Dúas décadas das foliadas na cidade da man de Algaravía: “Bailar cambiou as nosas vidas”

A asociación promove a cultura galega dende hai 20 anos | Pide máis colaboración institucional: “Cada vez nos poñen máis trabas”

Sara Costa, Lucía Cedrón, Maruxa Barreiro e Ana Diéguez, integrantes de Algaravía.

Sara Costa, Lucía Cedrón, Maruxa Barreiro e Ana Diéguez, integrantes de Algaravía. / ALÁN PÉREZ

As foliadas ou seráns son festas tradicionais galegas improvisadas, nas que os participantes cantan, bailan ou tocan instrumentos como a gaita, a pandeireta ou as culleres, entre moitos outros. A asociación ourensá Algaravía foi a impulsora das primeiras foliadas urbanas de toda Galicia no 2004, os chamados Venrespirar. Os obxectivos estaban claro dende o inicio, como sinala Lucía Cedrón, unha das impulsoras: “Queríamos normalizar na sociedade a nosa forma de bailar en Galicia, tan peculiar, improvisada e única, e tamén queríamos poñer en valor o uso e ocupación da vía pública con actividades que tiveran que ver ca música e ca danza tradicionais”. Este 2024, Algaravía, as súas aulas de música tradicional e os seus Venrespirar chegan aos 20 anos cas mesmas motivacións do principio.

A asociación conta con integrantes como Cedrón, que leva formando parte dende o nacemento, pero tamén con novas caras que se foron sumando ao proxecto con moita ilusión. “Eu empecei en 2018 as aulas de baile, e paralelamente xurdiu a necesidade de persoas para organizar eventos como as foliadas, e dende o inicio me apeteceu”, explica Sara Costa. “Eu debín de empezar hai 8 anos, e tamén entrei polas aulas, pero cando empezas a ir aos Venrespirar e coñeces á xente da asociación xa te vas enganchando. Eu nunca fora a clases de tradicional de pequena, e de repente notei que quedaba prendada do baile”, asegura Maruxa Barreiro, outra das integrantes.

Nas filas de Algaravía non só hai galegos, senon tamén persoas que chegan doutros lugares e namoran da música tradicional. “Eu son de Madrid, e cando cheguei sentín que esta asociación era coma a miña casa. Son xente que che abre as portas e que che fai sentir parte dun grupo, notas cariño, coma se foran amigas de toda a vida”, destaca Ana Diéguez. De feito, no seu caso Algaravía é unha das razóns para quedar en Ourense. “Agora mesmo teño a posibilidade de marchar, pero non o faría, e esta é unha das cousas polas que non quero”, engade. Cedrón valora en positivo o relevo xeracional: “Fun presidenta os primeiros oito anos, e despois parecíame interesante que retomara outra xente, aínda que sempre quedei como socia. A xente nova é moi enriquecedora”.

O bum do tradicional

Cando Algaravía arrancou no 2004, eran poucas as persoas que sabían bailar. “Eramos catro ou cinco, e acababamos de aprender. É certo que había outras persoas que sabían bailar, pero no escenario, non improvisadamente como se fai nas foliadas”, recorda. Co paso dos anos, e coa aparición de numerosas asociacións tradicionais en toda Galicia, o panorama foi mudando. “Foi aumentando o número de persoas que descubriron que bailar lles daba felicidade, bailar cambiou as nosas vidas. Ti miras á xente que chega e normalmente queda enganchada de por vida”, asegura. Nesta liña, Cedrón destaca o papel das Tanxugueiras: “Foi unha explosión, como se todo ese gusto pola nosa música estivera latente, e foi marabilloso. E tamén que foran mulleres, mozas e tan atrevidas. Que esa frescura chegase ao Benidorm Fest claro que levantou á xente nova”. De feito, a asociación notou un incremento da demanda: “Había moita xente que preguntaba polas aulas de pandeiretas”.

O gusto polo tradicional galego non entende de fronteiras. Como Ana Diéguez, moitas outras persoas orixinarias de diversos lugares, téñense achegado a Algaravía. “Tense feito unha labor de inclusión brutal con xente que chega de Norteamérica, por exemplo, a traballar aquí. Acaban cantando en galego, tocando a pandeireta”, resalta Cedrón. “Sempre hai xente que te atopas bailando que fala en inglés, á xente pícalle moito a curiosidade cando vén de fóra, e o ven como un baile no que podes participar, sempre haberá unha roda que faga un baile máis sinxelo para que poidas sumarte”, explica Maruxa Barreiro.

A falta de apoio institucional

O obxectivo de impulsar o tradicional logrouse, pero non foi así co de ter espazo nas rúas. “A relación cas administracións empezou máis ou menos ben. Á hora de solicitar os permisos non tiñamos problema, sempre ata as dúas da mañá e cunha serie de condicións de sentido común, como deixar a praza limpa”, relata Cedrón. Co paso dos anos, a relación mudou: “Fomos moi para atrás, xa co goberno de Jesús Vázquez do PP, que empezou a considerar a ocupación da vía pública só cun uso comercial, aínda que a actividade fose cultural, e empezou a cobrar taxas por ocupar metros cadrados”. Os Venrespirar deste 2024, por exemplo, non contan co permiso explícito do Concello, aínda que a asociación cumpre os requisitos. “Non entendemos por que as administracións nos dan as costas e nos poñen cada vez máis trabas, tanto o Concello como a Universidade, que pechou a porta a celebrar alí os Venrespirar, cando se fixeron moitos. Non entendemos que a propia UVigo peche a porta á cultura”, engade. A intención de Algaravía non é recibir apoio económico, “só que nos deixen facer, que nos deixen bailar na rúa”.

Nese sentido, dende a asociación poñen en valor a colaboración de artesáns e empresas locais que poñen produtos para as cestas que sortean nas foliadas. Este venres foi a primeira, pero aínda quedan dúas datas máis: o 24 de maio na Praza da Estrela e o 28 de xuño no miradoiro de San Francisco.

Suscríbete para seguir leyendo