mellor con literatura

"Traducir é unha ourivería na que vas atopando as verbas"

“Manter a rima respectando o texto orixinal non é unha tarefa doada”. Sumerxímonos no mundo da tradución con Fé González e Ivonete da Silva, que veñen de adaptar “A canción do cambio”, de Amanda Gorman

A Canción do Cambio.

A Canción do Cambio. / Cedida

O traballo da tradución está moi oculto, sempre tras os nomes de grandes autores internacionais. Pero, cantas das rimas que coñecemos e que máis recordamos non son froito do autor orixinal, senón dos que adaptaron o texto á nosa lingua? Pouco a pouco, o papel de tradutores e intérpretes está máis valorados, especialmente cando falamos de poesía. Un exemplo é a canción política de Amanda Gorman (que recitou na investidura de Biden) “Change sings”, e que da man de Fé González e Ivonete da Silva chegou ao galego, baixo o nome de “A canción do cambio”.

Comezamos a valorar máis a figura dos traductores?

Ivonete: Moitas veces o nome das persoas que traducen non aparece na portada do libro e, de aparecer, é case imperceptible. Non se fala de tradutor, senón de autor. Con “A canción do cambio” levamos unha grata sorpresa cando nos dixeron dende a editorial que podiamos asinar os libros. É unha xenerosidade da autora, Amanda Gorman, xa que iso non parece ser o habitual. Cando fomos asinar o conto na Feira do Libro de Santiago de Compostela, confeso que inicialmente me pareceu algo raro. Pero logo, estando aí con Fe, lembrándonos do proceso da tradución, buscando as pasaxes ou escenas que máis nos gustaban e contándolle á xente sobre o que ía o libro, a verdade é que xa o sentiamos como algo tamén noso.

Fé González Fernández asinando exemplares de A canción do cambio.

Fé González Fernández asinando exemplares de A canción do cambio. / Cedida

A nivel persoal, que valorades máis nunha tradución? Ritmo, rima, fidelidade coa orixinal…

Fé: Todos os elementos son importantes. Mais, para min, o esencial é que a tradución se perciba polo lectorado como un texto o menos arredado posible. É dicir: que se lea sen estrañeza, como se tivese sido escrito na súa propia lingua. 

Cales son os pasos para traducir?

Fé: Penso que o primeiro sería a lectura demorada e reflexiva do texto. Logo é preciso documentarse, tanto sobre o autor ou autora coma sobre o propio texto, a época na que foi escrito, as circunstancias históricas que o rodean e todos os elementos culturais que o definen. E despois vaise xerando un pequeno labor de ourivería que consiste en ir atopando as verbas, as sintaxes, as expresións, os xiros e toda a idiomaticidade que engasten ben na tradución.

Ivonete: Eu o que adoito facer é ler completamente a obra orixinal, un pouco sobre o autor, sobre todo se é a primeira vez que o traduzo, comentarios seus ou doutras persoas sobre a obra... todo axuda un pouco. Unha vez que me sinto algo documentada, creo que a tradución flúe máis facilmente. 

Que vos resulta máis complicado, a narrativa ou a poesía?

Fé: Para min, a poesía.

Ivonete: Si, a poesía, dende logo. Manter o respecto ao do texto orixinal e a rima non é unha tarefa doada. Peor aínda se pensamos na métrica.

Ivonete da Silva Isidoro, tradutora de A canción do cambio ao galego.

Ivonete da Silva Isidoro, tradutora de A canción do cambio ao galego. / Cedida

E que resulta máis doado, traducir libros infantís ou traducir libros para público adulto Tal vez falamos no primeiro caso dunha dobre adaptación?

Fé: Non é máis complicado, pero digamos que é diferente. E si, ten que ver en parte con esa ‘dobre adaptación’ á que aludes, pois a cosmovisión infantil é complementaria á adulta. e tamén diversa, en cada idioma e lugar do mundo.

“Con ‘A canción do cambio levamos unha grata sorpresa cando nos invitaron a asinar os exemplares

undefined

Ivonete: Unha pregunta que merece a miña resposta galega preferida: depende! Hai libros ou textos, tanto para adultos como infantís, que poden ser máis fáciles ou máis complexos de traducir. Vai depender da escolla que fai cada autor ou autora dos elementos lingüísticos empregados na súa obra. Unha linguaxe máis coloquial requirirá sempre máis esforzo da tradutora ca unha linguaxe máis neutra ou estándar, por exemplo. Ademais, se temos en conta que varias expresións coloquiais moitas veces varían xeograficamente, a dificultade na tradución é aínda maior, dado que non é nada doado chegar a un termo máis ou menos común, ou que poida ser máis amplamente recoñecido e ben interpretado pola maioría de lectores e lectoras. É certo que a linguaxe infantil require de particularidades inherentes a esa etapa en cada idioma, pero o mesmo sucede coa linguaxe adulta máis característica dun grupo ou dunha zona determinada. En ambas creo que podemos falar de dobre adaptación.

Para rematar, cal é o verdadeiro poder das palabras?

Fé: Heidegger deixou escrito que ‘A palabra é a casa do ser’ (e estouno dicindo en tradución, pois o que el expresou foi: ‘Die Sprache ist das Haus des Seins’). Sen idioma non hai pensamento. E sen pensamento non hai conciencia do ser. Ser é ser na palabra.

Ivonete: É enorme, en calquera lingua. Con elas comunicámonos, ensinamos, aprendemos, vivimos... Daquela, debemos usalas o máis correctamente posible. Non é tan grave se nos equivocamos na literatura, na tradución, que é o noso tema neste momento, pero tamén falo da vida mesma, da non-ficción. As palabras dino todo.