Lemos unha partitura do mesmo xeito que lemos un conto. Unindo as notas como se fosen palabras. Por que separar os dous conceptos? Diso sabe ben Carmen Penim, a autora de “A Fraga de Pasacorrendo”, un libro de relatos onde cada un vai acompañado dunha canción para tocar e cantar na casa.

  • Primeiro, non podemos comenzar doutro modo que non sexa preguntando: que ten a música que “amansa ás feras”? 

Esta pregunta daría para falar tanto! De feito hai moitos estudos que tratan das virtudes e efectos que a música tén sobre os seres humanos, pero sen entrar en profundidades, eu sempre boto man do refrán de “quen canta, os seus males espanta”. E é así. Non fai falla ser músico (ou música) para aproveitar a marabilla que é para modular os nosos estados de ánimo. Cambia a nosa maneira de sentir e de estar, abrindo o noso corazón.

“O proxecto ‘Contiños para despertar versos’ combina audiocontos con actividades de lectoescritura”

  • Como nace a idea de A Fraga de Pasacorrendo?

Había moito tempo que quería facer algo para a infancia en galego, pero non daba coa fórmula que me convencese. Algo que os achegase ao galego de xeito divertido, ameno e que ao mesmo tempo tratase temas que penso son importantes. O primeiro que xurdiu foi unha canción infantil cun poema de Carvalho Calero que fala dunhas lavandeiras. Iso levoume a escribir o conto de A lavandeira e o paxariño cagón. Pero cando tiven os cinco relatos quixen facer para cada un a súa canción, cunha letra relacionada co conto e con ritmos e estilos moi diferentes entre elas.

  • Moi diferentes! Ademáis do aspecto e a estrutura, tamén traballan conceptos distintos?

Hai elementos comúns en todos os contos e cancións, como a solidariedade, a empatía, a natureza… Pero no conto que mencionei antes, é importante a presenza dunha figura feminina forte. Logo, en O paxariño que quería ser unha estrela, trátase a autoestima, o valorar o que es e coñecerte. En O gato lacazán e o ratiño artista fala en clave de fábula da aceptación de quen é diferente a nós, da amizade que podemos ter con quen non se nos parece nin en aspecto nin en modos de vivir.... Quixen nos contos abrir varios planos de lectura, que os lectores e lectoras poidan ir descubrindo según vaian medrando.

  • Ademais, os audiocontos atenden a outro tipo de lectura inclusiva.

 Cando escribín os contos do libro non parei despois do quinto. Tiña cinco contos máis e ideas para cancións. Para un proxecto editorial era extenso de máis. Entón decidín presentar un proxecto para elaborar materiais para o espazo Abalar, coa sorte de que me concederon o curso pasado unha licenza por formación para facelo. Son contos que respiran da mesma filosofía e ambiente de A fraga de Pasacorrendo. O proxecto tituleino Contiños para despertar versos. Espero que en breve os poderemos ver e estarán dispoñibles en aberto, para descargar os audiocontos e outros materiais complementarios. Hai xogos interactivos moi variados para educación infantil e primeiros cursos de primaria. A idea é que o profesorado poida escoller de cada unha das cinco unidades os xogos e actividades que lle parezan máis pertinentes nese momento para a súa clase. Ou simplemente poden empregar o audioconto e a canción como mellor lles conveña. Pensando en educación infantil, os xogos teñen as instrucións en audio. Hai vídeos, audios, xogos de relacionar, de ordenar, de completar… E tamén algún sinxelo de lectoescritura inicial.

Portada de A Fraga de Pasacorrendo Cedida

A Fraga de Pasacorrendo 

Un lobiño con frío, un paxariño cagón, un ratiño artista... e moitos personaxes mási cos que vivir as aventuras desta marabillosa fraga. Como conta a súa autora Carmen Penim: “É romper unha lanza a favor da convivencia dos pobos e perder o medo a quen é diferente a nós.”

Con cancións en cada capítulo, tamén hai referencias cariñosas á emigración, ao mundo do mar, a falar do que se debe facer cando un neno ou nena se perde. “E aparece a máxica Maruxaina, a serea galega, unha gran descoñecida da nosa cultura” desgrana sobre cada un dos relatos desta curiosa Fraga. 

“Quixen nos contos abrir varios planos de lectura que os rapaces e rapazas poidan ir descubrindo según vaian medrando”.

E a creatividade (música, literatura ou en calquera outra materia) é fundamental, porque é con ela como imos atopar o día de mañá solucións imaxinativas para os novos problemas que imos ter na nosa vida.

“Cultivar nun contexto colaborador, non competitivo, a creatividade e a beleza e mesmo, por que non, a rebeldía sá, é bonito, é formativo e imprescindible para o futuro de nenos e nenas e xente xoven” remata a autora.