#VI FORO DE EDUCACIÓN FARO EDUCA Alexandre García Caballero e Antonio Rial Boubeta sumarán forzas na charla inaugural "Saúde Mental, adiccións e convivencia na adolescencia dixital" como pistoletazo de saída para o maior encontro coa comunidade educativa de toda Galicia

Se un 25% dos mozos ten malestar emocional nas enquisas, non é unha cuestión individual: “Estamos ante un problema colectivo e social”, di o prestixioso doutor galego Alexandre García Caballero. “Este é un malestar que nos atravesa a todos. Eu teño tres fillas e vaia se me atravesa! A solución ten que vir do grupo, non só da clínica”, di o experto, pero: como? Preguntámosllo. 

– Que lles está a pasar aos adolescentes? Preocupa o aumento de depresións e suicidios nos últimos anos?

–Despois da pandemia, observamos un aumento das clínicas de angustia, trastornos da conduta alimentaria, autolesións, ideacións e intentos de suicidio, máis nas rapazas. Estámolo a ver todos os días e, malia que aínda non se traduciu nun aumento dos suicidios consumados — por moi pequena que sexa esta cifra sempre será dramática—, si representa un gran risco para o futuro

– Débese só a pandemia? 

– Non. A tendencia observámola dende hai máis dunha década. Algúns autores cifran a súa orixe arredor da crise de 2008 e ten que ver con dous factores: primeiro, a desigualdade económica; e segundo, os cambio na subxectividade social a partir dos 90

“O móbil é un revolver. Dámoslles aos nenos o mandato social de ser felices e deixamos que sexa TikTok quen lles responda que é a felicidade. O nivel de expectativas é brutal. Logo vén a castaña”

– Cambios na subxectividade social?

– Si. Antes, se lle preguntabas ás nais e aos pais que era o que querían para os seus fillos, respondían cunha folla de ruta: que fosen bos, honrados, traballadores. Nas mulleres engadían que fosen coidadoras e, dende os 60, ademais, que estudaran para non ter que depender dun home. A partir dos 90, de xeito moi evidente, mudaron este mandato e cando fas a pregunta nun grupo, ao final alguén di: “Eu en realidade só quero que o meu neno ou a miña nena sexa feliz”. Isto é o que se chama “mandato social” e, malia que parece invisible, dita as nosas condutas. 

– Que implicacións ten todo isto para a saúde mental dos adolescentes? 

– O mandato social mudou ao tempo que a principal canle de transmisión de valores deixou de ser a familia para pasar a recaer nos medios: primeiro a televisión e despois as redes sociais. E dicir: dámoslles aos nenos o mandato social de ser felices e deixamos que sexan TikTok ou Instagram quen lles responda que é a felicidade. 

"Hai unha frase de Winnicott que hai que repetir moito: “Unha nai suficientemente boa e aquela que, podendo dalo todo, non o da”

– E que di TikTok sobre a felicidade? 

– Ás novas xeracións están recibindo constantemente a ensinanza de que para ser feliz hai que triunfar, a toda costa e no que sexa, e contalo para recibir likes. Maman desde pequenos mensaxes de tipo Barbie: ‘Podes ser o que queiras ser’, que desde logo non son verdade. O nivel de expectativas é brutal, o que fai un cóctel moi perigoso se o sumamos a unha moi baixa tolerancia á frustración. Logo, cando hai que saír ao mundo a buscar o caldo, senón antes, a realidade métenos unha boa castaña. 

– Están os adolescentes de hoxe axeitadamente frustrados? 

– Non. Pensa que, se o mandato social é que sexan felices, non parece evidente que para conseguilo haxa que poñer límites. Pero os límites serven para medrar, non para obedecer, e para gañar autonomía e autoestima. A súa ausencia xera unha inseguridade enorme. Hai unha frase de Winnicott que hai que repetir moito: “Unha nai suficientemente boa e aquela que, podendo dalo todo, non o da”. Sobre todo en Galicia, onde as nais dan ata o que non teñen porque foron educadas nesa ideoloxía de sacrificio.  

"Protexer menos aos cativos é protexelos mellor porque fomentar a súa autonomía na infancia será a base para que teñan autoestima de mozos"

– Hai un problema de hiperprotección?

– As familias queren deixar de ser helicópteros, pero moitas veces non saben como. Protexer menos aos cativos é protexelos mellor porque fomentar a súa autonomía na infancia será a base para que teñan autoestima de mozos. Canta é a axuda que lle temos que dar? Pois a mínima necesaria. E cal é a mínima necesaria? Non o sabemos, aí hai que ir probando

– E a nivel dixital? 

– Isto é curioso. Temos medo de deixarlles ir sós ata a esquina do lado, pero despois non temos problema en regalarlle un revolver pola comuñón, que é o móbil. Cando hai presión de grupo, os adultos comportámonos como adolescentes: “e que todos teñen teléfono”. Vale, pero ti non deixas que o teu fillo vaia fumar porros porque “todos o fagan”. O tema é: como lle axudo máis a crecer?, con móbil ou sen el? 

"Os adultos de 40 ou 50 anos comportámonos como adolescentes. Entramos nós tamén na fantasía. O noso exemplo é fundamental. Pedímoslles aos rapaces que sexan perseverantes cando nós facemos o contrario"

– Os adultos comportámonos coma adolescentes? 

– Hai unha cousa coa adolescencia: estendeuse cara abaixo, os nenos empezan antes con condutas sexualizadas — dicía o outro día o psicólogo Ricardo Fandiño que había que infantilizar a infancia e ten toda a razón— ; e cara arriba: os adultos de 40 ou 50 anos comportámonos ou queremos comportarnos como adolescentes: ausencia de límites e vencellos, relacións líquidas, dificultades de aceptación de nós mesmos. Entramos nós tamén na fantasía. O noso exemplo é fundamental: pedímoslles aos rapaces que sexan perseverantes cando nós facemos o contrario. 

– Por onde empeza a solución?

– O primeiro que temos que entender é que este é un problema social e colectivo, que vai mais alá do caso concreto de Brais ou o de Alba. Un por unha cousa e outro por outra, ao final resulta que temos a toda a poboación patolóxica. Como vai ser? Non podemos pensar que un cuarto dos adolescentes está enfermo ou que todos requiren atención psiquiátrica ou psicolóxica

"O 'enfinismo' sucede porque só os grupos poden desafiar os mandatos colectivos"

– A chave está no grupo?

– Este malestar atravésanos a todos, eu teño tres fillas e vaia se me atravesa, pero o mesmo tempo está invisibilizado: se o falamos, falámolo entre dous ou tres pais e encollémonos de ombros, dicindo: “en fin… o mundo é así”. Ese “enfinismo” sucede porque só os grupos poden desafiar os mandatos colectivos. Temos que traballar coas familias e cos rapaces en grupos, estratexia na que xa estamos dando pasos e para iso é moi importante contar co apoio dos medios de comunicación. Por iso tamén son fundamentais foros como o de FARO EDUCA de setembro.


VI Foro de Educación


Vuelve el mayor encuentro de toda la comunidad educativa gallega: padres, docentes, pedagogos...
Más información