacións xacobeas” (1983), “A pegada das viaxes” (2000), “Portugal norteño” (2000), a serie “Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental” (2001-2003) e “Lourenzá” (2004). E tamén conta con monografías como “A xeración Galaxia” (1996), “O señor da Casa Grande de Cima de Vila” (1988), “Antolín Faraldo, o gran soñador” (1998), “Con Pondal en Bergantiños” (2001) ou “O Padre Sarmiento e Galicia” (2002), ademais da súa novela “O cego de Pumardedón” (1992).

Del Riego publicou en vida dous libros de memorias,”O río do tempo. Unha historia vivida” (1990) e “Camiño andado: memorias” (2003), ámbolos dous reeditados este ano, que se unen á publicación de dous textos inéditos: o“Diario da guerra” e “Memorias do París literario”.

Despois verán, a Real Academia Galega anuncia a publicación do seu epistolario cruzado con Ramón Otero Pedrayo, que conta coa edición de Patricia Arias Chachero.

Suscríbete para seguir leyendo