Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha biografía sobre Del Riego, éxito literario

Chega á terceira edición a obra de Malores Villanueva sobre o homenaxeado nas Letras e creador da Biblioteca Penzol que onte cumpriu 60 anos aberta

MALORES VILLANUEVA, PROFESORA, ESCRITORA E BIÓGRAFA DE FRANCISCO FERNANDEZ DEL RIEGO. MARTA G. BREA

Lograr no sistema editorial de noso unha terceira edición dun libro en galego cuxa primeira entrega saiu cinco meses atrás é unha fazaña; pero se ademais se trata dunha obra biográfica, o fito é maior. A acróbata literaria do logro é a profesora e doutora en Filoloxía Galega Malores Villanueva e o volume, “Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia” (Editorial Galaxia), un traballo cuxo título está vencellado a FARO e que presentará a vindeira semana na Feria del Libro de Buenos Aires.

“El foi o ministro de exteriores do galeguismo; serve para explicar o galeguismo do século XX. Estivo detrás do envío de terra para enterrar a Castelao, collida en Coruxo e enviada desde o Porto de Vigo en barco a Bos Aires porque Castelao estaba moi maliño”, recordaba onte Villanueva do homenaxeado polo Día das Letras Galegas nunha xornada especial.

Un 5 de maio, pero de hai 70 anos, Del Riego, acompañado pola súa dona, Evelina, e uns amigos viaxaba en coche cara Francia para reencontrarse en París co seu amigo o pintor Colmeiro.

Francisco Fernández del Riego, na Penzol. Cameselle

Lográbao tras agardar tempo e tempo por un pasaporte que lle denegaban. As lembranzas desa viaxe vén de publicalas como libro inédito Villanueva baixo o título “Memorias do París literario” (Galaxia) tras entregarllas Del Riego coa condición de que viran a luz trala súa morte.

Tamén un 5 de maio pero de hai 60 anos o homenaxeado polas Letras Galegas deste 2023 lograba abrir a Biblioteca Penzol en Vigo con 8.000 libros que na actualidade rozan os 50.000 grazas á captación de fondos.

Volvendo ao libro biográfico, Malores aclarou que o título xurdiu do diario decano: “Atopei unhas memorias que publicou en FARO DE VIGO en entregas e titulounas ‘Memorias dun loitador pola idea de Galicia’. Collinlle prestadas as súas palabras. Loitador defíneo á perfección. Tivo que sobrepoñerse a moitas adversidades: á guerra, á ditadura, reconstruíuse profesionalmente en Vigo porque estaba inhabilitado, abriu fendas en todas partes porque llo puxeron sempre moi difícil”.

MALORES VILLANUEVA.

MALORES VILLANUEVA. MARTA G. BREA

Mais que sensación tiña cando Don Paco lle falaba do asasinato de amigos seus como Ánxel Casal –quen lle aprendeu o oficio de editor– ou de Díaz Baliño tralo golpe de estado? “Non lle gustaba moito falar desa época. El definíase como un ‘optimista radical’; de todo, sacaba unha parte positiva, pero na guerra nada é positivo. Por iso, non a nomeaba. Emocionábase. Lembraba o mal que o pasaron. Casal era un dos seus íntimos amigos, introduciuno no galeguismo. El dicía: ‘Para nós, a Guerra foi un mazazo’. Esgazáronlle os soños, a vida... Era profesor na Universidade de Santiago e inhabilitárono. Cando volveu da contenda no 39, Compostela era un lugar hostil no que antes fora un líder estudantil, habitual nos xornais”.

O que ten Villanueva claro é que Don Paco foi “moi valente” e “un perdedor loitando no bando gañador para salvar a vida. Iso só lle serviu para que non lle pegasen un tiro pero non o librou de vivir con necesidade”.

No libro de Malores, tamén descubrimos a un Paco del Riego namoradizo de novo. “Vicente Risco, nas cartas, sempre se mete con el nos anos 30 por iso. Debía ser algo moi coñecido”, lembra Malores entre risos mentres recorda como lle gustaba disfrazarse, o sentido do humor, as celebracións...

Páxina de Del Riego coas súas memorias no Faro de Vigo.

Páxina de Del Riego coas súas memorias no Faro de Vigo. Faro de Vigo

Curioso tamén é como logra a súa muller coñecelo. “Ela estudaba Farmacia en Santiago e íbao escoitar a el porque tiña sona de gran orador. Vai cun grupo de amigas e queda prendada del ata que consegue por un coñecido que llo presenten. A min, faime graza que ela fora escoitala como se vai agora escoitar un grupo de música, como fan”, sinalou Villanueva.

“Ela entendeu as súas circunstancias vitais. El xogouse a vida reconstruíndo o Partido Galeguista na clandestinidade ou dando cartos para fundar a Editorial Galaxia cando tampouco tiñan tanto diñeiro”, sinalou a biógrafa quen engadiu: “Eu debíalle esta biografía. El dicía que era como unha neta para el; e el era máis ca un avó. O tempo que pasei con el foi outra universidade”.

A súa entrega chegou ata tal punto que mesmo renunciou a diñeiro e vivir mellor os seus últimos anos pola causa. “A súa única pertenza foi un apartamento en Praia América que vendeu para sufragar os gastos da vellez pero non vendeu a súa biblioteca que na época estaba valorada en 50 millóns de pesetas. El dicía que non podía vendelo porque sería traizoar a Galicia. Quería doalo a Vigo e así foi”, defendeu Malores.

Compartir el artículo

stats