Centenarios na exiptoloxía

A pedra de Rosetta e Tutankamon

Máscara funeraria de Tutankhamon no Museo do Cairo.

Máscara funeraria de Tutankhamon no Museo do Cairo. / Arquivo

Entre as grandes civilizacións da Antigüidade, os primeiros sistemas de escrita empregaron pictogramas que, co tempo, pasaron a grafemas que representaban unha realización fonética. No caso exipcio, a escrita xeroglífica foi utilizada desde o ano 3.300 a. C ata o 394 d. C. e no seu tempo estaba reservada ás clases poderosas e sacerdotais. Porén, o desenvolvemento da civilización propiciou a procura dun sistema máis doado, a escrita hierática, de uso doado con papiro e cálamo. A súa vez, e xa cara o 600 a. C., foi simplificada na escrita demótica, substituída a partir da dinastía dos Ptolomeos pola grega.

Os estudos destes sistemas gráficos son ben antigos pero era o máis primitivo, o xeroglífico, o que obviamente máis dificultades presentaba. Durante a expedición que Napoleón emprendeu en Exipto en 1798, da que formaban parte cento sesenta e sete expertos en diversas ciencias, un oficial do exército, Pierre-François Bouchard, atopou en 1799 unha pedra nun forte otomán en Rashid (afrancesado en Rosette) que tiña tres fragmentos de texto escritos en tres sistemas diferentes de escrita: xeroglífica, demótica e grega antiga.

Rescatada a pedra, uns meses despois pasou a ser botín de guerra cando os británicos, aliados do emperador de Istambul, expulsaron os franceses de Exipto en 1801. Os obxectos gañados, entre eles a pedra de Rosetta, foron trasladados de inmediato a Londres. A partir de copias e litografías, o contido da pedra comezou a ser estudado. En 1822 o exiptólogo francés Jean-François Champollion presentou os resultados de traducir o texto trilingüe, especialmente interesante verbo da versión xeroglífica que, malia algunhas dúbidas, abría as portas a interpretar a antiga lingua exipcia.

Custodiada desde 1802 no Museo Británico (que hogano celebra unha exposición cos xeroglíficos que conserva: xa sabemos que dos museos, como dos porcos, todo se aproveita), é o obxecto máis visitado desta institución. Non cabe dúbida que a súa posesión se debe a un dobre espolio e que calquera reclamación por parte das autoridades exipcias, como a feita en 2003, resultou (e resultará) infrutuosa. Mais o certo é tamén que, no ámbito dos estudos sobre Exipto, se cumpre un século do que constitúe con toda certeza o achado máis coñecido entre todas as escavacións feitas no Antigo Exipto: a sepultura do faraón Tutankamon, dada á luz polo exiptólogo británico Howard Carter. A importancia do achado non radicou tanto no valor dos obxectos descubertos (que tamén) como na tecnoloxía empregada nunha expedición pensada con criterios modernos.

Centenarios  naexiptoloxía

A Pedra de Rosetta. / Arquivo

Carter foi un apaixonado das antigüidades exipcias desde neno. Bo debuxante, en 1899 e con vinte e cinco anos, foi nomeado inspector do Servizo de Antigüidades Exipcias no Alto Exipto, onde supervisou diversas escavacións, con novos métodos para achar xacementos. Despois de deixar o seu traballo en 1905 por un conflicto cuns turistas franceses (defendeu aos traballadores locais), dous anos despois comezou a traballar para Lord Carnarvon, entusiasta e mecenas da exiptoloxía. Parados os traballos durante a guerra mundial, en 1917 recomezaron as escavacións na Val dos Reis. Durante unha escavación, un traballador tropezou cunha pedra que resultou ser o chanzo superior dunha escaleira. Revisada por Carter, este decatouse de que remataba nunha porta de barro. Tras unha primeira exploración preliminar, e cando Lord Carnarvon xa andaba enfadado pola falla de achados, o 7 de novembro entraron na tumba en presenza dun oficial exipcio. O achado foi fabuloso, sendo o símbolo de tal riqueza a máscara en ouro do faraón. Inventariar o achado para o museo de El Cairo ocupou dez anos a Carter.

Ao ser unha escavación privada, non foi difícil escamotear algúns obxectos se ben a maioría quedaron en Exipto, cousa que, naturalmente, as autoridades británicas nunca lla perdoaron a Carter, de tal xeito que non lle fixeron recoñecemento ningún. Con todo, e malia a lenda da suposta maldición de Tutankamon, os estudos en exiptoloxía tiveron unha nova dimensión despois do seu labor.

Suscríbete para seguir leyendo