Unha historia silenciada de mulleres

Ana Míguez

Ana Míguez

1965, pasaron moitos anos dende este relato, tantos que eu só tiña quince anos. Todo comezou na alameda de Vigo.

Estando eu a coidar do meu irmán Alexandre, tres aniños tiña, cando tres mulleres sentadas nun banco estaban a falar do que acontecía na fábrica de peixe onde traballaban. A conversa que mantiñan estaba deixándome abraiada. Continuei co libro que estaba a ler aberto disimulando ue non escoitaba mais non perdía ripio.

Contaban como o “amo”, denominación referida ao propietario da empresa, abusaba sexualmente das mulleres das que gostaba e de como as levaba a un cuarto onde había unha especie de cama e onde botaba un anaco coa muller que elexía. Non criticaban as súas compañeiras. Falaban desta sorte de dereito de pernada como algo inevitábel xa que se non consentían poderían ser represaliadas cun translado a labores máis duros, non poder velar (horas retribuídas a maiores) ou que non fosen chamadas para a vindeira tempada. Unha das contertulianas mesmo salientaba a sorte que tiñan de ser maiores, que xa lles tocara cando novas. Non souben a cal conseveira se referían pero o escoitado marcoume.

"Falaban desta sorte de dereito de pernada como algo inevitábel xa que se non consentían poderían ser represaliadas"

Aínda non cumprira os dezasete anos cando decidín pedir traballo nunha destas conserveiras ocupando as vacacións do verán. Valorei que principiaba unha nova campaña polo que tería posibilidades de ser admitida como así foi. Non dixen que era estudante.

Nada máis chegar puxéronme a limpar bonito e a compañeira que me ensinaba a técnica tivo como primeiro saudo un “pero neniña ti que fas aquí con estas manciñas” engadindo á par que “boeno, non te preocupes, xa te afarás”. Supuxen que o meu aspecto había de ser penoso por fráxil.

Fixen amizade cunha muller maior e ía canda ela xantar de bocadillo á praia no descanso. Teresa facíame preguntas, eu moitas máis. Souben por ela que nesa fábrica había un cuarto onde o encargado utilizaba sexualmente ás mulleres procurando un perfil de carne nova a poder ser con fillos, fosen solteiras ou casadas quen, segundo a miña compañeira, adoitaban non ser conflitivas pois tiñan máis necesidades económicas.

"Nesa fábrica había un cuarto onde o encargado utilizaba sexualmente ás mulleres"

Por Teresa souben das mulleres violentadas, endexamais as criticou. Argumentábame que ninguna estaba libre pois se non cedían sabían das represalias. Contábame todo isto con grande resignación pois traballara noutras fábricas sendo esta a “mellor” ao ser o acosador violador só o encargado mentres que noutras repartían as agresións sexuais entre “amo” e encargado. Cando o amo cansaba do uso da violada esta adoitaba pasar ao uso e desfrute do capataz.

Pouco durei no traballo, ao mes e medio botáronme. Sen vir a conto fun posta a pelar cebola e podo dicir que nunca chorei tanto pero como non me queixaba nin daba queixa, aos poucos días chamáronme da dirección para despedirme argüíndo que estaba a organizar un autobús de mulleres para irmos a Compostela a manifestarnos o 25 de Xullo, sendo ameazada con denunciarme á Policía ademáis de non me pagar o traballado. Pobre de min, nin se me ocorrera tal cousa, fora a desculpa para botarme descoñecendo a día de hoxe o motivo real, aínda que podo imaxinalo.

Máis adiante, pescudando sobre outras conserveiras, souben dunha situación tan sorprendente como noxenta, exemplo de libro que reflicte a mentalidade do violador.

Un destes “amos” esixíalle a unha das vítimas que tapase a cara cunha carapucha pois considerábaa fea para o seu uso a diferenza do seu agrado polo fermoso corpo da violada, aceptábel como receptáculo da sua violencia sexual. A pobre muller cada vez que era requerida, perguntáballe ao violador se tiña que se tapar a cara. O “amo”, coma señor feudal, presumía e facía mofa publicamente deste feito. Sei quen era e sei da conserveira.

"Cómpre lembrar, visualizar estes segredos a voces. Cómpre non esquecer"

Non quero dar nomes, moitas destas vítimas viven, as fábricas existen e outras pecharon. Cómpre lembrar, visualizar estes segredos a voces. Cómpre non esquecer.

As avoas máis as nais tenden a contar a fillas e netas vivencias que elas nin imaxinan. Estou certa que nun futuro elas denunciarán con nomes e apelidos aos agresores violadores e contarán o que moitas destas mulleres sofriron para puideren alimentar aos seus fillos e fillas. Unha vez máis o silencio está a piques de borralas. Por isto sinto a obriga de lembralas.

Suscríbete para seguir leyendo