Máis alá da aula

Violíns de cartón para dar voz aos nenos

Así empezaron, pero agora xa contan con instrumentos reais. Faro Educa coñece de preto a historia da orquestra Son das Flores do CEIP Vicente Risco, un proxecto social e pedagóxico co que se serve da música para cambiar as cousas

Ensaio da orquestra Son das Flores no CEIP Vicente Risco de Teis.

Ensaio da orquestra Son das Flores no CEIP Vicente Risco de Teis. / RICARDO GROBAS

María Bueno

María Bueno

O 17 de xuño de 2022, aquí en Vigo, cun cheo absoluto no auditorio de Teis, a orquestra de corda infantil Son das Flores remataba entre aplausos o seu primeiro concerto con instrumentos reais. 

Sorría el máis ca ningún outro neno tras todo o curso practicando. Empezou sen comunicarse, pero algo cambiou durante os ensaios da tarde. Entón, quitou a capucha, empezou a pasalo ben e pode que por iso ese día saíra ao escenario cunha motivación e alegría que abraiaban. 

Ao mesmo tempo, a que fora mestra de Infantil doutro dos alumnos participantes non podía crer o que remataba de ver: nunca aguantaba moito tempo quieto na cadeira, pero alí o estaba, atendendo á dirección de orquestra, concentrado no seu instrumento, cunha disciplina que lle houbera parecido imposible. 

Ao rematar os aplausos, o micro pasou entre os nenos: “¿Que é Son das Flores para ti?”: “Alegría”, “un momento de pasalo ben”, “estar cos amigos”. “Para min, foino todo”, engadiu outra das alumnas do centro, de orixe senegalés e especialmente implicada na orquestra. 

“Parece que só é música, pero é moito máis”, cóntanos Sandra Fernández Fernández, mestra e coordinadora do proxecto no pequeno colexio de Infantil e Primaria Vicente Risco, con 107 alumnos procedentes dunha vintena de países diferentes e emprazado no Barrio das Flores de Teis. 

A ubicación do centro da título deste xeito ao grupo xunto a «son»: de «sonido», pero tamén de «pertenza», porque a música é só a “desculpa”, a escusa dun proxecto social e pedagóxico que busca o desenvolvemento persoal do alumnado, a transformación da contorna e a creación dunha verdadeira comunidade educativa. 

Ensaio da orquestra Son das Flores no CEIP Vicente Risco de Teis.

Ensaio da orquestra Son das Flores no CEIP Vicente Risco de Teis. / RICARDO GROBAS

Unha válvula de escape

O 50% do alumnado de Primaria do CEIP Vicente Risco xa forma parte 
desta orquestra de corda infantil que proba o papel clave da música 
coma ferramenta de educación emocional e de transformación social

“A música sempre foi a miña válvula de escape, o que me reconfortaba. Pensamos en proporcionarlles aos nenos e as nenas do cole unha ferramenta coa que expresarse, desafogarse, crecer a todos os niveis. A educación emocional e en valores é fundamental para este centro porque, e isto sabémolo todos: se nós non estamos ben, vai ser moi difícil que rendamos no colexio ou no traballo”. 

Integrante durante 15 anos da orquestra de música folk Sondeseu, título superior de Piano e profesional de Viola da Gamba, Sandra Fernández estudou ADE para traballar na empresa familiar, estivo no sector da formación privada e tamén deu clase en Secundaria. En todo ese tempo, a música nunca deixou de acompañala desde que, aos sete anos, empezara piano no Conservatorio. Aos 35, decidiu cambiar e converterse no que sempre quixera ser: mestra de música en Primaria. Empezou entón a estudar maxisterio e presentouse as oposicións. O seu primeiro destino definitivo foi, precisamente, o CEIP Vicente Risco de Vigo

Ensaio da orquestra Son das Flores no CEIP Vicente Risco de Teis.

Ensaio da orquestra Son das Flores no CEIP Vicente Risco de Teis. / RICARDO GROBAS

Ocio saudable

“A maior parte dos alumnado non facía ningún tipo de actividade extraescolar. Tiñamos que poñer en marcha algo para as tardes. Así xordeu a orquestra: para ofrecerlles un espazo de ocio saudable, unha actividade gratuíta na que puideran pasalo ben, estar acompañados doutros nenos e de referentes adultos”, explica a mestra sobre as orixes da iniciativa, pioneira en Galicia e para a que se inspirou no modelo venezolano que emprega a música coma instrumento de transformación social con “resultados marabillosos”. 

Os nenos e neas da orquestra Son das Flores posan para Faro Educa no CEIP Vicente Risco de Teis tras os ensaios..

Os nenos e neas da orquestra Son das Flores posan para Faro Educa no CEIP Vicente Risco de Teis tras os ensaios. / RICARDO GROBAS

Beneficios a nivel cognitivo e social

Se resumir as vantaxes da música para a educación nunha folla de periódico non parece doado, imaxinade aglutinalas nun único proxecto, pero Son das Flores parece telo conseguido porque, ao configurarse como una orquestra, non só saca partido dos beneficios da música a nivel cognitivo (capacidade de concentración, creatividade, constancia…), senón tamén social (traballo en equipo, habilidades sociais, convivencia). Ao mesmo tempo, todo isto ten un impacto a nivel académico e polo tanto tamén laboral nun futuro no que, a súa vez, axudará a romper barreiras e loitar contra o risco exclusión social. 

Sandra Fernández Fernández, mestra e coordinadora do proxecto Son das Flores.

Sandra Fernández Fernández, mestra e coordinadora do proxecto Son das Flores. / RICARDO GROBAS

Comunidade educativa

Sandra Fernández: 
“O proxecto xordeu para ofrecerlles un espazo de ocio saudable, unha vía de escape, unha chave coa que expresarse e crecer a todos os niveis”

A iniciativa saca tamén partido das propias características do centro, no que impera a multicultiuralidade, con nenos e nenas de 6 a 12 anos procedentes de 12 nacionalidades distintas entre os seus músicos. “Isto supón unha riqueza enorme e unha gran oportunidade de aprendizaxe. Sérvenos para xerar un vínculo común e, ao mesturar tantas idades, dáse tamén unha labor de titorización dos maiores cara os pequenos”. 

Implicar ás familias, lograr que se achegasen ao cole e que se coñecesen entre elas tamén era un dos obxectivos da orquestra. Ao vir de fóra, moitas aínda non tiñan vínculos en Vigo. Deste xeito, moitas delas, as que puideron, reuníronse e tomaron parte para axudar aos seus fillos a fabricar os instrumentos de cartón cos que comezou a orquestra ata que, fai pouco, unha campaña de crowdfunding e a aportación de particulares, permitiulles ir incorporando instrumentos reais para todos. 

Primeiro concerto da Osquestra Son das Flores, celebrado o pasado xuño.

Primeiro concerto da Osquestra Son das Flores, celebrado o pasado xuño. / ALBA VILLAR

“A voz dos nenos”

“¡¿Hoxe temos Son das Flores?! ¡¿Hoxe temos son das flores?!”

40 estudantes, exactamente a metade de todo o alumnado de Primaria do centro forma hoxe en día parte da Orquestra das Flores, que conta con cinco seccións de corda: violín, viola, violoncello, contrabaixo e viola da gamba e que se reúne todos os martes e xoves en horario de 16.00 a 17.30 horas para pasalo ben en torno a música. 

Un momento de evasión e diversión que xa é reclamado polo propio alumnado e un pulo ao benestar emocional dos nenos e das nenas que, tras o impacto da pandemia, está a ser cada vez máis requirido en todos os centros educativos. 

“Unha escola de amor e paz”, como eles din, na que soa ben forte a “Voz dos nenos”, título por certo da canción do compositor vigués Ernesto Campos, que lles encanta a todos e que empeza converterse en todo un himno para esta orquestra viguesa: “Voz de vida e esperanza, de inocencia e de ilusión (...) pero anímate, segue aquí con nós, poderíamos ser mellor (...) debería ser tan sinxelo lograr a sorriso dun cativo que non podemos nin imaxinar que en tantas partes do mundo non o podamos lograr (...) Contamos contigo no noso andar”.