Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ANO LAXEIRO 2022

Laxeiro descoñecido

Obras inéditas da primeira época

8

Nas diferentes imaxes: diversas perspectivas da mostra Laxeiro descoñecido, I, nos locais da Fundación Laxeiro (Vigo). Alba Villar

A viguesa Fundación Laxeiro inicia o “Ano Laxeiro”, con motivo do acordo da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicar ao pintor de Dorramiro (Lalín) o Día das Artes 2022, coa primeira de dúas exposicións. Co título xenérico Laxeiro descoñecido, e co comisariado de Javier Pérez Buján, preséntase unha selecta escolma de obras inéditas, localizadas en colecccións privadas despois da publicación do Catálogo Universal do artista en 2009. A primeira achega, subtitulada Obras inéditas de primeira época, está formada por un conxunto de pezas datadas entre inicios dos anos trinta e comezos dos cincuenta. Son traballos en que se pode percibir a maioría das características da súa estética e da súa narrativa daqueles anos, con notábel presenza de temas populares ben característicos do autor, como as carnavaladas, peliqueiros ou feirantes que dan título a varias das obras presentes na mostra. Na exposición tamén se poden observar algúns motivos que proceden da estética simbolista como As tres idades (ca. 1930) xa tranformados pola singularidade do seu primeiro estilo dentro da denominada estética do granito.

Laxeiro descoñecido

O conxunto da mostra, excelentemente presentada e seleccionada, permite unha atractiva aproximación ao labor do artista nas décadas iniciais do seu traballo. Cómpre subliñar que Laxeiro, a pesar do que poida semellar nunha ollada non atenta, non se centra na deformidade expresionista por unha vontade de carácter costumista senón que o fai co desexo de afondar no que poderiamos chamar o enigma do popular. O pintor de Lalín non pretende caricaturizar o popular nin tampouco fai un simple enxalzamento do pintoresco senón que constrúe unha estética desde a profundidade íntima do popular, lonxe de calquera academicismo. Neste sentido a cor, cunha gama ben definida, expresa a tensión enigmática que supón o seu fundamento estético e a súa concepción fonda da vida e da arte.

Trátase dunha atractiva achega ao labor inicial do artista

O que si fai Laxeiro é conectar e recrear intensamente os acenos populares para configurar unha forma de beleza que pode chegar a desacougar mais non a angustiar porque nel o goce vital e estético van sempre da man. Neste sentido son especialmente significativas as obras que teñen temáticas ligadas ao entroido, que destacan entre o conxunto de traballos inéditos agora presentados.

Alén diso, este tipo de pinturas e debuxos realizados por Laxeiro desde inicios da década dos trinta, cómpre situalos nun discurso presente na arte galega desta altura (Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Torres, Manuel Colmeiro) que se afasta do costumismo rexionalizante por medio dunha pintura que non tenta gratificar os galegos visualmente, senón proporlle climas, intencións, reavaliacións e rupturas, compartindo perplexidades e dotando de vida e esperanzas a un contexto problemático. Neste sentido, ademais das súas calidades intrínsecas, obras como as recollidas na mostra Laxeiro descoñecido I. Obras inéditas de primeira época cobran unha outra óptica: aquela que se dirixe cara a natureza de representación, ao microcosmos fragmentario e polisémico que é Galicia, un aspecto que os sectores intelectuais da sociedade galega de antes da Guerra Civil percibían con toda rotundidade.

Título: Laxeiro descoñecido I. Obras inéditas de primeira época. 

Artista: Laxeiro (José Otero Abeledo, 1908-1996).

Tipo de obra: debuxo e pintura. Comisariado: Javier Pérez Buján.

Lugar: Fundación Laxeiro. Rúa Policarpo Sanz, 15, 31, Vigo. Até o 5 de xuño de 2022.

Reforzar unha realidade cultural

Vista a pintura de Laxeiro nestas coordenadas, faise máis palpábel que o artista non realiza unha arte pola arte, nin tampouco unha arte política stricto sensu, senón que desenvolve unha actividade creativa que, lonxe de reproducir ou subverter o real, aspira, con todas as súas forzas, a “reforzar” unha realidade cultural e por iso desbota con firmeza calquera “vangardismo de salón”. As súas son obras que comezan por destruír o seu propio virtuosismo, como reclamaba nos anos de entreguerras, e no contexto xeral europeo, o crítico alemán Carl Einstein, un teórico deses convulsos tempos que entendía que as obras de arte non eran simples ficcións senón “enerxías prácticas efectivas”. Unha definición que lle acae á perfección a moitas destas creacións de arte do noso movemento renovador e de xeito moi particular a moitos dos traballos que nos ofrece a exposición que agora presenta a Fundación Laxeiro.

As obras do primeiro Laxeiro son, polo tanto, síntomas e exemplos dun proceso estético que se configura como permeábel ás diferentes tensións globais da súa época mais con marcada empatía cos valores culturais nacionais e de clase. No camiño que percorre nos anos trinta e corenta Laxeiro logra superar o rexionalismo costumista que durante moito tempo definira a produción pictórica dos artistas galegos e manter un complexo equilibrio entre autonomía estética e compromiso social e nacional, como acontece con moitos artistas noutros contextos europeos e americanos, e en sintonía cos debates estéticos do momento no ámbito internacional.

Compartir el artículo

stats