Os negacionistas da violencia machista son potenciais agresores

Ana Míguez

Ana Míguez

Dende hai anos, unha e outra vez cando falo con mulleres novas e saen a relucir os dereitos adquiridos, non canso de lles dicir que anden á vixia pois en calquera intre poden ficar en nada.

Este momento chegou e dá moito medo, pois xa os temos nas institucións gobernando e dende onde van poder facer o que lles pete se non o remediamos.

Con toda desvergonza estase a negar a violencia machista. Xa non importan os centos de mulleres asasinadas, para eles Ana Orantes non existiu.

Que podemos facer? Pois, amigas, voltar a retomar a loita que as vellas feministas mantivemos durante anos e que en moitos casos exercimos con accións case clandestinas.

Cantas veces tivemos que utilizar contra os agresores algo tan común como era o panfleto? Moitas, moitas veces. Temos que ter claro que os negacionistas son potenciais agresores e como tales temos que os tratar e non termos medo a manifestalo. Eles non teñen medo a negar a violencia machista con toda a desvergonza, sexa por escrito ou nos seus discursos.

Este substrato de odio ás mulleres sabiamos que estaba aí, que estaba latexante, agardando á primeira oportunidade para sair con toda a carraxe sabedores de contar con outros potenciais agresores machistas e xenófobos.

Como demócrata e co panorama que se nos presenta cara ás vindeiras eleccións, temos que ter moi claro a quen votamos, non podemos absternos. O noso futuro e o das nosas fillas está en perigo, un perigo real que xa estamos comezando a sofrer dende algunhas importantísimas institucións do panorama español.

Suscríbete para seguir leyendo