Libros

Polo universo Gloria

Para saber relacionarnos co outro

Aspecto da portada do libro "Gloria".

Aspecto da portada do libro "Gloria". / María Navarro

María Navarro

Sen dúbida, Gloria Fuertes vén ser unha das escritoras máis representativas da chamada Xeración dos 50. A súa personalidade, a súa forma de contar e mais a súa escrita constitúen un universo literario singular, recoñecido polos seus contemporáneos e tamén por novas xeracións, sensibles á sinxeleza, delicadeza e protesta a un tempo.E vimos contar agora cunha nova mostra de estima cara ao seu labor, desde as páxinas de Gloria, volume da autoría de Ramón D. Veiga e que vén de publicar Triqueta Editora. Como non podía ser doutro xeito, a característica rima que establecía nos seus escritos está incluída no volume que leva o nome da escritora, reflictindo a cotidianidade dun día calquera da semana feito especial porque a protagonista, acompañada da súa amiga Coleta e mais do seu can Pirulín, van ao Rastro e viven unha fermosa aventura paseando por unha rúa ben fantástica.

O emprego de frases feitas e refráns, a escolla dun rexistro infantil e botar man de coloquialismos, unido á presentación dunha realidade dura onde as estreitezas económicas se unen ao desexo duns cativos por compraren unhas tesoiras ou un cacho de empanada, amosan que Gloria é feliz a pesar das circunstancias. A crítica está na base das palabras dos rapaces, que admiten con naturalidade a súa situación e non dubidan en seguiren adiante co seu percorrido, convencidos de que na vida as cousas importantes non teñen prezo.

Posto que a realidade tamén é un relato, optar por ficcionar unha vida semella unha boa maneira de dar a coñecer a achega que alguén fai, diríamos que á humanidade. Quizais se poñen así en marcha neuronas espello, chave para que o noso cerebro comprenda as accións e os sentimientos dos demais que permiten desenvolver a capacidade de relacionármonos co outro e co entorno.

  • Gloria

    Ramón D. Veiga (Iván R., ils.)
    Triqueta, Vigo, 2023, PVP. 12 €

Suscríbete para seguir leyendo