Opinión

O léxico e a crispación política

Como é sabido a linguaxe dos políticos non se diferencia desde o punto de vista fonético, morfolóxico ou sintáctico da lingua común. As súas peculiaridades temos que buscalas no vocabulario, no léxico empregado e nos seus significados correspondentes. Por este motivo non é nada doado definir a linguaxe dos políticos que se move entre a xerga (lingua complicada e difícil de entender) e o argot (lingua propia dun grupo social ou profesional). Podemos valorar a importancia capital que ten a linguaxe se temos en conta que as guerras son provocadas polas palabras que preceden a todo enfrontamento cruento. Ata protocolariamente adoita falarse da “declaración de guerra”, un comunicado anunciador da barbarie na que morren miles de persoas por causas distintas: uns, falamos do “Alzamiento Nacional”, morren pola Patria, en defensa da Santa Cruzada, outros, polo pobo, pola revolución e pola liberdade; uns entregan a vida ao Señor, outros volven á terra da que proceden.

Moitas destas palabras e expresións teñen vida efémera, desaparecen cando desaparecen as causas que as provocaron, xa poucos lembramos o consenso como palabra terapéutica da transición ou o especial significado da pinza exercida entre Anguita e Aznar. Paradoxalmente segue vixente na sociedade, non nos dicionarios, a voz “desnazificación” á que o gran Victor Klemperer (1881-1960), vítima do fascismo, auguraba unha corta vida porque ía desaparecer deseguida despois de cumprir co seu deber profiláctico.

En fin, digamos que estes son algúns precedentes do actual estado de crispación ao que nos someten os nosos actuais políticos coa axuda dos medios de comunicación; de aquí que sexan estes a fonte principal para os numerosos estudos da linguaxe política que se sucederon ao longo dos últimos anos. Sobra dicir que en Galicia non son doadas este tipo de investigacións porque non dispoñemos actualmente de medios vernáculos dabondo para facelo se exceptuamos as beneméritas empresas nacionalistas que existen.

De calquera maneira, malia ter existido tamén noutras etapas, a descualificación e o insulto na política actual son unha realidade incuestionable que non ten xustificación pero ben saben os políticos a eficacia das palabras para destruír reputacións e ridiculizar ao adversario. Entre as posibles causas deste clima de crispación están, por unha parte a volta ao bipartidismo, ameazado nas anteriores lexislaturas, que provoca un disputado reagrupamento cara o centro que exclúe a disputa ideolóxica para centrarse na descualificación persoal: o obxectivo é destruír o adversario e excluír aos partidos; de aquí ás denuncias falsas e á rara división establecida por certas palabras como “constitucionalistas”/”fascistas” que serven unicamente para situar ao adversario fóra dos límites democráticos.

Por outro lado está a aparecer un feito totalmente novo no panorama político español: desde a súa fundación en 1879, o PSOE coincidiu coa dereita na defensa irracional da unidade de España pero nos últimos anos mudou substancialmente o seu discurso, que transmite comprensión e achegamento. Que este sexa consecuencia da necesidade, como din os seus adversarios políticos, non invalida un discurso racional, froito do diálogo que distancia ao núcleo dirixente actual dos vellos carcamáns do partido que seguen apostando pola sacrosanta unidade da Patria en conivencia coa dereita máis rancia. Aquí, nesta ruptura histórica, pode estar a esperanza para un futuro mellor. Porque non hai dúbida que unha nova interpretación e análise dos nacionalismos será o paradigma da convivencia do futuro en Europa.

Este artigo é debedor dos estudos de Klemperer (La lengua del tercer Reich. Apuntes de un filólogo), J.F. García Santos (Léxico y política de la Segunda República), de J. A. Pérez Bowie (El léxico de la muerte durante la guerra civil española), de Javier de Santiago Guervós (El léxico político de la transición) e de Albert Om (¡Manda huevos! Los 638 mejores insultos y disparates de veinte años de democracia en España), que foron obxecto de pracenteira lectura, que recomendo encarecidamente como calmante e paliativo.

Suscríbete para seguir leyendo