Baia Fernández de la Torre nnficha persoal | Escritora

“As adultos tamén poden identificarse e conmoverse coa literatura infantil”

“Ao igual que o resto da colección, ‘Caracol, Cara de Col’, conta con tres pilares, que son a promoción do galego, do amor e respecto pola natureza e unha aprendizaxe emocional”

Fernández de la Torre posa co seu novo libro.

Fernández de la Torre posa co seu novo libro.

A autora cuntiense Baia Fernández de la Torre (43) presenta en Soei Educación, en A Estrada, o seu novo libro titulado Caracol, Cara de Col. Trátase dun conto infantil que se inclúe na colección Obxectivo Alambique, no que tamén figura o seu previo título Laia, presentado tamén na vila estradense e que incluso pasou a converterse nun teatro de títeres que se representou en varios centros educativos do concello. O acto terá lugar mañá ás 11.30 horas e está aberto a calquera que queira asistir, de forma totalmente gratuita

–Fáleme de este novo libro. Sobre que versa?

–Este é o segundo libro da colección Obxectivo Alambique. Títulase Caracol, Cara de Col. Sen entrar a desvelar demasiado sobre a trama, podo adiantar que ao igual que o conto anterior desta colección baséase en tres pilares, que son a promoción do idioma galego, a promoción do amor e o respecto pola natureza, e levar aparellada unha aprendizaxe emocional, que neste caso se vencella á importancia de diversidade. Por exemplo, a nivel formal, está escrito cunha tipografía especial para facilitarlles a lectura a persoas con dislexia, e do mesmo xeito, as persoas con dificultades visuais poden acceder a unha versión audio do conto con ambientación musical na miña páxina web.

–Que a levou a comezar esta colección de contos infantís?

–Pois se ben ata agora escribía máis ben relatos breves e poesía, sempre me gustaron moito os álbumes ilustrados, os contos e os textos visualmente chamativos. Porén, a historia de Laia presentóuseme por casualidade. Un día tiven un soño, foi unha trama sinxela pero que por algún motivo quedou comigo, e decidín deixarme levar por ela. Comecei a escribila e así foi como saíu a primeira entrega. Mentres que nesta ocasión a inspiración presentóuseme dun xeito divertido, pois foi un día mentres o meu marido e eu recollíamos o millo, que me atopei varios insectos, entre eles caracois, e iso levoume a pensar na propia expresión de “cara de” algo, e como esa preposición que precede ao segundo sustantivo pode marcar a diferencia entre unha caracterización ou un insulto. Con todo, gustaríame matizar que os contos infantís non son exclusivamente para os nenos e nenas.

–A que se refire? Pensa que os adultos tamén poden desfrutar destas historias?

–Dende logo. Non só desfrutar ou entreterse senón tamén aprender, empatizar e sentirse identificados. Pasoume cando publique Laia que pese a escribila eu mesma, ao rematar a lectura final sentinme conectada coa protagonistas. O mesmo lles pasou a varios lectores e lectoras que se puxeron en contacto comigo para contarme que o relato os conmovera e que se sentiran identificados. Por iso penso que aínda que sexa literatura infantil en un principio, estes contos tamén están dirixidos ao público maior.

–Cónteme máis sobre os seus inicios na escritura, que a levou a dar ese primeiro paso?

–A min sempre me gustou escribir, pero era moi vergoñenta e non compartía os meus textos con ninguén. Non foi ata fai un par de anos, cando ao xuntarme cunhas amigas en Pontevedra para compartir o noso gusto pola literatura, comecei a ler en público as miñas creacións, xunto con elas, que tamén o facían e me daban valor. Finalmente conseguimos publicar unha recolleita de varios deses textos e dende entón ata agora.

–Por último, pódenos adiantar algo sobre a presentación de mañá na Estrada?

–Pois o que máis me gustaría salientar é que vai ser a presentación máis completa para as crianzas na que participei ata o de agora. Entre as actividades complementarias que haberá en torno ao acto central está, por exemplo, un pintacaras, un obradoiro para que os cativos e cativas cren o seu propio marcapáxinas co motivo temático dos caracois, farei unha pequena lectura dun fragmento inicial do conto e ademais tamén poderán disfrutar das instalacións de Soei. Pero o máis importante é que todo o mundo saiba que pode vir e desfrutar de calquera das actividades programadas.