Opinión

A velas vir... (Arredor da historia sanitaria de Vigo)

Xan Vieito.

Xan Vieito. / Xoán Álvarez

Xan Vieito

A historia da sanidade viguesa –miles de aparatos, libros ou documentos históricos– languidece nunha fría dependencia do antigo hospital de Rebullón. Alí dormen, medio-esquecidos, os soños de moitos pioneiros da sanidade viguesa ou dos familiares que os conservaron e doaron ao Museo. Alí dormen tamén os soños e a ilusión dos que con gran esforzo sentaron os piares para creación do mesmo.

Este hospital, pendente de restauración, xunto co Hospital Nicolás Peña ou o vello Hospital Xeral –actualmente Cidade da Xustiza– constituían nos anos oitenta do pasado século os centros sanitarios neurálxicos da área de Vigo. Nunha pequena parte dese Museo, exposta ao público no hospital Alvaro Cunqueiro, atópase un pequeno ecógrafo que era, nos anos oitenta, a tecnoloxía diagnóstica mais avanzada do Servizo de Radioloxía que contaba por aquel entón tan só con cinco radiólogos. Daquela Vigo era a cidade mais poboada de Galiza, tiña a peor dotación tecnolóxica en radioloxía e o hospital privado mais grande do país. Hoxe, case corenta anos despois, o Complexo Hospitalario de Vigo goza de gran reputación tanto a nivel nacional como internacional. Conta con 16 equipos de ecografía de altas prestacións, 6 equipos TAC avanzados e 4 equipos de RNM e no Servizo traballan 50 médicos especialistas e fórmanse 16 Médicos Residentes.

Atrás, empaquetados neses corenta anos quedan todos os esforzos e soños de todos e cada un dos profesionais –radiólogos, enfermeiros, técnicos ou celadores–, que o fixeron posible, tal vez a derradeira xeración de románticos da Sanidade. Atrás quedan as loitas levadas a cabo para acadar a mellor medicina pública para os cidadáns da Area Sanitaria ou mesmo para recuperar certas técnicas diagnósticas, imprescindibles na formación e no manexo conxunto asistencial e docente,. O complexo hospitalario goza, a día de hoxe, de moi boa saúde para seguir mellorando. Esperemos que o Museo Sanitario de Vigo (MUSAVI) poda recuperala, tamén, para seguir salvagardando a historia sanitaria da cidade.

Suscríbete para seguir leyendo