Banda deseñada

"El duelo", premio Antifaz

A revelación Paula Cheshire

Unha das viñetas de "El duelo" (2023).

Unha das viñetas de "El duelo" (2023). / Raquel López

Raquel López

A BD El duelo fixo merecedora á autora da mesma, Paula Cheshire, do premio Antifaz á Autora Revelación no Salón do Cómic de Valencia así como un nomeamento ao premio Miguel Gallardo á Autora Revelación no Salón do Cómic de Barcelona nas edicións do presente ano, 2023. En novembro de 2022, Fandogamia Editorial publicou esta obra, o primeiro traballo integramente guionizado por Paula Cheshire (Pontevedra, 1993), nome artístico de Paula García Márquez; unha novela gráfica íntima na que fala do proceso de reconstrución que tivo que afrontar tras a perda da súa nai, atravesando diferentes etapas e tentando aprender a vivir coa dor.

Ata esta obra, Paula Cheshire participara en fanzines ("Museo", "Zuzumba Fanzine" e "Baila conmigo #2") dentro da web Subcultura; ilustrara os libros infantís Un tesoro para Martín, con texto de Lucía e Ana Ribeiro, e mais a triloxía Contos para entender o noso planeta, xunto a María Mosquera; e publicara asemade Miquits (Antela Editorial), cómic infantil guionizado pola propia editorial. Autopublicou igualmente Me das ansiedad, unha recompilación de viñetas que recolle as súas publicacións pandémicas en redes sociais, contando a través de ilustracións os pensamentos e emocións desa época. Estas tiras, facilmente empatizables para a xeración millennial que as podía ler en Instagram, converteron á Cheshire nunha “autora á que seguir”. Agora, en El duelo, Paula fálanos da súa nai, de quen era, de canto a quería e de como a perdeu por culpa dun cancro de páncreas. Trátase unha homenaxe e dunha maneira de revivila, pero tamén un manifesto da profundidade dalgunhas dores difíciles de comunicar.

  • El duelo

    Paula Cheshire
    Fandogamia, 2022, 136 páxs.

El duelo non é unha recompilación mais tampouco conforma unha narración lineal tradicional. Estamos diante dun exercicio de introspección para desafogar e dun testemuño co que a xente que estea a pasar por un proceso similar pode identificarse, para non sentirse tan soa ou estraña, e que está articulado de forma estruturada. Cada capítulo céntrase nalgunha das fases do duelo ou da sucesión de emocións intensas e caóticas arredor dun fío central: a aceptación da ausencia. Aínda que poida parecelo pola descrición, non é un libro de autoaxuda (aínda que podería axudar a persoas en procesos similares), senón a narración, honesta e natural, dunha experiencia tan complexa que respira realidade. Unha especie de catarse, porque a arte, aínda que sexa un tópico, si que pode resultar curativa. Outra pequena chiscadela da autora á súa nai, que era enfermeira.

Na imaxe grande: unha das viñetas de El duelo (2023). Arriba:  a autora da BD,  Paula Cheshire (Pontevedra, 1993).

A autora da BD, Paula Cheshire (Pontevedra, 1993). / Raquel López

A través dalgunhas metáforas e narracións sinxelas, Paula Chesire consegue transmitirnos a súa dor, privada dunha forma universal, cun traballo meritorio ao ordenar e priorizando que emocións reflectir así como traducir a complexidade da mestura neste proceso, nunca idéntico, que non ten un final claramente marcado. Logra, entón, a cumprir a premisa de contar a súa historia sen caer (demasiado) no humor negro nin no melodrama, e aínda que o tema é moi duro tamén hai espazo para pensar nun futuro máis cálido e esperanzador. Parte deste equilibrio conségueo co contraste que dá o ton das súas ilustracións, de estilo amable, e cheas de personaxes simpáticos e algo caricaturizados, cunha paleta pastel algo saturada que evita as cores primarias máis básicos en favor de moita presenza da gama violeta e maxenta.

el duelo (1)

Unha das páxinas da BD "El duelo". / Fandogamia Editorial

A edición de Fandogamia é sinxela e coidada: 136 páxinas a cor nun práctico tamaño A5. Rústica, con lapelas e un acabado mate perfecto para a paleta de cores. Ademais, inclúen un detalle interesante, un aviso, tanto no interior como na contraportada, de que no cómic se tratan temas sensibles, que implican certa lectura responsable.

Despois dos último títulos, Paula Cheshire confesa que necesitaba “alixeirar” un pouco nos seus seguintes traballos, polo que optou novamente pola autopublicación con Meigatas, unha recompilación de tiras, como se pode deducir polo título, sobre gatas meigas: viñetas máis divertidas e desenfadadas, protagonizadas pola súa gata Mei. Continuando coa cultura meiga, tamén está a traballar noutro proxecto, nesta ocasión da man de Grafito Editorial, que se titula La receta de la magia e ten data de publicación prevista para o 2024. Todas as súas obras e como adquirilas pódense atopar na súa páxina web ou redes sociais.

[object Object]

O barrio vigués do Calvario volve estar de noraboa; este ano volverán contar con Banda á Feira, o encontro de BD organizado pola asociación de veciños do barrio. Esta segunda entrega terá lugar entre os próximos 12 e 14 de maio. Ademais de afianzar un pouco máis esta cita como anual, como na ocasión anterior, o obxectivo está en converter o mundo do cómic en algo alcanzable e disfrutable por todas e todos. Para iso, durante esta fin de semana haberá charlas, presentacións e mostras do traballo de diferentes autoras e autores. Ademais, na Praza da Banda, novos artistas poderán amosar ou seus traballos.

Algunhas das persoas convidadas este ano son Juan Díaz Canales, guionista da famosa serie Blacksad; Miriam Bonastre, autora de Hooky e Marionetta; o ilustrador Carles Dalmau; a consagrada debuxante e guionista Teresa Valero; Kenny Ruiz, autor de El cazador de rayos, Barcelona y Dos Espadas, e Miguelanxo Prado.

O venres e o sábado asinarán Kiko da Silva, Paula Cheshire, Pablo Carreiro, Anémona de Río, Miguel Rojo, Pablo Prado, David Braña, Manuel Veiga, Jorge Campos, Adrián Morgade, José Malvárez, Ángela Curro e Miguel Fernández.

Suscríbete para seguir leyendo