Entrevista | Bieito Romero Músico fundador do grupo luar na lubre

“Este é o noso derradeiro disco en formato físico”

Luar Na Lubre XX. Encrucillada. Eis o título do vixésimo álbum deste histórico e referencial grupo de folk galego que tamén se encamiña a cumprir os seus 40 anos de andaina artística.

A formación actual de Luar Na Lubre

A formación actual de Luar Na Lubre / PIM

–Era este o momento de botar unha ollada atrás para poder seguiren camiñando cara adiante?

 –Este é un disco no que fixemos un traballo musical retrospectivo, que non biográfico, moi do noso gusto emocional. Trátase dun álbum significativo, no senso de que estamos diante dun disco físico, o vixésimo, que en números romanos escríbese XX, e de aí o título de Encrucillada, porque representa a fin dun camiño e o comezo doutro, e porque para poder seguir o camiño, había que tomar unha decisión e esa foi a de que, a partires deste, os nosos seguintes traballos xa non terán o mesmo soporte, senón que sairán só en formato dixital.

–Iso soa cáseque a unha despedida.

- Non; non falo da fin do grupo, senón de parte da súa traxectoria, a que levamos até o de agora, por iso eliximos con agarimo un monllo de cancións que levan connosco moito tempo. E xa digo, o criterio da selección foi máis ben o da emoción; de feito hai pezas que son referenciais da nosa traxectoria, como pode ser o caso de “O son do ar”, que non están neste disco. Estas son cancións moi especiais, sobre todo para nós, que decidimos regravar anovándoas; é dicir, dándolles uns arranxos novos. Pero quero deixar claro que os Luar na Lubre temos pensado seguir compoñendo e dando concertos até que o corpo o ature.

 –Cando iniciou o proxecto de Luar na Lubre, pensaba que chegarían a gravar e publicar vinte discos e que o grupo duraría tantos anos (de feito está a punto de cumprir corenta)?

 –Iso nin se me pasaba pola cabeza. Daquela eramos uns rapaces que no único que pensabamos era en divertirnos, en tocar e,iso si, en reivindicar a música tradicional galega nuns tempos moi complicados. De feito, gravar o primeiro disco xa foi para nós un soño. E o caso é que levamos xa vinte discos e máis de dous mil concertos xa!

 –Falemos de Encrucillada. Gustaríame que me contase a relación de LNL con Pablo Milanés (do que inclúen a canción “El largo Camino de Santiago).

 –A verdade é que eu non cheguei a coñecer persoalmente a Pablo Milanés. E iso que esta é a súa segunda (malia que póstuma) colaboración connosco. A primeira vez foi cando puxo a voz a “Tú gitana”. Daquela convidoume á súa casa, na Habana, pero debido aos meus medos persoais aos voos en avión de longas distancias, en lugar de min desprazouse deica alí o técnico de produción mentres eu quedaba aquí, coordinando o traballo. Desta volta, para “El largo Camino de Santiago” foi a súa parella, Nancy, que é galega, a que nos propuxo facer unha versión desa peza que el visualizaba como un encontro entre a música caribeña e mais a música celta. Desgrazadamente, a morte de Pablo impediu que nos atoparamos entre nós, porque incluso tiñamos previsto facer un video conxunto.

 –Por outra banda, o “regreso” de Rosa Cedrón con “Canto de Andar” é todo un acontecemento.

 –Con Rosa sempre mantivemos unha boísima relación.Nun momento determinado, por cuestións profesionais, cadaquén seguiu o seu propio camiño, pero as relacións sempre estiveron aí e, de feito, nos últimos anos fómonos encontrando en moitos sitios. Unha das última veces foi no enterro do que fora o noso violinista, Eduardo Coma, que faleceu en novembro pasado. De feito, alí empezamos a falar da súa colaboración neste novo traballo.

 –Tamén están presentes en Encrucillada as outras cantantes do grupo. Por que, á hora de elixiren voces solistas para LNL, sempre escolleron mulleres?

 –Por razóns puramente artísticas. Nós, dende que comezamos, temos unha estética musical determinada á que lle vai moi ben as voces femininas. E aínda que en ocasións temos recorrido puntualmente a voces masculinas, é certo que, ademais das voces principais e membros do grupo, tamén a maioría das colaboración vocais foron de mulleres.

A formación actual de Luar Na Lubre.  | “LAB ON WHEELS” CLASSIC PHOTOGRAPHY

A formación actual de Luar Na Lubre / “LAB ON WHEELS” CLASSIC PHOTOGRAPHY

 –Encrucillada é un disco... e un libro. Quixera que me falase do libro, dos seus contidos, dos seus autores...

 –Si, e aínda máis case que se pode dicir que Encrucillada e máis un libro ca un disco (risos). Nel, inclúense, ademais dunha especie de crónica da nosa traxectoria, con fotos, recortes de prensa, crónicas das nosas viaxes polo mundo…uns sesenta textos asinados por xente vonculada a nós e á cultura galega e doutros lugares. Ten arredor de 250 páxinas e colaboran escritores coma Xesús Fraga ou María Solar, cantantes como Carlos Goñi e Miguel Ríos, músicos como Quico Comesaña e… ben, mellor non sigo que igual me esquezo dalgúns. Todos eles e elas danlle unha pincelada moi particular e, para nós, moi emotiva.

 –Qur representa Mike Olfield na traxevtoria de LNL?

 –Por suposto, Mike Olfield tamén está no libro (risos). Mike representou un punto de inflexión importantísimo para Luar na Lubre. O seu foi un padriñado fundamental nun tempo no que tiña unha pegada fortísima na música e, vaia, que daquela decide facer unha versión de “O son do ar” e, a partir de aí, todo se disparou, todo colleu outra dimensió: tivemos a fortuna de fichar pola multinacional Warner e conseguimos vender moitísimos discos e chegar a moita xente en todo o mundo. E, claro que si, Mike Olfield foi un gran padriño, pero non é menos certo que se non tivésemos un boproxecto musical, con xa daquela dez anos de andaina, a súa axuda tivera sido anecdótica.

 –Houbo algún momento no que o grupo correra o risco de desaparecer?

 –Non, nunca. Houbo momentos mellores e peores, altos e baixos, como en calquera proxecto artístico ou incluso en calquera traxevtoria vital, pero endexamais nos plantexamos desaparecer. Ultimamente, estivemos publicando unha media dun disco cada dous anos e e isto é algo do que moi poucos poden fachendear. E non de discos calquera, senón de obras que van acompañadas das súas correspondentes xiras. Pódese dicir que non paramos de tocar dende que nacemos.

 –E cal é a clave da súa pervivencia e de tanta produtividade?

 –Coido que estriba en que sempre nos fomos reinventando. Dende hai anos, por exemplo, xa non se estila facer discos físicos, pero pódense facer máis concertos…E tamén facilita as cousas que a maioría de nós, ademais de tocar en Luar na Lubre, temos otras actividades. E, para o tempo que levamos, a verdade é que conseguimos ser un grupo moi estable, e sempre con ideas, con boas vibracións, na procura desa inventiva que se pode atopar en calquera situación da vida.

 –Que lle queda por facer a LNA que non tivera feito xa ao longo deste case corenta anos?

-Eu que sei! E iso é o bo: que non o sei, porque se o soubese, até perdería a graza. Pero sempre quedan cousas por facer. O importante é non pararse. Porque se te paras, como di o refrán, “camarón que se duerme….” E nos acreditamos moito nos refráns, fiámonos da sabedoría dos vellos (risos).E abofé que de Galicia e dos galegos hai moitas historias por contar e moita música que poñerlle a esas historias. E iso por non falar do imaxinario popular, que é infitinito. Ou sexa, que recursos sempre hai. Que qué nos queda por facer? Pois “a de Deus”. Que que imos facer? Pois iso, que non o sei. Xa xurdirá no momento preciso.

Suscríbete para seguir leyendo