Unha alumna de As Barxas vence no certame de relato breve da RAG

Aroa Currás García, de 2º de ESO, acada o premio na categoría xuvenil co texto “A Caixa” | A gala foi na Fundación Luis Seoane

As premiadas cos compañeiros e o xurado, no acto celebrado na Coruña. | RAG

As premiadas cos compañeiros e o xurado, no acto celebrado na Coruña. | RAG / Fran G. Sas

O talento literario do Morrazo volve quedar de manifesto. Nesta ocasión grazas ao traballo da estudante do instituto moañés As Barxas, Aroa Currás García. Alumna de 2º da ESO, onte foi galardoada co premio do III Certame de relato breve A Erbeda. Trátase duns galardóns convocados pola asociación Os Nosos Lares de Palavea, en colaboración coa Real Academia Galega (RAG), o Concello da Coruña e as librarías Moito Conto, Xiada e Formatos. A entrega de premios foi na Fundación Luis Seoane, na Coruña.

A xoven moañesa venceu na categoría xuvenil grazas a un texto que titulou “A Caixa”, que percorre a imaxinación duns nenos tras a aparición dunha caixa nun aula e que acaba contendo os atributos que lle faltan a cada compañeiro.

As premiadas cos compañeiros e o xurado, no acto celebrado na Coruña. |   // RAG

Aroa Currás, con Fina Casalderrey e outros membros do xurado. | RAG / Fran G. Sas

O xurado destacou o talento de Aroa Currás para amosar no texto “un sorprendente dominio das técnicas do relato curto”. Aroa Currás acudiu á gala acompañada da súa profesora e recoñecida escritora, Iria Collazo, así como dos compañeiros e compañeiras do obradoiro de escritura que organiza a propia Collazo no centro de ensino.

A académica Fina Casalderrey participou nunha gala de entrega de premios na que tamén estivo Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa da Coruña; o coordinador do clube de lectura municipal Gándaras de Melide, José Manuel Pampín; e os directivos de Nosos Lares Ana Santomé e Álvaro Benedicto. Casalderrey dirixiuxe aos premiados asegurando que “facedes maxia coas palabras”.

Ademais da moañesa, Alma Sánchez, veciña de Lugo, venceu na categoría adulta co relato “A flor amarela”. Na categoría infantil o xurado premiou a “O paxaro máxico”, un conto de Sabela García, alumna do CEIP Castelao de Ordes.

Suscríbete para seguir leyendo