Francisco Javier Fernández Davila | Escritor e enxeñeiro de Minas

“Comecei a escribir nunha época de estrés laboral e cambioume a vida”

O autor presenta hoxe en Moaña as súas novelas “Primavera” e “Groenlandia”

Fernández Davila, nas Azores, onde está ambientada “Groenlandia”.

Fernández Davila, nas Azores, onde está ambientada “Groenlandia”. / Cristina González

Empezou a escribir como terapia antiestrés no 2016 e xa ten máis dunha trintena de premios por obras de poesía e narrativa. O vigués, veciño de Panxón, Francisco Javier Fernández Davila, presenta hoxe en Moaña (Concello, 20.00 horas) dúas das súas últimas novelas “Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas” y “Groenlandia”, premios Novela Curta Antón Risco y de Narrativa Breve de Repsol en 2023.

–Contrasta que un home de ciencias –vostede é enxeñeiro de Minas– teña tanta paixón pola literatura. Cando o atrapou a escritura?

–Gustábame escribir de pequeno, pero deixeino ó entrar na universidade. A carreira e o traballo posterior foron moi absorbentes e non volvín retomar a afección até os 41 anos. Pasaba unha época de moito estrés laboral e apunteime a un obradoiro de escrita creativa. A verdade é que me cambiou a vida. Foime moito mellor no traballo e atopei unha vía de escape moi agradecida.

–Na súa biografía aparece un longo palmarés de premios, mesmo por algún certame en Arxentina. Que o leva a presentarse a tantos certames?

–Son a vía perfecta para comezar a publicar. Se non tes contactos, as editoriais non che fan nin caso, e menos se es un escritor novel xa entradiño en anos como era eu cando comecei. En cambio, os certames non prexulgan, non miran o DNI nin os seguidores en redes. Os certames só valoran unha obra anónima. Son como unha oposición (estas palabras non son miñas, senón dun gran editor) onde un grupo de expertas e expertos trata de escoller a obra que máis lles gusta. Tamén teño que engadir que os premios literarios me dan a disciplina necesaria para escribir e rematar as obras nunha data concreta. De non ser así, moitos dos meus libros aínda estarían pola metade.

–Que nos pode dicir das dúas obras “Primavera” e “Groenlandia” que hoxe presenta en Moaña?

–”Groenlandia” é unha obra sobre as illas Azores, unha novela de amor, aventuras e viaxes con moito, moito mar. Estou fascinado cos oficios do mar, sobre todo o dos mariñeiros de altura. Supoño que é porque o meu pai foi mecánico no Atlántico Sur e pasou máis de 30 anos metido na barriga dun barco de pesca. “Primavera” é unha obra máis intimista, cunha muller forte e traballadora como protagonista, que debe enfrontarse a un cambio enorme da súa vida pero semella que non é quen de velo. No principio quería facer unha novela de amor e poesía, e ao final creo que me saíu unha novela moi poética sobre o amor a unha mesma.

–Que é a enxeñería e que é a literatura para vostede?

–Son a miña vida. Non podería vivir sen ningunha delas. Ambos son labores moi creativos. Hai moitas veces que un enxeñeiro debe imaxinar solucións non aplicadas antes para desafíos nunca experimentados. Iso mesmo pasa tamén na literatura. Ademais penso que a literatura me axuda a ser mellor enxeñeiro (creatividade, xestión do estrés...) e a enxeñería me axuda a escribir mellor (viaxes, experiencias, persoas que se coñecen, etc.).

–É fácil publicar en Galicia?

–Non o é. Se o que estamos a falar é de que unha editorial che lea un orixinal non solicitado (xa non digo publicar), publicar é moi difícil, e iso sendo un escritor cunhas cantas obras na mochila. Imaxina logo o que pode ser para as escritoras e escritores noveis. De aí vén o dos certames, son a vía natural para comezar a publicar.

–Un referente na literatura para vostede.

–Teño moitas referencias que ademais van cambiando no tempo. O Gabriel García Márquez de “Crónica de una muerte anunciada” o “El amor en los tiempos del cólera”, o Juan Rulfo de “Pedro Páramo”, a Valeria Luiselli de “Los ingrávidos” ye sobre todo, Alessandro Baricco, son fan de toda a obra de Alessandro Baricco.

Suscríbete para seguir leyendo