Ciclo de cinema en galego en Bueu no mes das Letras

O Cineclub proxecta catro películas, que comezan mañán con “O Corno”, premiada en San Sebastián

A actriz Janet Novás (esquerda) e a directora Jaione Camborda (dereita), no Festival de Cine de San Sebastián, coa Concha de Oro pola película “O Corno”.

A actriz Janet Novás (esquerda) e a directora Jaione Camborda (dereita), no Festival de Cine de San Sebastián, coa Concha de Oro pola película “O Corno”. / Javier Etxezarreta/EFE

O Cineclub Bueu aproveita o mes de maio e a celebración do Día das Letras Galegas para organizar un ciclo de cinema en galego. Unha serie de catro proxeccións que se abre mañá coa película “O Corno”, da directora Jaione Camborda e que é a primeira cinta rodada en galego que gañou a Concha de Oro do Festival de Cine de San Sebastián.

As proxeccións serán os venres deste mes de maio a partir das 21.00 horas no Centro Social do Mar. A carteleira deste ciclo de cinema en galego complétase con “À procura da Estrela”, de Carlos Martínez-Peñalver (10 de maio), “Eroski Paraíso”, de Jorge Coira e Xesús Ron (24 de maio) e o peche será con “A viaxe de Leslie”, de Marcos Nine (31 de maio). A entrada terá un custe de 2 euros para os socios anuais do Cineclube Bueu e de 4 euros para os socios de sesión. A intención da organización é contar en cada proxección con integrantes dos equipos técnicos de cada un dos filmes.

Para abrir este mes das Letras Galegas escolleuse “O Corno”, unha historia ambientada na Illa de Arousa, entre finais dos 60 e principios dos 70, e ten como protagonista a unha comadrona que ten que fuxir a Portugal tras a morte dunha adolescente á que axudou a abortar. A película está protagonizada pola bailarina, creadora e profesora porriñesa Janet Novás, que na última edición dos Goya gañou o premio á mellor actriz revelación.

As seguintes películas deste ciclo de cinema galego serán unha viaxe pola Serra da Estrela de Portugal para rexistrar sons en vías de extinción; a adaptación cinematográfica de “Eroski Paraíso”, que primeiramente foi unha montaxe teatral de Chévere Teatro; e o documental “A viaxe de Leslie”, que investiga sobre as posibles causas do derrubamento por parte dun escuadrón nazi dun avión comercial durante a II Guerra Mundial diante da costa de Cedeira (en xuño de 1943) e no que viaxaba o coñecido actor Leslie Howard (Ashley Wilkes en “Foise co vento”).