SAÚDE MENTAL E ADOLESCENCIA

“Non papá, eu soliña podo”

"Hoxe, a esixencia do triunfo e dos likes, dificulta asumir a nosa precariedade para aceptar que non poder TODO non é igual a poder NADA, aceptar que non poder todo é poder ALGO"

“Non papá, eu soliña podo”

“Non papá, eu soliña podo” / SHUTTERSTOCK

Opinión: Alexandre García Caballero*

SAÚDE MENTAL E ADOLESCENCIA

Alexandre García Caballero é Psiquiatra e Coordinador de Programas de Prevención e Promoción de Saúde Mental 

Cando Donald Trump era presidente, a pesar de ser o home máis poderoso do mundo, medir cerca de 1,90 metros e pesar máis de 100 quilos, cando tiña que darlle a man a outro mandatario apertaba forte ata facerlle dano, coma un rillote calquera no patio da escola

Por que facía isto D. Trump? 

Por que moitos políticos minten sobre os seus currículos? 

Por que tod@s maquillamos a nosa inseguridade?

Alexandre García Caballero é Psiquiatra e Coordinador de Programas de Prevención e Promoción de Saúde Mental

Alexandre García Caballero é Psiquiatra e Coordinador de Programas de Prevención e Promoción de Saúde Mental / Cedida

“Unha fonte da autoestima chave
ven da ganancia de autonomía. Os adultos temos que facilitar ese proceso dando a mínima axuda necesaria porque, se damos de máis, estamos roubándolles as súas medallas e poñéndoas no noso peito”

Un recén nado chora, e aparécelle un peito na boca, ten frío e o arroupan, ten caca e o limpan, así, instantáneo. Aí está o adulto primordial para darlle conchego. Cada coidado deixa unha marca inconsciente, e cando ocorre de xeito constante adiestra ao bebé, dándolle a esperanza de que as súas necesidades serán cubertas. Isto é o que se chama Confianza Básica (Erikson), a primeira fonte da autoestima. 

O tempo pasa e, aos tres mesiños, ocorre algo fundamental: a primeira frustración. O bebé chora, pero a mamá lle di: “meu been… xa vou agoora, tranquiiiila…”, e o bebé acouga un rato. A nai fai ao bebé agardar, porque o bebé pode agardar… sabe que o queren. Pero ao tempo que agarda máis, empeza ter medo, medo a que o abandonen. O bebé oscila entre a omnipotencia, cando lle dan o que necesita, e a impotencia, cando non llo dan. 

Para superar esa dicotomía debemos atopar dentro de nós a voz materna que nos di: “doe, doe moito meu ben, pero pasará”. Atopala levará anos...

A seguinte fonte da autoestima ven da ganancia de autonomía. Paseniño, o cativo irá aprendendo a soster a cabeza, a sentar, a dar os primeiros pasos, a se vestir, a comer... Cada pasiño de autonomía é como unha pequena medalla, por iso cando lles vamos ensinando dinnos orgullosas: “Non papá, eu soliña”. Os adultos temos que facilitar ese proceso dando a mínima axuda necesaria porque, se damos axuda de máis, se lles poñemos nós os panties ou lles cortamos o filete, estamos roubándolles sen querer as súas medallas de autoestima e poñéndoas no noso peito…: “Que bo/a pai/nai son… que o dou todo”. 

Dicía Winnicott que “unha nai suficientemente boa é a que pudendo dalo todo non o da”.  

“Suficientemente” porque non é o pai ou nai “perfecto”, senón só o suficiente. Permitindo que o outro medre sen se sentir asfixiado pola presenza salvadora dos pais/nais. Criamos para desprender, debemos deixar á nosa tripulación o máis preparada posible para que faga soa a súa singradura. 

Ao principio ese barquiño non sabe cara onde ir. E os pais válenlle de modelo. Xorde de novo a fantasía, “para que me queiran teño que ser…”, e nos montamos unha película de como cremos que deberíamos ser, de que deberíamos facer... para que nos queiran. 

O ideal acompáñanos e danos autoestima se o cumprimos, pero ao chegar á adolescencia os pais deixan de ser modelo para pasar a ser referente. Deixan de importar tanto, e a rapazada xogase a súa autoestima no grupo de pares. Ser aceptado, querido, integrado. 

Na mocidade desprendémonos dese eu querido da casa, para enfrontármonos por primeira vez a un mundo no que o amor non está garantido. No que as nosas habilidades previas ao mellor non serven e debemos construír/ descubrir outros personaxes, que serán seleccionados nun proceso case darwinista no que o rol que máis autoestima nos dea sobrevivirá. 

Se preguntamos a un grupo de nais/ pais que é o que queren para seus fillos din invariablemente “que sexan felices”, pero para ser feliz neste momento sociohistórico hai que “triunfar” e entón, se o grupo non nos responde, xorden a anorexia, o exercicio ou o estudo extremos, as inseguridades identitarias de todo tipo, ou abrollan roles que buscan triunfar negativamente sendo o máis malo/a, bebendo máis, consumindo máis drogas. 

Resolver a adolescencia é atopar un rumbo, unha identidade propia, única, parecida ou radicalmente distinta á que nos ofreceu a familia e o entorno. Nese camiño hoxe a esixencia do triunfo, dos likes, dificulta asumir a nosa precariedade para aceptar que non poder TODO non é igual a poder NADA, aceptar que non poder todo é poder ALGO. 

PS: Un segredo, Donald Trump facía iso porque non podía ser Obama.