Domaio, epicentro do Morrazo no Día de Rosalía

Unha ofrenda floral á poeta inicia unha xornada con recitais e teatro

Representantes de A Poza da Moura na ofrenda floral coa alcaldesa e o edil Javier Carro.

Representantes de A Poza da Moura na ofrenda floral coa alcaldesa e o edil Javier Carro. / Santos Álvarez

Colectivos de Domaio como a Asociación de Mulleres Poza da Moura, a agrupación Charaviscas ou as cantareiras Arco da Vella participaron onte na homenaxe a Rosalía de Castro que o Concello de Moaña organizou nesta parroquia, onde se erixe un busto da grande poeta das letras galegas.

Galicia festexou onte o Día de Rosalía de Castro, coincidindo co aniversario do nacemento da grande poeta da literatura galega. No Morrazo os eventos foron varios estes días e Bueu tivo, por vez primeira, unha xornada festiva coincidindo con esta data especial. Onte, sen embargo, o epicentro das celebracións en todo O Morrazo estiveron na parroquia moañesa de Domaio, onde o centro cultural leva o nome da autora de Follas Novas e onde se erixe un busto na súa honra.

Ás cinco da tarde comezou un acto oficial no que participaron representantes como a alcaldesa, Leticia Santos, e o concelleiro Javier Carro. Arrincou cunha ofrenda floral ao busto da poeta, coa colaboración das integrantes da Asociación de Mulleres Poza da Moura de Domaio. A parte musical correu a cargo do mestre gaiteiro Xavier Blanco.

O grupo de teatro da asociación cultural Charaviscas tomou despois o protagonismo para poñer en escena o espectáculo “Poesías de Rosalía”, dirixido pola actriz María Salgueiro.

Arriba: Representantes de A Poza da Moura na ofrenda floral coa alcaldesa e o edil Javier Carro. Esquerda: Un momento do recital de poesía.   | // SANTOS ÁLVAREZ

Un momento do recital de poesía. | SANTOS ÁLVAREZ / Fran G. Sas

A música tradicional tamén tivo a súa importancia da man das Cantareiras Arco da Vella, integradas por mulleres de Domaio, que entonaron varias cantigas na honra da poeta de Padrón.

A compañía de teatro Producións Dispersas foi a encargada de pechar a tarde coa obra “Sempre Rosalía”, protagonizada por Ana Ponte, que interpreta á poeta, e Diego Freire, que se meteu na pel dun dos seus biógrafos para iniciar un diálogo ficcionado coa matriarca da literatura galega.

Casa da Mocidade

O mércores a Casa da Mocidadde acolleu a gala do concurso de vídeos curtos TocMoc Rosalía. Presentáronse sete traballos protagonizados por nenos da vila.

Suscríbete para seguir leyendo