Entrevista | Antonio García Teijeiro Escritor

“A poesía sen emoción non é poesía”

“O poder da fraxilidade” veñen sendo “coiteladas nun mundo que non me gusta”

ANTONIO GARCIA TEIJEIRO DURANTE SU ÚLTIMA PARTICIPACIÓN EN EL CLUB FARO.

ANTONIO GARCIA TEIJEIRO DURANTE SU ÚLTIMA PARTICIPACIÓN EN EL CLUB FARO. / RICARDO GROBAS

M. González

M. González

O escritor e colaborador de FARO Antonio García Teijeiro presenta hoxe en Librouro (20.00 horas) o seu último poemario para adultos “O poder da fraxilidade”, editado por Belagua. No acto, estará acompañado de An Alfaya (autor do limiar do libro), Edurne Baines (directora da editorial) e polo músico Alberto Cunha.

–Di An Alfaya no limiar do libro que “ninguén sae indemne” da lectura do seu novo libro. Por que?

–Eu penso que todos temos un lado escuro e eu tamén. E dende este lado escuro é dende onde escribo os meus poemas pensando nos adultos. Neste lado escuro sempre nos quedan a todos certas pantasmas, moitos demos, que un vai desfacendo ó longo do tempo, pero sempre queda a súa pegada, pode ser mínima ou non, pero pegada a fin de contas.

–Respírase desacougo, certo ton triste.

–Cada vez gústame menos esta sociedade da que eu formo parte, pouco me gusto a min tamén moitísimas veces, porque é unha sociedade individualista, na que so o diñeiro ten valor, todo aquilo que se fai ten que ter un rendemento económico, e a min dame moita pena porque se perde certa dose de humanidade. Entón, este “O poder da fraxilidade” habita neste espazo escuro que pretende tinguir a luz, máis non é doado. É unha procura constante da luz. Esta obra naceu en plena pandemia, e por iso nótase certo ton triste, desesperanzado, ainda que non era a miña intención. Foi un tempo de incerteza e de fraxilidade. Tiven que pelexar coas palabras e darlles forma algunhas veces, noutras acudían a min facéndome máis doado respirar unha idea irrespirable. Todo isto, ó mesmo tempo, potencia unhas ganas enormes de escribir, de expor eses sentimentos.

A portada do libro O poder da fraxilidade.

A portada do libro "O poder da fraxilidade". / @BelaguaEd

-Fala dos soños da nenez, da mocidade, do amor tamén.

–Eu creo que é o traballo dunha persoa escéptica, un poemario tal vez de preguntas sen resposta, que cada quen pode facer súas, un poemario en sete espazos que se transitan con pasos cansos, que creo que é como debe transitarse a poesía. Eu considero que “O poder da fraxilidade” veñen sendo coiteladas nun mundo que non me gusta, que me decepciona acotío e do que formo parte, tamén coas miñas contradicións, non lle boto culpa á sociedade sen incluírme a min mesmo. Ademais, con ese medo de que a fraxilidade converta en negrura a esperanza. Busco o sosego pero non o atopo sempre: as pequenas cousas perden valor, máis malia todo vexo algo de esperanza a través do silencio e da poesía espida, sen adornos, pero coa intensidade necesaria para ser comprendida. Eu penso que a poesía que non se comprenda, que o lector ou lectora non sexa capaz de facer súa, perde un dos elementos fundamentais da literatura, que é comunicar, provocar sentimentos, a reflexión, a emoción sobre todo, porque eu non me canso de dicir que a poesía sen emoción non e poesía.

–Son esas preguntas abertas esa chamada á reflexión?

–Claro. Eu normalmente fago unha poesía que está moi pegada á miña pel. Nace da observación aguda dos comportamentos dos seres humanos, do coñecemento de min mesmo, do que me rodea, das emocións, do pensamento crítico, pero nesta poesía tan espida hai moitos silencios e eses silencios son os que eu creo que o lector ou lectora pode encher coa súa propia interpretación porque é moi importante que quen lea se sinta reflectido. Pasei dunha poesía narrativa a unha poesía máis sucinta, na que con poucas palabras intentas dicir moitas cousas.

Tentei escribir un poemario crítico cun mundo que nos desfai cada día

–O mundo vai mudando en función do que vai sucedendo no poema.

–Hai un apartado que para min é esencial que demostra que a fraxilidade pódese converter en forza natural, e é no que falo da forza das mulleres maltratadas pola violencia machista. Esa é unha realidade que me deprime ó máximo. Sinto noxo cando escoito certas cousas ou leo actos que se seguen repetindo. Teñen tanto eco que me fan subir a temperatura da rabia ata o infinito e ese apartado está adicado a elas, á súa afouteza como seres humanos, ó seu esforzo para que esta lacra que nos envelena tenda a desaparecer e nestes poemas, malia a dureza dos mesmos, hai esperanza. Tentei escribir un poemario comprometido, crítico cun mundo que nos desfai cada día e no que os versos sexan intensos, que se adentren na profundidade da existencia mediante a reflexión.

–Ás veces as palabras feren, pero ás veces é necesario oír o que non gusta oír.

–Para iso estamos os poetas, para dicir esas cousas que non gustan pero que sirvan para sacudir as consciencias e facer á xente máis consciente do que está a vivir. Todos intentamos ser fortes e por veces o conseguimos, pero non debemos esquecer que a fraxilidade está aí, está ben preto, e nos fala das nosas eivas tamén, das que moita xente é inconsciente. E tamén nos axuda a lembrarnos de onde vimos, cara onde camiñamos, as debilidades que conforman a nosa existencia... A fraxilidade podemos ignorala, agochala, pero decote remata pensando en nós, para que non a esquezamos. Para min é moi importante ser conscientes de que somos fráxiles, pero que, ó mesmo tempo, esa fraxilidade nos axuda a ser fortes porque permite ver a outra parte da moeda.

Suscríbete para seguir leyendo