O BNG pide un Concello en galego e no que se respecte o topónimo oficial Ourense, non “Orense”

Redacción

O pleno que o Concello de Ourense celebrará o vindeiro venres, debaterá a moción rexistrada polo grupo municipal do BNG e na que se solicita, entre outros acordos, o cumprimento da ordenanza municipal de normalización lingüística e, nomeadamente, deixar de deturpar o topónimo oficial do Concello, da cidade e da provincia “Ourense”.

Blanco fai referencia o sinalado no artigo 5.1 e 5.3 da Lei Orgánica 1/1981 de 6 de abril, do Estatuto de Autonomía de Galicia “que establece claramente que “a lingua propia de Galiza é o galego e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”.

Ao tempo, desde o grupo municipal do BNG entende preciso dar cumprimento á ordenanza municipal de normalización lingüística, “na que atopamos como no seu artigo XIX estabelécese que, consonte o artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística, a única forma oficial dos topónimos do Concello de Ourense é a galega. Igualmente, no artigo XIV determínase que os cargos do Concello expresaranse normalmente en galego nos actos públicos celebrados en Galiza sempre que a intervención sexa por razóns propias do cargo”.

E é que tal e como lembran desde o BNG, “coñecido é o desprezo do actual goberno local pola cultura propia do país, non temos máis que ollar como se deturpan continuamente festas e tradicións que son propias e que contan ademais cunha denominación de seu como son o caso do Samaín ou do Entroido ”. Engade que “tamén é coñecido e resulta moito máis ferinte a deturpación constante do nome e topónimo oficial do Concello, da cidade e da provincia. As referencias continuas a Orense e non Ourense contribúen moi negativamente a perpetuar unha denominación imposta durante a ditadura”.