Retorno ao século dezanove

André Piñeiro González

Recentemente, tras coñecer a noticia da legalización do traballo dos menores de quince anos no estado de Iowa (EE UU), non puiden evitar sentir unha gran preocupación ante este nefasto precedente. Á marxe do intenso debate interno que está a suscitar no país, esta decisión ten implicacións a nivel mundial, que poderían acabar afectando tamén a Europa e a España.

Unha medida así evidencia unha vez máis a falta de ética dos grandes poderes económicos que controlan este mundo e que converten ás forzas políticas e gobernamentais nos seus peóns e ante as que a maior parte da poboación parece pouco capaz de ofrecer resistencia, nun contexto de crise económica, social e ambiental galopante.

Parece que as conquistas de dereitos laborais e sindicais son cuestións caducas, propias dun pasado remoto que non interesa recuperar. O neoliberalismo máis desbocado converteuse no patrón polo que se miden a maioría dos aspectos relacionados coas nosas vidas cotiáns e resulta unha provocación aprobar leis cun cariz tan retrógrado, que mesmo escandalizarían aos liberais e conservadores de hai un século.

Cal é o modelo cara o que nos están a guiar as clases políticas e as elites empresariais? Non é admisible pensar que a única alternativa económica consiste en explotar aos menores, expulsar aos mozos do mercado laboral indefinidamente (ou non garantizarlles unha mínima estabilidade) e atrasar a idade de xubilación aínda máis, combinando tales proxectos coa falaz solución do recorte das pensións, mostrando un total desprezo cara as persoas maiores que tanto contribuíron co seu esforzo ao avance das nosas sociedades. Estes son os signos da cada vez máis evidente decadencia moral dun mundo no que se especula con todo, incluídas as nosas vidas, soños e esperanzas. “A ruína do vello mundo occidental...”, como cantaba Leonard Cohen en “The Future”.