“Onstopus é como a voz dos illáns e aos organismos oficiais interésalles coñecela”

O minixornal naceu como un entretemento na pandemia e acaba de chegar aos 80 números

Celestino Pardellas “Tinón” no seu domicilio traballando nun novo Onstopus.

Celestino Pardellas “Tinón” no seu domicilio traballando nun novo Onstopus. / Fdv

Celestino Pardellas de Blas, máis coñecido como “Tinón”, é profesor xubilado, presidente de PineirÓns e leva máis de medio século vencellado á illa de Ons. Ao seu traballo na asociación, que cada ano edita a revista Aunios, súmalle desde o ano 2020 a elaboración dun minixornal denominado Onstopus. É un repaso sobre a realidade da illa, anécdotas, historias ou necesidades, combinando o humor coa seriedade. Este minixornal illán acaba de acadar o seu número 80. Non está nada mal!

–Como xurdiu a idea de elaborar este boletín “anárquico-independente” de Ons, tal como o define na súa cabeceira?

–A idea vén de fai xa unha boa cantidade de anos, cando nos xuntabamos en Ons varios visitantes asiduos e, nas nosas conversas, a carón de temáticas varias, sobre todo, culturais, comentábamos sucesos que ocorrían na Illa. Dixeramos de facer un pequeno boletín coas anécdotas que ían ocorrendo e ata lle tiñamos nome “A voz do Cucorno”. Aínda que se intentou, non foi arriba. No 2020 coa problemática da pandemia e ao estar pechado na casa, ocorréuseme sacar esa idea adiante e, paseniñamente, foi enganchándome, e xa van case polos 80 números de Onstopus.

Nun principio a idea era ir sacando a razón un boletín cada quince ou vinte días ata rematar a pandemia ou se me pasara a lideira. Pero, a medida que ían saíndo e vía a enorme aceptación que tiña e como influía en xestores, veciños e persoas interesadas nesta Illa, funme animando e agora está considerada coma unha fonte de noticias interesantes sobre Ons

–Con que obxectivo comezou a súa elaboración e difusión?

–O obxectivo inicial foi matar o tempo con algo que me apaixona, a Illa de Ons. Contar acontecementos, anécdotas, reivindicacións... sobre ela como se fose un pequeno periódico.

–Cales son os temas que lle interesa tratar e con que tono?

–A temática é moi variada onde o humor e dar a coñecer as problemáticas de Ons nun ton serio, sobre todo, no referente ás cuestións sociais, urbanísticas, culturais... Tentando dar as miñas suxestións baseadas na experiencia de case 50 anos vinculado a esta Illa recompilando todo tipo de datos sobre as súas peculiaridades.

–Os contidos elabóraos vostede en solitario ou conta con colaboradores dispostos a botar unha man?

–A totalidade do contido é cousa miña, agás cando me mandan suxestións que, se coido que poden ser interesantes para o lector, as incorporo e comento.

–Acaba de chegar ao seu número 80. Cando empezou a elaborar esta peculiar visión sobre a illa agardaba chegar tan lonxe?

–Esta andaina comezou en abril de 2020. Nun principio a idea era ir sacando a razón un boletín cada quince ou vinte días ata rematar a pandemia ou se me pasara a lideira. Pero, a medida que ían saíndo e vía a enorme aceptación que tiña e como influía en xestores, veciños e persoas interesadas nesta Illa, funme animando e agora está considerada coma unha fonte de noticias interesantes sobre Ons, cunha importante aportación de ideas, sobre todo socio-culturais, que está a enganchar a moita xente. Comentaba un lector: “Grazas á lectura de Onstopus, coñecín a verdadeira Ons, cando volvamos, a percorreremos e miraremos doutro xeito”.

–Na súa lista de destinatarios sei que hai organismos oficiais vencellados á Ons. Como acollen ou se toman os contidos do Onstopus?

–Envíono a todos os meus contactos, a persoas que están vinculadas dalgún xeito coa illa, aos organismos xestores de Ons (Consellería de Medio Ambiente e Parques), a organismos que dalgún xeito poden facer moito pola Illa (Consellería de Cultura, Xuventude, Deputación e Concello de Bueu). Tamén a un bo número de museos, bibliotecas, casas de cultura... E a todos os que participan na elaboración, distribución e posta en valor da revista cultural “Aunios”. Á vez, moitos dos lectores a reenvían aos seus contactos [está en internet na páxina: http://bueu.esy.es/Revistas/Onstopus/indice.htm e http://bueu.esy.es/Revistas/Onstopus/onstopus.htm]. Ten unha moi boa acollida, segundo os correos que me envían felicitándome ou comentando o relatado en cada unha. Coido que dende os organismos oficiais que a reciben, interesa saber a opinión da xente, coñecen o meu vínculo coa veciñanza e este minixornal pode considerarse a voz dos veciños, e por iso interésalles coñecelo.

A carón do humor, intento dar suxestións e, ás veces, comentar, cunha crítica construtiva, accións que considero deben ser tratadas e solucionadas polos xestores e veciños. Sería moi arrogante o dicir que si conseguín mellorar a situación da illa e veciños

–Pensa que a difusión do boletín conseguiu dalgunha maneira mellorar a situación na illa e contribuír a que se faga caso a algunhas das reclamacións e reivindicacións dos illáns?

–Como dixen, a carón do humor, intento dar suxestións e, ás veces, comentar, cunha crítica construtiva, accións que considero deben ser tratadas e solucionadas polos xestores e veciños. Sería moi arrogante o dicir que si conseguín mellorar a situación da illa e veciños. Sen embargo, moitas das ideas, suxestións e reivindicacións expostas no minixornal, foron saíndo adiante posteriormente, mellorándose en moitos casos as accións a realizar pola administración e arranxándose cuestións importantes para a veciñanza e visitantes.

–Que temas ten pensado para os seguintes números?

–Seguirei co humor, fotografías antigas, reivindicando temáticas como charlas aos veciños para a mellor utilización de materiais de limpeza e temática do lixo; programación de actividades antes do verán e presentalas publicamente para que os visitantes programen á súa vez a visita con antelación; arranxo de camiños; posto de primeiros auxilios; bandeira azul, sendeiro e centro azul para algunha praia, ruta e o centro de visitantes; que o faro, agora automatizado, convírtase nun importante centro cultural. Ou que as axudas para investigación abrangan máis que a área de influencia do parque nacional. Ou reforestación, máis investigación etnográfica... E que o Concello de Bueu se involucre máis coa illa, que pertence ao seu municipio.

–Na cabeceira do minixornal pon que o seu prezo de venda é unha “cunca de albariño caseiro”. A cantas cuncas o invitaron xa?

–Difícil de cuantificar! Coido que xa levo varias colleitas “vendimadas” [risos].

Suscríbete para seguir leyendo