Tribuna Libre

Melide, en Ons, botará en falta ao capitán Maracaibo

Alberto Lamarca, coñecido como  "Capitán Maracaibo".

Alberto Lamarca, coñecido como "Capitán Maracaibo". / PineirÓns

Santy Corral Estévez*

A semana pasada deixounos Alberto Lamarca Vázquez, coñecido en Ons como “Maracaibo”. Lembro a primeira vez que fixen o camiño dende o Curro ata a praia de Melide a primeiros dos 80, cando de súpeto me atopo cuns personaxes bailando polo camiño cara o pobo da illa e berrando “Camawey”, que quererá dicir iso?, viñan ataviados con flores, coroas de loureiro na cabeza e coas caras pintadas, semellaban uns indíxenas de Samoa ou da illa Fatu Jiva... Un deles era o famoso Maracaibo, a quen esa noite coñecería persoalmente no Curro. El foi o que inventou e fixo popular o berro de “Camawey”, cantas miles de persoas o berraron na illa... Cantas noites na fogueira escoitamos a o gran Maracaibo falarnos da erupción do volcán Krakatoa, das incursións do pirata Sir Francis Drake, ou do afundimento do Santo Cristo do Maracaibo nas illas Cíes.

O seu barco “Banzai” naufragou na praia de Melide unha noite de verán do 1982 cunha forte marusía que se levantou de noite. O rescate foi imposible e o barco quedou varado na praia sen que se puidera facer nada por sacalo a flote. Anos despois aínda aproveitamos restos do seu barco que o mar de fondo, logo dos temporais, depositaba na praia de Melide. Sempre lle buscabamos algún uso, para facer mesas, estantes, etc., na zona de acampada. El cando recoñecía algunha peza do seu barco nos falaba das súas vivencias a bordo do “Banzai” coa súa namorada “Perla Negra”, as singraduras pola Costa da Morte, nas illas Cíes ou na enseada da praia de Barra no Hío.

Despois de perder o Banzai, volviches a illa nun pequeno bote que arboraches ti só coas túas mans. Ampliaches a popa, lle metiches un mastro cunha vela cangrexa, un bauprés e un foque. Ese día había forte temporal do sur, non había barcos a vista dende a terraza miradoiro da taberna de Checho. Escoito a algún illán dicir, “mira pa sur, ala ben un pequeno barco de vela”, eu non miraba nada... estaría a altura de Cabo Home. Logo dun tempo xa se percibía unha silueta a altura do Facho en Donón, no medio da Costa da Vela, cando se achega a altura do peirao os mariñeiros curtidos de Ons xa falaban entre eles, “é o Maracaibo, carallo que collóns lle botou...”

Nas noites ao redor da fogueira sempre tocabamos música, daquela época a celta era a que máis se interpretaba, Gwendal, Milladoiro, Beizi Ruz, Labanda, etc., e moita música irlandesa. Unha das súas pezas favoritas era “The Boys Of Bluehill” [Os rapaces do outeiro azul], un hornpipe tradicional irlandés. Sempre me pedías que a tocara para ti, dende agora en diante sempre a tocarei a túa lembranza.

Maracaibo nos seus tempos mozos foi buzo profesional, en Ons practicaba pesca submarina, as veces con traxe e outras totalmente espido, miralo meterse entre as algas da praia de Melide e saír con varios bruños nas mans era un auténtico espectáculo, semellaba outro peixe máis entre os penedos e os golfeiros. Polbos, nécoras, robalos, pintos, maragotas, etc., caían nas súas mans ou no seu fusil, que bos recordos saboreando xuntos eses manxares cociñados a leña de eucalipto, que nos proporcionaba o entorno mariño e marabilloso da illa de Ons.

Eu aínda conservo na casa como ouro en pano o libro de anotacións con rumbos e derrotas das singraduras que el fixo abordo do seu barco o “Banzai”. O ano pasado logo de comer xuntos un churrasco falaramos da posibilidade de publicalo e que saíra a luz ese tesouro bucaneiro tan ben gardado que tiña. As descricións dos hábitats, a vexetación das dunas, as aves mariñas voando na proa do barco, os ventos, os rumbos, as entradas en porto para resgardarse dos temporais, a pesca que realizaba por toda a costa galega, as reformas que lle facía ao barco, engadíndolle unha vela escandalosa, un bauprés, etc. Para os amantes da navegación seguro que serán moi interesantes.

Sempre me dicías que cando puideras collerías un bo barco o cargarías ben de víveres e marcharías de singradura para sempre por eses mares salpicados de illas, cheos de peixes e praias de area branca. “En los mares del Sur”, libro que coñecín grazas a ti. Sen máis camarada “Maracaibo”, espero e desexo que xa estes navegando por eses mares do sur dos que tanto me falaches e soñaches con eles.

Boa singradura compañeiro Maracaibo. “Camawey”.

*Veciño de Bueu

Suscríbete para seguir leyendo