O grupo folk Mediarea estrea o seu primeiro videoclip, “Sebo de ghrilo”

A banda do Morrazo destaca por “un amor común á musica patrimonial galega” | A peza foi realizada por Ibán Pérez e Diego Bea

De esquerda á dereita: Gael Pérez, Zé Pumar, Rodri Martínez e Luís Malvido, os integrantes de Mediarea.

De esquerda á dereita: Gael Pérez, Zé Pumar, Rodri Martínez e Luís Malvido, os integrantes de Mediarea. / Culturactiva

O grupo morrancense de folk Mediarea vén de estrear o seu primeiro videoclip, “Sebo de ghrilo”, ao igual que o seu primeiro álbum. Un disco que aposta por unha proposta festiva, coherente e de calidade, ben afincada na música tradicional e coa vista posta no horizonte.

A formación está composta por Gael Pérez á gaita, José “Zé” Pumar ao acordeón; Luís Malvido ao bombo e Rodri Martínez na percusión. “Sebo de ghrilo” é o seu primeiro disco e neste videoclip de promoción aparecen os catro músicos, dous bailaríns e ambiéntase nun serradoiro. Un traballo audiovisual que destaca pola súa orixinalidade e que contou coa realización de Ibán Pérez e Diego Bea Besada.

Mediarea formáronse no ano 2019 e durante este tempo xa percorreron numerosos escenarios e festivais, como a Festa Folc de Vilariño ou o certame Interritmos-Sons do Rural no Náutico de San Vicente. Os seus catro integrantes apostaron por este novo proxecto musical “unidos por un amor común pola música patrimonial galega e polo sentido de responsabilidade de contribuír a súa boa saúde e creatividade”. Como apuntan desde a promotora e produtora Culturactiva “formaron un grupo que vai gañando co tempo, como o bo viño”.

As pezas que compoñen este “Sebo de ghrilo” teñen un carácter festivo e de goce colectivo, perfecto para ser presentadas en concerto cunha proposta que se caracteriza por un “directo impecable”.

Suscríbete para seguir leyendo