Fernández del Riego, por Ramón Nicolás

Propiciou unha intensa renovación da Real Academia Galega durante a súa presidencia, integrando voces e escritores que non se sentían representados

Francisco Fernández del Riego en una imagen del año 2000.

Francisco Fernández del Riego en una imagen del año 2000. / IÑAKI OSORIO

Delfín Caseiro

Desde a gratitude e a admiración, con vocación divulgativa e á vez rigoroso e ameno, destinado a todo tipo de lectores, o profesor e escritor Ramón Nicolás traza a dimensión colosal dun dos máis grandes activistas da cultura galega, sustentándose en boa medida nos libros de memorias do autor lugués: O río do tempo. Unha historia vivida (1990) e Camiño andado (2003).

A vida: Vilanova de Lourenzá (1913) - Vigo (2010). Nace nunha familia na que habían de ser 11 irmáns. Afección temperá pola lectura e estudante destacado. Interno nos Escolapios de Monforte de Lemos, un ano en Madrid para estudar Dereito e traslado de toda a familia a Compostela, onde continúa cos estudos de Dereito e de Letras. Entusiasmado coa República, comeza a militar no galeguismo (Partido Galeguista e Mocidades Galeguistas). Con 18 anos, pronuncia en Lourenzá un discurso emocionado sobre a causa, que acaba cun “Viva Galicia Ceibe!”

Ramón Nicolás e Delfín Caseiro, no Liceo de Ourense.

Ramón Nicolás e Delfín Caseiro, no Liceo de Ourense. / DElfín Caseiro

Cunqueiro e Alvariño

Establece relacións de amizade con Álvaro Cunqueiro e Aquilino Iglesia Alvariño, así como con membros do Seminario de Estudos Galegos e con galeguistas como Ánxel Casal (editorial Nós). Comeza a colaborar no xornal El Pueblo Gallego, dirixe o semanario A Nosa Terra, colabora na revista Nós e noutras moitas publicacións, como as ourensás Heraldo de Galicia ou La Región.

Ten unha grande implicación na aprobación do Estatuto de Autonomía do 36. Excelente orador, está en cantas iniciativas nacen do galeguismo o político ou cultural.

Tras a sublevación golpista, salva a vida alistándose no exército. Recolle nun “Diario de guerra” inédito a súa peripecia na contenda. É cesado como profesor universitario e inhabilitado para exercer cargo público.

Portada del libro.

Portada del libro.

Primeiro libro

Ao acabar a guerra, trasladase a Vigo, onde vai ser acollido por Valentín Paz Andrade. Dirixe a revista Industrias Pesqueras e imparte docencia en dous centros privados. Pouco e pouco, volve colaborar en diversos xornais e revistas con artigos de divulgación literaria ou artística.

No 1942 implícase na reconstrucción do Partido Galeguista. Publícase e seu primeiro libro: Cos ollos do noso esprito (1949, Buenos Aires). Comeza a dirixir, xunto con Xaime Isla Couto, o suplemento cultural de La Noche (Compostela).

Fundación de Galaxia

No 1950 participa activamente na fundación de Galaxia: a resistencia cultural. Codirixe desde o 1963 Grial. Revista Galega de Cultura. Nos 100 primeiros números, aparecen 157 traballos seus e infinidade de notas sen sinatura. Na editorial, fixan tamén unha “primaria unificación idiomática” do galego.

En palabras de Ramón Nicolás, Del Riego é “un chanzo fundamental para entendermos a recuperación cultural galega da posguerra”. Escribe o libro Historia de la literatura gallega (1951), que vai aparecer en versión galega 20 anos despois.

Fundación Penzol

En colaboración coa arquiveira e bibliotecaria Olga Gallego, encárgase, de maneira altruista, da Fundación Penzol desde o ano 1963, a casa da cultura viguesa. Á propia fundación doará a súa biblioteca (+ 30.000 volumes) e a unha valiosísima pinacoteca.

Ponte entre os galeguistas do interior e os da diáspora (Buenos Aires, Montevideo, Caracas), colabora en revistas da emigración e prepara edicións de autores galegos que lle demandan. É elixido membro numerario da RAG en 1960, da que tamén sería presidente, propiciando unha intensa renovación da institución. Participa na iniciativa da creación do Día das Letras Galegas (1963). Intégrase en numerosos colectivos e implícase en cantas empresas solicitan a súa colaboración.

No 1975, chega o primeiro recoñecemento público en forma de libro, titulado Homenaxe a Francisco Fernández del Riego, Galicia 1975. Chegan os premios e máis recoñecementos. Non para de publicar libros. Recibe a Medalla de Ouro da cidade de Vigo. É emisor e receptor de millares de cartas. Apenas unha mostra: Cartas a Francisco Fernández del Riego sobre a Cultura Galega, de Manuel Rodrigues Lapa (300 cartas). Sucédense os recoñecementos póstumos.

O autor da monografía suliña: “En efecto, Fernández del Riego desempeñou un papel clave como ponte entre o galeguismo de preguerra e a resistencia no franquismo até proxectarse nos anos de fins do século XX e comezos do XXI.”

Obra monumental

Son 159 monografías, case 100 obras prologadas e/ou editadas e máis de 4.000 colaboracións xornalísticas, producidas ao longo da súa dilatada e fecunda existencia. Galicia no espello (Buenos Aires, 1954) ou Letras do noso tempo (Galaxia, 1974) son bos exemplos do seu labor ensaístico.

Entre os seus ensaios divulgativos, pódense citar Danzas populares gallegas (1954) ou Sinais dunha cultura (2003). Moitos libros de Fernández del Riego son compilacións xornalísticas: Palabras a eito (2005) ou Setenta gallegos iustres (2005). Fundamentais, as colaboracións que fixo en Faro de Vigo.

A derradeira voz, obrigada a dar conta do pasado

Dos libros de viaxes, hai que suliñar Galicia (1994), un percorrido artístico-cultural e paisaxístico polo territorio, A pegada das viaxes: un caderno de bitácora das viaxes por España, Europa, Arxentina e Brasil (2000) ou As peregrinacións xacobeas (1984), un dos seus libros máis difundidos. Alén dos libros de memorias sinalados. a experiencia vital está presente noutras moitas publicacións, como Ánxel Casal e o libro galego (1983) ou A xeración Galaxia (1996). Acrecenta Ramón Nicolás: “Fernández del Riego era consciente, paréceme, de que a súa era unha voz, talvez a derradeira pola súa lonxevidade, que estaba obrigada a dar conta ás xeracións máis novas das súas experiencias culturais e políticas …” Escribe aínda varios manuais para o estudo, como unha historia da literatura galega, o Vocabulario castellano-gallego (1979), Escritores de Portugal e do Brasil (1984) ou Diccionario de escritores en lingua galega (1990). Desenvolve un labor inxente como antólogo e como editor: Obra completa (1959) de Ramón Cabanillas ou os catro volumes (escolmas) da poesía galega. Déixanos unha novela, O cego de Pumardedón (1992), moi vinculada ao inédito “Diario de Guerra”, e realiza tamén algunhas traducións asinadas e moitas sen sinatura.

Conclusión

Queremos acabar coas palabras sabias do profesor Ramón Nicolás: “Sacrificou tempo para os demais e fíxoo con xenerosidade sen agardar nada a cambio, sempre pensando nun ben común, nese concepto de irmandade nunha causa que nunca abandonou.” E aínda unha última consideración do autor:“En efecto, honestidade, traballo incansable ao servizo de Galicia, papel clave como ponte entre diversas xeracións e coherencia ética e ideolóxica, nalgunha medida tamén orgullo polo conseguido, son algunhas marcas, alén doutras, que caracterizaron a súa vida.” A nosa humilde recomendación non pode ser outra que a da lectura sosegada deste fermoso libro do estudoso Ramón Nicolás, como mínima manifestación de gratitude a quen tan extraordinario legado nos deixou, lección permanente de compromiso e saber, merecente de ficar con letras de ouro na memoria de Galicia, FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS