Arte: exposicións

Paraísos e desterros

Acuarelas e debuxos de Plácido Castro

Detalle da obra "Santa Mariña, Cambados" (1925).

Detalle da obra "Santa Mariña, Cambados" (1925). / Arquivo

“Disolución de illas nos azules do mar,/transparencia de illas nos azules do ar.../Azules de Cobalto, de Prusia Cianino,/Alizarín, Amberes, Cerúleo, Ultramarino?/Viridiano, Esmeralda, nos verdes da ribeira?/E que? Nomes de cores, de terra de poeira,/pra pintar un ensoño, un feitizo amatista./¡Oh, divina acuarela! ¡Meu Deus, meu Deus, qué artista!”

Na cita poética coa que encabezamos estas liñas, Plácido Castro (1902-1967) mostra a súa fascinación coa acuarela como recurso de captación da paisaxe, ao tempo que evidencia o seu coñecemento técnico deste medio de expresión plástico. Os versos son ben ilustrativos de certo pendor estético do intelectual que manifesta un extraordinario interese por coñecer todo o que o rodea, tamén no ámbito artístico e estético. Os debuxos e acuarelas que ao longo de toda a súa vida realizou son boa proba desta activa curiosidade e son tamén un espello das súas preocupacións intelectuais.

Paraísos e
desterros

"Anoitecer" (1926). / Arquivo

Desde o pasado 23 de febreiro podemos achegarnos a esta faceta íntima do intelectual galeguista nunha exposición que se presenta en Cambados no Pazo de Torrado, acompañada de textos de Xulio Ríos e José Vaamonde. Cómpre lembramos que Plácido Castro non foi propiamente un artista plástico e a súa actividade como acuarelista non supuxo unha dedicación central dentro da súa polifacética personalidade intelectual, orientada cara o xornalismo, o activismo político, a tradución e o ensaísmo. O noso escritor utilizaba a acuarela de maneira lúdica e complementaria da súa escrita, reflectindo con este labor non só unha actitude de curiosidade estética, senón unha clara liña de preferencias culturais e mesmo unha determinada maneira de ollar, que se pode pór en clara relación coa súa formación intelectual.Como é ben coñecido, Plácido Castro estudou desde os seis anos en Escocia e en Glasgow obtivo a licenciatura en Filoloxía. Do mesmo xeito que a maioría das persoas de formación humanística da súa xeración, no contexto europeo, tiña a práctica do debuxo e a pintura como unha posibilidade expresiva -e utilitaria- natural.

Santa Mariña,  Cambados (1925).  Nas imaxes pequenas: Autorretrato (1923); Anoitecer (1926). |  FOTOS:  ARQUIVO

"Autorretrato" (1923). / Arquivo

TÍTULO

As paisaxes de Plácido Castro. Acuarelas e debuxos dos seus paraísos e desterros

AUTOR

Plácido Castro

LOCAL

EsPazo Torrado, Cambados

DATA

Até o 14 de abril

A cita coa que principiamos este artigo tamén nos ilustra sobre un sentimento intenso ligado á paisaxe, moi propio dos homes do seu tempo -velaí os membros da Xeración Nós con quen ten tantas afinidades- da cal dan fe tamén abondosos escritos e unha parte da súa poesía.

O que nos mostran con nítida claridade os debuxos e pinturas que ao longo de toda a súa vida realizou é unha activa curiosidade a respecto da pintura e, ao mesmo tempo un coñecemento notábel do medio e son tamén un espello das súas preocupacións intelectuais. Foron parte inseparábel da súa personalidade como testemuña a descrición que fai o seu amigo Álvaro Álvarez Blázquez da casa de Plácido Castro na praia da Calzoa, na Carrasqueira, Coruxo (Vigo), lembrando os anos 1942-1943: “Todo pulcro, limpo e ordenado da man do propio Plácido nas cousas persoais: os libros, as carpetas, as libretas de debuxo, a caixa das acuarelas, moitos lápises e pinceis, o cinceiro sempre enriba da mesa...”.

Centrándonos nos aspectos formais, en conxunto, as súas acuarelas transmiten unha sensación bastante homoxénea, facendo primar a vontade de reproducir, sinteticamente, os motivos que chaman a súa atención. A diferenza fundamental está entre as paisaxes da natureza pura e as obras nas que reproduce construcións, as primeiras son as que teñen unha maior espontaneidade; as segundas lembran certo debuxo utilitario mais con vontade de estilo. As máis logradas, desde o noso punto de vista, son as que optan por un maior esquematismo e sintetismo e tenden á planimetría.

Espello das preocupacións

Aínda que, en xeral, os seus traballos optan por unha captación mais ben académica, non deixa de haber afinidades nos motivos tirados do natural cos seus contemporáneos artistas galegos, como se pode comprobar comparando algunha das súas acuarelas con obras d’Os Novos. O certo é que a paisaxe natural captada ao ar libre e as arquitecturas de corte popular e señorial, temas cos que coincide con boa parte dos intelectuais galegos do seu tempo, son tamén relevantes por nos forneceren evidencias dun mundo referencial común, que debemos situar no contexto evolutivo da nosa cultura e na convivencia xeracional cos artistas do movemento renovador da arte galega.

Ao comezarmos estas liñas referiámonos ás acuarelas de Plácido Castro como espello das súas preocupación intelectuais. As chaves do seu achegamento ao mundo da arte están, pois, claramente marcadas pola súa formación e sensibilidade, son produto da ollada dun home de formación humanística, que ten da arte a máis alta concepción, que quere “pintar un ensoño”, como el mesmo imaxinaba nun dos seus poemas, un “ensoño” que con certeza situaría nalgunha praia das costas galegas, se cadra en Corcubión, en Coruxo, en Vilagarcía ou en Cambados.

Suscríbete para seguir leyendo