Entrevista | Malores Villanueva Mestra e escritora, padroeira da Fundación Penzol

“Don Paco foi indispensable para chegar a onde estamos”

O creador das Letras Galegas disfruta, por fin, do seu propio día. Falamos con Malores Villanueva sobre Francisco Fernández del Riego, unha figura oculta da cultura e lingua do país, que sustentou a galeguidade detrás do telón, marcado por unha “grande xenerosidade que está detrás de todo"

Malores Villanueva, filóloga, mestra e biógrafa de Fernández del Riego.

Malores Villanueva, filóloga, mestra e biógrafa de Fernández del Riego. / FARO

É o protagonista das Letras Galegas 2023: Francisco Fernández del Riego, Don Paco nas distancias curtas. Unha figura tan importante como oculta na historia da literatura en Galicia.

Para afondar no crucial de Fernández del Riego para a cultura do país, falamos con Malores Villanueva, filóloga, mestra e, sobre todo, estudosa experta en Don Paco, a quen coñecía persoalmente.

Se tivese que describir a súa figura a alguén que chega ao galego e á súa lectura, como o introduciría?

Primeiro de todo, Francisco Fernández del Riego (para min, Don Paco) é, ante todo, un activista. É principalmente coñecido polo seu papel divulgativo do galego durante unha época, o Franquismo, onde a súa oficialidade nin se plantexaba. 

Xunto a iso, temos o seu traballo en prensa, en revistas e no mesmo FARO DE VIGO e o seu suplemento cultural, onde grazas a el se escribiron os artigos en galego. Se falamos da divulgación, debémoslle a creación do Diccionario de Escritores, así como a escolma e agrupación das obras importantes das nosas letras. Pero principalmente, a súa labor foi executiva. O mecenas de empresas ligadas ao galetivismo, como é, por suposto, a Editorial Galaxia.

O seu gran valor para a literatura galega foi abrir as portas para outros escritores. Obras de Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro non se explicarían sen el. Animou a Cunqueiro a escribir “Merlín e Familia”. Primeiro un capítulo. Logo outro. E outro. A súa xenerosidade está detrás da literatura galega do século XX.

Francisco Fernández del Riego, "Don Paco"

Francisco Fernández del Riego, "Don Paco" / EDITORIAL GALAXIA

De feito, está tan detrás que, según recordo, a súa figura non aparece no temario de Lingua e Literatura galega, polo menos a un nivel tan visible como outros. Como mestra da asignatura, cre que debería cambiar?

É certo que se menciona o seu nome cando chegamos ao punto do nacemento, en 1950, da Editorial Galaxia. Aparece acompañado de dous nomes en negriña, Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro. Pero en xeral, coma se trata dun temario moi amplo introducido en moi pouco tempo, a asignatura céntrase máis en estudar aos escritores. Por suposto, importantísimos, pero si que o fai de forma illada, sen tratar en profundidade todo o contexto que hai detrás, onde atopamos a figura de Don Paco, indispensable para chegar a onde estamos.

A estrea do documental Don Paco, un dos nosos, no Miralba.

A estrea do documental Don Paco, un dos nosos, no Miralba. / JOSE LORES

Do mesmo xeito, cre que as Letras Galegas 2023 funcionarán como pulo para achegar a súa figura ás aulas?

É unha boa oportunidade. Eu, obviamente, teño en carteira actividades, charlas, no meu instituto e “en ruta” por outros centros galegos. Pouco a pouco imos explicando a súa figura a través de textos, biografías e vídeos. Hai que aproveitar!

Especialmente, no caso dos colexios vigueses, que non poden perder a oportunidade de visitar a Fundación Penzol, unha xoia que temos aquí ao lado e que pasa desapercibida. As veces falo con alumnos que non a coñecen, que non saben nin sequera onde se atopa (na Praza da Princesa). Visitar esta Fundación é unha das moitas maneiras das que podemos achegarnos a súa figura.

Don Paco: un optimista radical indispensable para o galego

Don Paco: un optimista radical indispensable para o galego / JESUS DE ARCOS

E se seguimos achegándonos, como era Francisco del Riego nas distancias curtas?

Don Paco era extremadamente xeneroso. Especialmente coa mocidade. Eu mesma o coñecín mentres preparaba a miña tese, e sempre se preocupou de axudarme en todo o que podía. Como fixo toda a súa vida, colaboraba cos demáis e axudaba a producir as súas ideas.

El sempre se definira coma un “optimista radical”, gran seguidor do Celta, moi puntual, un traballador organizado que mudaba as cousas aí onde ía. Como mudou toda a literatura.

Francisco Fernández del Riego: O legado silandeiro 

Apoiado por cartas reais da man do divulgador, este texto de Héctor Cajaraville repasa a vida de Fernández del Riego escapando das biografías extensas e complicadas, e adaptándoa a un público máis xuvenil.

Utiliza eventos a nivel popular (dende as Guerras Mundiais ata a invención da televisión, pasando pola Copa do Mundo de Fútbol) para situar cronolóxicamente a Don Paco, mentres que a través das súas cartas e anécdotas entendemos a súa historia persoal e profesional.

Este epistolario real inclúe cartas da man de Don Paco dirixidas a Ramón Piñeiro, Celso Emilio Ferreiro ou Antonio Fraguas, pero tamén ao propio Cajaraville, nun texto case metaliterario, onde o executivo da Editorial Galaxia comenta co autor a súa ilusión sobre a elaboración deste libro sobre a súa vida.

Este libro repasa as etapas principais da súa evolución dende “neno afortunado” ata o seu legado como escritor e como principal dinamizador do galeguismo cultural tras a Guerra Civil e a posguerra.

Ademais de poñer en marcha todo tipo de proxectos encamiñados a recuperar a presenza do galego como lingua de cultura nunha sorte de “segundo Rexurdimento”.

Durante gran parte da súa longa vida (Vilanova de Lourenzá 1913 - Vigo 2010) foi o alicerce ao redor do que se artellou o traballo conxunto entre os intelectuais do exilio, os que permaneceron no país tras a contenda e as novas xeracións de galeguistas que van xurdindo malia o difícil contexto da ditadura franquista.

Como colaboradora no Zigzag leva a lectura a televisión. Como é o aprendizaxe multidiscilplinar da literatura?

A literatura é ocio, aínda que agora compita co mundo dixital, e como tal, forma parte de todas as dimensións.

O outro día estiven nunha charla no instituto As Barxas, de Moaña, e mentres non empezaba, os rapaces estaban continuamente mirando os seus móbiles. Eu comentaralles que ese enganche que teñen pola tecnoloxía, para Don Paco eran os libros. Cando el estaba no bacharelato, coma eles, queda ata tarde lendo, a luz dunha candea, ata que o pillaban e tiña que apagar a luz.

O mismiño ca eles! Un libro abre mundos, ventas, tamén é unha forma de comunicarnos cos demáis.

Coa presenza do alcalde e da irmá de Fernández del Riego, a xesuitina Ana María.

Coa presenza do alcalde e da irmá de Fernández del Riego, a xesuitina Ana María. / JOSE LORES

Outra das dimensións onde podemos aprender sobre a figura de Fernández del Riego é o documental recién estrenado da man da RAG, onde vostede tamén participa.

Si, xunto a outras figuras importantes na literatura, estudosos de Don Paco e coñecidos persoais, imos narrando a súa vida a través das nosas vivencias e anécdotas.

É unha iniciativa moi parecida á levada a cabo polo colexio Miralba, as Xesuitinas de Vigo, que tamén prepararon o seu propio documental e contaron conmigo para aportar a miña perspectiva.

"A súa xenerosidade está detrás da literatura galega do século XX"

Os estudantes prepararon a parte documental e contactaron con escritores, xornalistas e biógrafos para a parte máis persoal. E é que eles teñen tamén un fío con Francisco Fernández del Riego moi forte, xa que a súa irmá Ana María foi monxa e mestra no centro durante moitos anos. Ela mesma participou!

E mentres continuemos con estas iniciativas, a súa figura será unha constante na literatura galega. Como o foi durante toda a súa vida.

‘Un dos nosos’ o documental do Colexio Miralba 

O Colexio Miralba de Vigo preparou un documental sobre a figura de Fernández del Riego, documentado polos propios alumnos e coa colaboración de diferentes persoaxes relacionadas co activista: dende xornalistas ata escritores, pasando polos membros actuais da Editorial Galaxia e a propia irmá de Francisco, Ana María, que fora monxa Xesuitina e docente do centro durante moitos cursos.

O centro presentou o proxecto audiovisual (que tamén se pode ver en youtube) o pasado martes, nun evento no seu salón de actos. Falamos con Ramiro Taboada, un dos mestres que organizaron a iniciativa: “Dende o momento que a RAG comunicou que o Día das Letras Galegas de 2023 estaría adicado a Francisco Fernandez del Riego empezamos a darle voltas a cabeza. Don Paco era irmán da relixiosa xesuitina Ana María Fernández del Riego, que foi mestra durante moitos anos. El sempre estivo ao noso carón en inauguracións de cursos, charlas aos alumnos, como doador de libros para a biblioteca escolar, e nun sinfín de momentos da vida académica do colexio. Incluso na última etapa da súa vida legounos os mobles e a mesa do seu despacho. Tiñamos pois, con el, unha débeda de admiración e agradecemento”.

Débeda que se cobrou con esta homenaxe ideada polo equipo de Dinamización de Lingua Galega do colexio, coa colaboración do Departamento de Linguas, o grupo de artes escénicas Armadanzas e o equipo de Radiotelevisión Miralba. 

“Está pensado e traballado basicamente por alumnos e alumnas das etapas de Secundaria e Bacharelato” apunta Ramiro. “Os alumnos/as que participaron na súa realización específica, en campos como a imaxe, son e a propia presentación, cursan 2º da ESO e Bacharelato de Artes Plásticas, Imaxe e Diseño”.

Así, participaron na elaboración deste documental preto de vinte persoas da comunidade educativa entre alumnos, profesores e pais, ademais da axuda especial de figuras coma a propia Malores Villanueva, Víctor Freixanes, Xose Manuel Soutollo, Francisco Castro, Antón Losada. Manuel Román, que compartiron as súas anécdotas e experiencias persoais con Don Paco. Xunto a eles, Ana María, probablemente a visión máis cercana ao homenaxeado, conformando un vídeo que nada ten que envidiar a outras cintas biográficas.

“Creamos un equipo de guionistas, redacción, entrevistas, e outro de imaxe e son, presentadores, revisores lingüísticos, trascritores de texto, persoas que nos facilitaran contactos cos entrevistados... Dende a coordinación de todas estas tarefas, que me correspondeu a min, sempre atopei ilusión e gañas de colaborar neste documental para difundir a figura humana e cultural de Don Paco”, remataba Ramiro Taboada. “Sementamos valores e iniciativas para que logo os nosos alumnos escollan a súa vocación e profesión futura. O tempo dirá se estes proxectos abrirán camiños no mundo das artes e da cultura”

Un proxecto de 35 minutos de duración, onde a biografía documentada mestúrase cos detalles máis cercanos de Don Paco, coma os que sinalaba Villanueva: un home puntual, xeneroso, sempre con ganas de axudar, un optimista radical.

E sobre todo: un dos nosos.